44 anos de historia: “Rapa das Bestas de Campo do Oso”

A Rapa das Bestas en Galicia existe dende fai séculos e é sobre todo un día de festa; os cabalos qeu se baixan ata o curro son todos cabalos galegos de monte, raza autóctona que conserva case intacta unha gran parte da súa pureza. Sen ser de cor castaño ou negro, cunha musculatura potente, de pouca alzada e dotados dunha gran enerxía.

Dende o ano 1.968, cada cuardo domingo do mes de xuño, celébrase unha destas rapas nos montes do “Campo do Oso”, na que se reunen centos de cabezas de gando cabalar, que durante todo o ano pastan libremente arredor do curro do citado lugar; a primeira rapa que se celebrou neste curro estivo amenizada polo cuarteto musical “Brisas del Masma”. Co paso dos anos o espectáculo vai en aumento chegando xa os grupos e as orquestras.

O curro de “Campo do Oso” atópase situado nas ladeiras do monte de Carracedo, próximo á estrada comarcal que comunica a poboación de Mondoñedo coa parroquia de Sta. María de Bretoña, pertencente ao concello de A Pastoriza.

É un recinto descuberto, de forma irregular, cerrado cuns muros de pedra e uns tocos de madeira, inclúe cancelas para o acceso das manadas ao curro e posteriormente a súa saída xa marcadas e cortadas as súas crinas.

A primeiras horas da maña, experimentadas xentes da parroquia de Sta. María Maior, acompañadas polos seus incondicionais cans, ascenden aos montes, pese á densa néboa que habitualmente os cobre, para reunir e baixas as cabezas de gando ata o curro.

Escóitanse durante estas primeiras horas da maña fortes voces humanas, relinchos das cabalerias, ladridos dos cans… Ao pouco tempo divisamos xa un grupo de xinetes e animais descendendo monta abaixo que se introducen no interior do curro con gran maestría. Dentro xa do recinto a manada responde co nerviosismo que invade aos animais ante a atenta miradas dos centos de espectadores que todos os anos acoden a este evento.

Un dos monteiros, axudado por outros compañeiros, penetra no medio da manada cun lazo anoado a unha longa vara para atrapar o animal elixido. Aumentan os relinchos e os espasmos dos animais, os homes loitan a brazo partido, sen outras armas que a forza e a coraxe para derribar os animais.

O verdadeiro espectáculo comeza despois, cando o noso veciño Armando Lorigados, popularmente coñecido como “Armando do Besto” abalánzase con gran coraxe sobre o cabalo, suxeitándoo polo pescozo, cunha dose de maña e outra de forza, ata derribalo. O popular “agarrador” recibe os aplausos dos numerosos espectadores chegados de toda Galicia e é pasto dos obxetivos de todas as cámaras; nestes intres vive a súa maior gloria.

A continuación outro monteiro achégase o lume que arde nunha esquina do recinto, onde se atopa un ferro candente, que é usado para marcar o potro nunha anca.

Dentro do recindo tamén observamos a presencia dos fortes garañóns, que de vez en cando entran en contacto físico e iníciase así unha feroz loita entre eles con dentadas e couces, formando parte deste gran espectáculo.

Numerosas son as persoas que seguen con gran interese estes traballos, aínda que as veces con pouca visibilidade, ao non estar o recinto ben adaptado.

A rapa tamén ten o seu ritual gastronómico. Ao mediodía chega a hora do polbo, o churrasco, o lacón, os chourizos e empanadas, acompañado todo elo de bos viños; ademáis disto na rapa podemos atopar variados postos de churros, pan, bares e incluso roupa e xoguetes.

A media tarde, se o tempo o permite, celébrase unha interesante carreira de lustrosos cabalos na explanada, onde podemos observar a súa gran destreza, axilidade e velocidade, e como non, a maestría dalgúns xinetes.

Cando a tarde avanza e se achega a noite, os monteiros xa esgotados escoitan as últimas pezas dos grupos musicais que amenizan a xornada, namentras o gran número de visitantes volve aos seus fogares.

E por último cabe comentar tamén a asistencia á rapa dos medios de comunicación, tales como a televisión, a radio e a prensa escrita. Incluso fai un tempo graváronse unhas secuencias desta rapa para ser posteriormente emitidas nun capítulo da coñecida seríe da CRTVG “Terra de Miranda” ambientada na cidade de Mondoñedo.

A rapa das bestas, unha festa que sen dúbida paga a pena conservar por sempre, un día divertimento coa natureza a familia e os amigos.


 Coa colaboración especial de “Andrés García Doural”

©Marcos Candia