Último partido de pretemporada do Mondoñedo FC

Hoxe mércores, púxose fin a pretemporada do Mondoñedo FC, cun novo partido no Viñas da Veiga, desta volta fronte ao Pastoricense, equipo de 1ª rexional e que a pasada tempada, rematou 4º a piques de lograr o ascenso a preferente.

Ainda que o resultado final foi de 0-2 favorable ao Pastoricense, a análise final do partido do Mondoñedo FC, que podemos facer, é positiva, de feito en verbas do seu adestrador Hermelino, debense correxir defectos puntuais, pero o global do encontro é favorable, debemos recordar neste punto, que o Mondoñedo actualmente é equipo de 3ª rexional, e competia contra un rival de maior categoría.

O partido transcorreu bastante tranquilo, con moito xogo no medio campo por parte de ambos equipos e sen ocasións demasiado claras. A 1ª parte rematou cun 0-1 no marcador, gol conseguido no minuto 40 de partido polo Pastoricense, logo dun saque de falta sobre o costado dereito da área mindoniense que foi rematado certeiramente de cabeza.

Xa na segunda parte o Mondoñedo foi de menos a máis, e comezou claramente dominando este período, pero quizais unha maior superioridade física do rival foi facendo mella nos xogadores locais. Nesta 2ª parte o xogador local Portela dispuxo dunha gran ocasión, pero o seu lanzamento dende o interior da área grande foi desviado pola defensa pastoricense e saiu lamendo o pau. Xa no minuto 85  os visitantes cerraron o partido cun novo gol, nesta ocasión ao non acertar a defensa mindoniense a sacar o balón da zona de perigo. Como se pode observar un gol foi a balón parado e o outro tras unha serie de erros en defensa, pero correxindo estos dous puntos o Mondoñedo foi un rival máis que digno de todo un 1ª rexional.

O saldo final da pretemporada mindoniense é o seguinte:

Mondoñedo 4-3 Muimenta // Mondoñedo 0-2 Meira // Mondoñedo 1-0 Catro Roldas // Pontenova 2-2 Mondoñedo // Mondoñedo 0-2 Pastoricense.

Un total de cinco encontros, todos eles contra equipos de superior categoría, duas victorias, un empate e duas derrotas, un saldo favorable tendo en conta o nivel dos rivais e tamén que o adestrador local Hermelino, fixo moitos cambios e probaturas, e tamén deu opción a xogadores das categorías inferiores do equipo.

En definitiva, agora comeza o serio, a competición, será, se non se producen cambios de última hora, o 1º fin de semana de setembro, cando o Mondoñedo FC comece unha nova andaina en 3ª rexional, e desde aquí, queremos desexarlle a mellor das sortes nesta nova tempada.

©Marcos Candia