Comezo da tempada para o Mondoñedo, FC

Hoxe domingo, comezou unha nova tempada para o equipo mindoniense, o Mondoñedo FC.

Os homes dirixidos por Hermelino, comezan unha nova andaina na 3ª rexional galega, e foi o Viñas da Veiga, campo municipal mindoniense, o que veu o estreo desta tempada. En fronte o Goiriz, equipo correoso e sempre difícil.

O partido rematou cos tres puntos no saco do Mondoñedo, logo do 3-2 final do marcador. Durante todo o encontro, o vento tivo un carácter protagista, xa que o conxunto que xogaba con el a favor tiña un punto extra. Así con este contratempo, chegou o primeiro gol visitante, o 0-1 no marcador sería obra do porteiro, sí do porteiro do Goiriz, que dende a súa propia área lanzou un disparo, que axudado polo vento se coou na portería mindoniense. Logo deste mal comezo, o Mondoñedo refíxose no marcador e logrou o empate a 1-1 no taboleiro, tras un remate de cabeza de Alberto; pero pouco durou a ledicia local do empate, xa que o Goiriz, nun rexeite dentro da área logrou de novo vantaxe, 1-2, este sería o marcador co que se chegaría ao descanso.

Xa na segunda metada, o Mondoñedo, tivo o vento do seu favor, e este foi un punto moi importante para o transcorrer dos minutos. Mediado este período o empate volveu ao marcador cun 2-2, de novo obra de Alberto. Con este resultado chegaríase ata o minuto 85 de partido, onde un erro en defensa do Goiriz, foi aproveitado polo mindoniense Jacobo, para poñer o 3-2 definitivo no marcador.

Deste xeito o Mondoñedo FC, empeza do mellor xeito posible a nova tempada, con tres puntos e unha boa imaxe diante dun difícil rival.

O próximo partido, será vindeira fin de semana, o Mondoñedo visitará a cancha do Codesido.


Agradecemento a “Diego García Carro” pola información facilitada

©Marcos Candia