Teño amores na montaña

Os versos de Antonio Noriega volven a “Cultura e Ocio”. Unha nova achega da súa obra “Montañesas” é a que vos ofrecemos hoxe aquí. O seu título “Teño amores na montaña”

Teño amores na montaña

teño moza montañesa,

que ma deparou un santo

no turreiro dunha festa.

Déronlle as rosas de maio

roxa color prás meixelas,

branca, ¡volainiña branca!,

seique inda é máis que as folerpas,

e de folerpos de neve

penso que debeu ser feita,

xa que o sol i as nordesías

no ma logran ver morena.

Teño amores na montaña,

teño unha moza brañega,

que, si cos ollos feitiza,

o corazón me estonteia

c´aquelas palabras doces,

i aquelas surrisas meigas

das nenas repinicadas,

argullo das cumes ermas.

Miña santiña bonita,

¡Dios, que ma deu, ma defenda!,

pois pra min non hai ceio,

si no me caso con ela.

 

¡Heime casar!; os solteiros

sempre andan nas malas lenguas,

i eu quero vivir con honra,

xa que non teña outra herencia.

Heime casar, ¡non que logo!,

i heime de casar na aldea,

¡miña nai!, por que alí moran

as poucas almas sinxelas,

que sacan o pan da boca

pra socorrer a probeza.

Despois buscarei casiña,

unha casiña tarrea

con cortello, pra criar

dous bacoriños da teta,

¡i a facer pares de zocas!,

que se me canga, abofellas,

millor que escribir en verso

na doce fala gallega.


Agradecemento a “Pepe de Noriega”

©Marcos Candia