Mondoñedo remata o ano con cine e fotografía

Dende a Asociación Cultural o Pasatempo, fannos chegar unha nova nota de prensa, con novidades na exposición fotográfica sobre o fútbol en Mondoñedo e as últimas citas de curtas deste nadal. Reproducimos a continuación a nota íntegra:

A Asociación Cultural O Pasatempo de Mondoñedo prepara curtametraxes e fotografías para rematar o ano. Esta fin de semana, sábado e domingo haberá proxeccións na Casa da Cultura e o Auditorio Municipal e poderase visitar de novo a exposición sobre a historia do fútbol mindoniense en imaxes. 

Por unha banda, terá lugar a segunda sesión da “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” que se desenvolverá o domingo 30 de decembro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo a partir das 8 da tarde, con entrada de balde. Nesta xornada proxectaranse cinco curtametraxes de entre 5 e 20 minutos sobre diferentes temáticas, documentais e ficción: “Lugnasad. Unha noite máxica”, que fala da festa celta que cada ano se celebra en Bretoña (A Pastoriza); “Pantin Classic” mostra impresionantes imaxes dos surfeiros que cabalgan as olas da costa ferrolá; “Houston”, na que amizade, amor e  enfermidade, son os ingredientes necesarios da historia; “Sin Plomo”, fala de cinco personaxes que se ven envoltos nunha situación extrema tras o atraco a unha e finalmente “X nada”, o macabro xogo dun grupo de rapaces. 

Dentro desta “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” o sábado 29 de decembro producirase a gran estrea en Mondoñedo da curtametraxe “Mr Smith & Mrs Wesson”, dirixida por Alejandro Saavedra. A historia está protagonizada polos actores Octavi Pujades e Camila Bossa e conta ademais coa aparición doutras caras moi coñecidas do mundo audiovisual galego como Luis Iglesia ou María Mera. Acción e intriga garantizadas neste filme se poderá ver por primeira vez na comarca no Audiotorio de Mondoñedo ás 20:30, esta previsto que á estrea acuda algún dos actores. As entradas terán un prezo de 2 euros e poderán adquirirse ese mesmo día no auditorio ou anticipadamente nos bares ‘O Porriño’ e ‘O Rincón’ de Mondoñedo.

Por outra banda, O Pasatempo continúa botando a vista atrás no tempo para recoller a historia do fútbol en Mondoñedo a través de imaxes. A exposición “A Historia do Fútbol en Mondoñedo” poderase visitar na Casa da Cultura durante os días 29, 30 e 31 en horario de 11 a 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. Tamén se poderá visitar a vindeira fin de semana, 5 e 6 de xaneiro no mesmo horario. Como novidade, este domingo día 30 proxectarase ás 5 da tarde no mesmo local da exposición, na Casa da Cultura, un encontro celebrado no campo das Viñas da Veiga (Mondoñedo) o 1 de maio de 1991 que enfrontaba á Mindoniense co Xove-Lago. Tratábase da penúltima xornada de liga da Rexional Preferente e os dous equipos mariñanos xogábanse manter a posibilidade de ascenso á Terceira División. 

Ademais, na exposición hai quince novas fotografías que ó longo desta semana foron cedidas polos visitantes dos seus arquivos privados e que xa se engadiron á mostra polo que máis dun cento de imaxes retratan a paixón polo fútbol na cidade mindoniense, dende os anos vinte ata a actualidade. No primeiro momento recórdanse as formacións esporádicas dun equipo que participaba en festas e torneos e que chegou a converterse no clube de fútbol estable da actualidade, con categorías inferiores e participación na liga regular. Esta exposición pódese ver tamén de balde e permite facer un recorrido histórico por rostros coñecidos e recordos compartidos por todos, non só en Mondoñedo, senón no resto da Mariña. 

Convidámolos a todos a achegarse e compartir co Pasatempo as derradeiras actividades organizadas para despedir esta ano 2012.

Dende esta casa, “Cultura e Ocio”, queremos dar as grazas a Asociación Cultural o Pasatempo, por contar connosco para difundir todas e cada unha das súas actividades.

©Marcos Candia

As proxeccións de curtas, un éxito

A Asoc. Cultural O Pasatempo, remítenos unha nota de prensa e un par de fotos da I Xornada de Curtas que está a ter lugar neste Nadal. A continuación reproducimos a nota de prensa:

“O domingo celebrouse a primeira das sesións dentro da “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” con moita afluencia de público. Recordamos que o vindeiro domingo 30, ás 8 da tarde se celebrará a segunda xornada coa proxección de cinco novas curtas elaboradas por creadores galegos. O sábado 29, ás 20:30, no Auditorio Municipal de Mondoñedo producirase a estrea de “Mr Smith&Mrs Wesson”, dirixida por Alejandro Saavedra.

Asimesmo, durante esta fin de semana estivo aberta ó público a exposición “A historia do fútbol en Mondoñedo” que deixou encantados e cheos de recordos a todos os que por alí pasaron. A exposición poderase visitar de novo os días 29,30 e 31 en horario de 11 a 13 pola mañá e de 16 a 19 pola tarde, na Casa da Cultura de Mondoñedo.”

Podedes ver as fotos en grande se clicades sobre elas.

©Marcos Candia

Mensaxe de Nadal 2.012

2.012 está a piques de rematar. É o primeiro Nadal de “Cultura e Ocio” na rede, e con tal motivo, estreamos a “Mensaxe de Nadal”. Nesta entrada pretendemos dar palabra, neste blog, a unha firma convidada. Naide mellor para iniciar esta sección que o noso amigo, e moitas veces colaborador, Armando Requeixo, a par, por suposto, de gran mindoniense.

Sen máis velaquí o texto, que agarimosamente, Armando, adica a todos vos, os lectores deste blog:

Benquerid@s mindonienses e galeg@s de ben:

Este ano que vai deixándonos é xa un vello cangado que leva ao lombo gran e xoio a partes desiguais. Para os que sentimos nosos os reveses laborais dos valibrenses, o ancián marcha deixando espiñada a pel e son tan fondas as súas feridas que só a nosa incombustible esperanza e capacidade de superación ha servirnos de árnica posible.

Doutra parte, este ano foi tamén memorable porque, como pobo, soubemos lembrar como cumpría a un benamado devanceiro: don Manuel Leiras Pulpeiro, quen nos ensinou que a cunquiña deleitosa na que nos fatigamos e soñamos ben pode, con san orgullo, prezarse de ser e estar no mundo, como seguro que o seguirá sendo e estando na voz dos que, coma el, foron guieiros de bonhomía e luceiros da palabra.

Dende esta admirable casa de Cultura e Ocio á que o meu benquerido Marcos Candia Cuba me convida, non quero deixar pasar a ocasión de desexarvos a tod@s un vindeiro 2013 farto de bondades, un tempo que sexa quen de axotar os males pasados e traia da man loairas infindas que nos devolvan a ledicia e a ilusión.

Como non podia ser doutro xeito, facemos nosas as verbas de Armando e desexamosvos a todos unhas felices festas de Nadal así como un ventureiro ano 2.013. Saúdos e saúde amigos.

© Marcos Candia