De ruada

Nova entrega da obra “Montañesas” de Noriega Varela. Hoxe os seus versos co título “De ruada”

I

 Unha noite de inverno das máis escuras

tentoume seique o demo de ir a Cesuras

 por mor dunha rapaza máis feiticeira

que as froliñas que nascen na primadeira.

 Tropezando nos croios, dando aturuxos,

e petando coa moca nos ventanuxos,

 cheguei á Margarida, brinquei o río

e seguín cara adiante, sin medo ó frío.

 Ó relente da noite polos lousados

andaban algús gatos axaneirados;

 pero cando os meus zocos tumbar sentinon,

cal da crus os demoros, todos fuxinon.

 Ond´as casas pareime, xunta dun carro,

arrimeime a unha roda, piquei cigarro,

 e buscando o librillo pola chaqueta,

ouvín o ruxe-ruxe da pandeireta;

 pois pretiño, moi preto, de donde estaba,

o bodego da fía de alí cadraba,

 que, anque probe, é ás veces niño de amores,

onde a groria entrevémo-los labradores

 á lus esmorecida dun candil vello,

que dos grandes i os porcos é un bon espello,

 i onde martes e xoves toca o frauteiro,

cal tocara decote, a non ser careiro,

 ou si as pícaras novas, máis dadiveiras,

máis cadelas tiveran nas faldriqueiras.

Alí van os rapaces namoricados

coa bufanda hastra os ollos, taparuxados;

 alí van estornelos, ¡xente do vento!,

ás furtadas, co demo no pensamento;

 alí van os petrucios, que aran a terra,

contar contos dos mouros, casos da guerra,

 loitas de héroes gallegos, honor e groria

das páxinas brilantes da nosa historia;

 alí van madrileños, ¡de moita sona!,

que cos pés amasaron pan na tahona;

 habaneros, que volven de penas fartos,

con sombreiros de palla, pero sin cartos;

 alí van melitares, que no exercicio

inda deron máis voltas que dá un rodicio;

 alí van vellas tolas falar de santos,

de tesouros, pantasmas, trasnos, encantos,

 da compaña que sale polos camiños,

do mal de ollo, das fachas, dos demachiños,

 do pedrazo, que murchas pon as patacas,

das cobras que de noite maman nas vacas,

 dun libro de esconxuros que ten o cura,

de como os nenos sanan da crebadura,

das promesas, dos mortos, das romerías,

¡e doutras mil burradas e bruxeirías!. Seguir lendo De ruada