Goleando polo nadal

O Mondoñedo FC desputou hoxe domingo un novo partido de liga da 3ª rexional, foi o último oficial de 2.012, o resultado final foi de 5-1, unha nova goleada para os mindonienses.

Chegaba ao Viñas da Veiga un dos equipos da parte alta da táboa a SD Ourol, ademáis, co cartel de ser unha das escadras menos goleadas da liga, tan so 11 tantos en contra; pero o Mondoñedo demostrou unha vez máis o porque de ser o líder invicto da categoría.

O partido foi dominado totalmente polo Mondoñedo dende o principio ata o final, pero ata que chegou o 1º gol, sobre a media hora de xogo, a SD Ourol paraba todas as ofensivas do Mondoñedo e incluso plantaba cara no medio campo. A primeira ocasión local foi para Jacobo no minuto 7 de partido, o seu lanzamento foise ao pao e o rexeite, colleuno el mesmo, e lanzou o balón por enriba do longueiro. Tan so 3 minutos despois, no 10, Alberto, logo dunha gran internada por banda, marrou o lanzamento coa meta libre. Tamén o Ourol tivo un balón ao pao co 0-0 inicial, ademáis de outra boa ocasión para marcar. O partido estaba controlado polo Mondoñedo, pero non chegaba o gol que abrira o marcador, e o Ourol parecía que nunha destas podía marcar, así ata o minuto 30. Alberto executa de forma maxistral un saque de esquina e a deusa fortuna quixo que un xogador do Ourol marcara en propia porta, foi o 1-0, e ademáis, o principio do fin para o Ourol. O incisivo ataque mindoniense non parou e no minuto 42 chegou o segundo; de novo internada de Alberto por banda, balón o segundo pao e Manuel remata a rede; xa no tempo engadadido deste período no 46, foi Noly, o mestre, que de cabeza a saída dun córner puxo un franco 3-0 no marcador, que parecía xa definitivo, cunha SD Ourol tocada e hundida.

No 2º período máis do mesmo, o cadro ourolés non foi capaz de remontar o marcador, e o Mondoñedo, pola súa parte tivo moitas ocasións para gañar por un resultado maior. Xa no minuto 10 Manuel poñía o 4-0, nun man a man co porteiro visitante. A partires de aquí Hermelino aproveitou para facer trocos e darlle minutos aos homes que hoxe estaban no banco, entre eles Dani, que no minuto 22 deste período debutou en partido oficial co Mondoñedo, sería trocando a Felipe. No minuto 20 o Ourol fixo o gol da honra nunha xogada aillada desta segunda parte; pero o marcador non quedaría así, no 37 Portela internouse pola banda esquerda e deixou un balón franco para o golazo de Jesús que puxo o 5-1 final no marcador. Así chegamos ao remate do encontro no Viñas da Veiga; partido que cerrou a competición oficial para o cadro mindoniense neste 2.012.

Queda tan so un partido para finalizar a 1ª volta da competición, será a fin de semana do 6 de xaneiro en Pol. A falta dese partido, e tras o desputado hoxe, a 1ª volta do Mondoñedo está a ser para enmarcar, con 10 victorias, 3 empates e ningunha derrota; líderes con 33 puntos, 2º queda, precisamente o Pol con 28, ambos en ascenso directo; 3º é agora o Abadín, tralo seu empate a 0-0 co Codesido, con 27 puntos os mesmos que o San Román 4º clasificado. 5º queda agora a SD Ourol con 23 puntos, e cerrando o PlayOff está o Celta Barreiros con 21 puntos.

Datos:

Aliñación: Adrián – Rosendo – Miguel – Genito – Carro – Felipe – Manuel – Noly – Alberto e Jacobo

Trocos: Álvaro por Genito (descanso), Lucas por Noly (min 15 2ª parte), Portela por Alberto (min 20 2ª parte), Dani por Felipe (min 22 2ª parte) e Jesús por Manuel (min 25 2ª parte)

Campo: Viñas da Veiga. Céspede irregular, rápido e con bastante barro froito da choiva. Sobre 80 espectadores na grada.

A vindeira semana este blog publicará o resultado da enquisa que ten aberta, na que podedes opinar acerca de se o Mondoñedo será capaz de manter este bo ritmo ata o final de tempada e lograr o ascenso a 2ª rexional.



©Marcos Candia