Mensaxe de Nadal 2.012

2.012 está a piques de rematar. É o primeiro Nadal de “Cultura e Ocio” na rede, e con tal motivo, estreamos a “Mensaxe de Nadal”. Nesta entrada pretendemos dar palabra, neste blog, a unha firma convidada. Naide mellor para iniciar esta sección que o noso amigo, e moitas veces colaborador, Armando Requeixo, a par, por suposto, de gran mindoniense.

Sen máis velaquí o texto, que agarimosamente, Armando, adica a todos vos, os lectores deste blog:

Benquerid@s mindonienses e galeg@s de ben:

Este ano que vai deixándonos é xa un vello cangado que leva ao lombo gran e xoio a partes desiguais. Para os que sentimos nosos os reveses laborais dos valibrenses, o ancián marcha deixando espiñada a pel e son tan fondas as súas feridas que só a nosa incombustible esperanza e capacidade de superación ha servirnos de árnica posible.

Doutra parte, este ano foi tamén memorable porque, como pobo, soubemos lembrar como cumpría a un benamado devanceiro: don Manuel Leiras Pulpeiro, quen nos ensinou que a cunquiña deleitosa na que nos fatigamos e soñamos ben pode, con san orgullo, prezarse de ser e estar no mundo, como seguro que o seguirá sendo e estando na voz dos que, coma el, foron guieiros de bonhomía e luceiros da palabra.

Dende esta admirable casa de Cultura e Ocio á que o meu benquerido Marcos Candia Cuba me convida, non quero deixar pasar a ocasión de desexarvos a tod@s un vindeiro 2013 farto de bondades, un tempo que sexa quen de axotar os males pasados e traia da man loairas infindas que nos devolvan a ledicia e a ilusión.

Como non podia ser doutro xeito, facemos nosas as verbas de Armando e desexamosvos a todos unhas felices festas de Nadal así como un ventureiro ano 2.013. Saúdos e saúde amigos.

© Marcos Candia

One thought on “Mensaxe de Nadal 2.012”

Os comentarios están pechados.