Álbume fotográfico: SD Pol – Mondoñedo FC

Neste primeiro partido do ano 2.013, no que por desgraza o Mondoñedo colleitou a primeira derrota da tempada, “Cultura e Ocio”, quere ofrecervos un pequeno álbume fotográfico con varias tomas do quecemento e o posterior encontro.

Podedes ver as fotos facendo click aquí, así accederedes ao álbume en Flickr.

Pero tamén vos ofrecemos a presentación das imaxes como de costume: 

@Candia_Marcos

Os Reis Magos traen carbón ao Mondoñedo FC

Primeiro partido do 2.013, e último da 1ª volta o que xogou esta tarde o Mondoñedo en Pol.

O partido presentábase moi importante para ambos cadros, para os locais de sumar os tres puntos achegaríanse ao Mondoñedo e pola súa parte os de Hermelino de gañar deixarian un pouco máis lonxe a 3ª praza, primeira do PlayOff. Ao final, pasou o primeiro, a SD Pol culminou un partido moi traballado en todos os aspectos, con moitas gañas e actitude que se reflectiron no 3-0 final. Primeira derrota do Mondoñedo, que chega neste última xornada da 1ª volta. Pola súa parte o Pol fecha a 1ª volta con todos os partidos como local gañados, facendo do seu terreo de xogo un auténtico fortín.

Comezaba o partido sen un dominador claro, con ambas escadras buscando o seu xogo no céspede do Manuel Luna, pero xa dende o primeiro momento o Pol apertaba con moita forza e levábase a maioría dos balóns. No minuto 8 primeira ocasión clara para os locais, e grandísima intervención de Adrián que hoxe foi, sen dúbida, o mellor do equipo mindoniense, salvando unha goleada maior. Pero o Mondoñedo nestes primeiros minutos tamén golpeou, foi Jacobo, no min 13 que marrou no seu lanzamento e o rexeite para Miguel foise fora. Un minuto máis tarde os erros defensivos do Mondoñedo provocaron unha nova ocasión para o Pol, desta volta o balón paseouse por diante da porta do Líder. Tan so 2 minutos máis tarde, nun toma e daca constante, foi de novo o Mondoñedo o que o tentou, desta volta Portela que non acertou a definir diante da boa saída do meta local, o rexeite foise a córner sacado sen consecuencias.

Seguiron pasando os minutos e no 21 chegou o 1º gol do cadro local, o Pol aproveitou un novo desaxuste defensivo para adiantarse no marcador, e de paso dar un golpe que resultou mortal para un Mondoñedo que dende este punto e ata o final prácticamente desapareceu do encontro. No min 29 de novo un espléndido Adrián salvou unha clara ocasión do Pol, que seguía intentando marcar; algo que conseguíu no minuto 34, un xogador local rematou só de cabeza na área do Mondoñedo, poñendo así un claro 2-0 no marcador. O Mondoñedo non era, nin moito menos, o equipo que estamos acostumados a ver, demasiados erros no pase, na presión, na saída de balón, fixeron que o traballo do Pol fose moito máis fácil. De aquí ata o final do 1º tempo o Pol aproveitou a súa renda, e incluso puido marcar un novo tanto, no minuto 39 de lanzamento de falta directa que se estrelou na cruzeta da meta mindoniense. Así chegamos ao descanso dun primeiro período para esquecer.

O segundo tempo comezou con trocos no cadro de Hermelino, quedaron na caseta Álvaro e Juan entrando no seu lugar Felipe e Lucas. Este período empezou con moitas gañas no cadro mindoniense, empuxando con forza e chegando a meta local, ainda que sen a recompensa do gol. Pero pouco durou a ledicia, tan so 5 minutos, ahí apareceu unha vez máis, Adrián, sacando un balón imposible que xa entraba na súa meta. O Pol, novamente tiña o partido onde quería, o Mondoñedo estaba un pouco mellor plantado no campo, pero nin moito menos creaba ocasións claras como para remontar o duelo. E así chegamos a sentencia final, foi no min 24, de novo, por enésima vez, paradón de Adrián, o rexeite, que non acerta a sacar a defensa, chega a un xogador do Pol que remacha a rede un doloroso 3-0.

De aquí ao final o Mondoñedo seguíu intentando marcar un gol que os metara de novo no partido e Manuel no minuto 23 tivo unha clara que foi ben respostada polo meta local. Así fomos chegando ao final do partido, con varias ocasións para o Mondoñedo pero sen o acerto doutros partidos, namentras o Pol cada vez que se achegaba a meta mindoniense parecía que podía marcar, levando unha gran sensación de perigo.

Así pois, fin dunha gran primeira volta para o Mondoñedo, que se ve empañada neste final cunha dura derrota na casa do 2º clasificado, a SD Pol. 37 goles a favor por 15 en contra tras 15 xornadas, con 10 victorias, 3 empates, 1 derrota e unha xornada de descanso.

O Mondoñedo remata a 1ª volta líder con 33 puntos, 2º é agora o Pol con 31, 3º o Abadín con 30. Nos postos de PlayOff quedan 4º o San Román con 27 puntos, 5º a SD Ourol con 26 e fecha o PlayOff 6º o Celta Barreiros con 24 puntos trala súa goleada por 6-0 fronte a UD Folgueiro.

Agora queda por diante unha dura semana para os xogadores do Mondoñedo, que deberán pensar no xogo exposto hoxe en Pol, pero sen esquecerse de que a liga segue. O próximo partido, 1º da 2ª volta, sera de novo fora, visitando o campo do Goiriz, 13º clasificado con 10 puntos.

Datos:

Aliñación: Adrián – Rosendo – Campovello – Miguel – Álvaro – Carro – Juan – Noly – Portela – Aberto e Jacobo

Trocos: Felipe e Lucas por Álvaro e Juan (no descanso), Manuel por Alberto (min 14 2ª parte), Ramallal por Rosendo (min 22 2ª parte) e Jesús por Noly (min 30 2ª parte)

Campo: Manuel Luna. Céspede en perfecto estado para o xogo. Sobre 50 animosos espectadores nas gradas.

©Marcos Candia