Prás canónigas

Recuperamos a nosa sección adicada a “Antonio Noriega Varela” e facémolo con un novo poema do autor mindoniense. Corresponde a súa colección “Montañesas” e titúlase: “Prás Canónigas”. O noso máis sincero agradecemento a “Pepe de Noriega” pola súa colaboración nesta sección do blog.

Montañesas, ¡boa sorte!;

eu adiós non volo digo,

que sempre fun voso amigo,

i heivos de olvidar coa morte.

Cando, aturulando forte,

chegástedes á ribeira,

pensei que estaba na feira

de Gontán, xunto daquelas

carpazonas coma estrelas,

que bailan a muiñeira.

..

Vades boas de troular:

inda ben non era día,

quen vos despide xa vía

brañegas cabo do mar.

¡Que pulos!, ¡que esbatuxar

na iauga!; cousiñas tolas,

roxas coma´as amapolas

dos vilariños da aldea,

brincábades pola area

i entre as escumas das olas.

..

Donde había colorados

refaixos, campaba o cego

de Espiñarcao, un brañego…

¡si os hai na Corda escolmados!;

as trazas dos nemorados

feitízanlle a ispiración;

de gracia viña ó Espigón

pra cantar; ¡mais eu choraba!,

que nas copras latexaba

da montaña o corazón.

..

As San Lucas me lembrou

aquel cantar!, ¡que tres días

con tres noites!, e ¡que crías

van feirar!… Xa pasou

a mocedá; mais quedou

fulgurante unha muxena

no borrallo; ¡a fonda pena

que sinto, lonxe da serra,

das feiras da miña terra,

da meiguice dunha nena.

..

Quedan, tamén, para inzar

pulgas ¡a vao! nas lareiras,

e fungando as manxupeiras

onde adoitades parar;

deixádeslles que rascar

así como lles fai falla,

e porque o mar xa vos ralla,

fartas de larpar sardiña,

ides prá vosa casiña

ver os medeiros de palla.

..

¡I as ovellas!, ¡i a frol

dos toxales!, ouro vello,

que ten nas fólla-lo sello

dos chuchos que lle dá o sol;

Virxen do Monte, ¡cun fol

ó lombo tamén me eu iba!;

mais, ¡que digo?; xa cautiva

teño a miña libertade,

marchade, nenas, marchade,

¡non volva o trasno pra riba!…

@Candia_Marcos