O Mondoñedo non pasa do empate diante do Galdo

Mondoñedo e Galdo empataron hoxe a uns no Viñas da Veiga, tras un intenso partido onde, sobre todo o final, puideron marcarse máis goles.

Comezou o partido sen un dominador claro, non foi ata o minunto 16 cando chegou o primeiro tiro a porta do partido, foi Ramallal, tras un bo centro de Manuel, o que obtivo a resposta do meta visitante. No 22 era Manuel o que probaba sorte pero o seu lanzamento saía fora por pouco, e no minuto seguinte de novo un incisivo Manuel tiraba a porta pero sen fortuna. Pouco despois no 24, Ramallal poñía un bo centro que Portela remataba ao lateral da rede, era a máis clara ata o momento. Despois destes minutos o xogo voltou a tranquilizarse e ningún equipo era capaz de crear xogadas claras de perigo.

Ao final deste primeiro tempo, no minuto 40 Portela dispuña dunha boa ocasión, cun gran disparo que o porteiro do Galdo respostaba acertadamente. Este primeiro tempo, fechábase cun potente lanzamento de falta do Galdo, que Adrián, mandaba a córner. Os xogadores marchaban a vestiarios co 0-0 inicial.

A segunda parte comezou cun Mondoñedo volcado sobre a meta do Galdo. No primeiro minuto Alberto poñía un precioso centro ao segundo pao e entre Portela e Jacobo non acertaron a marcar o primeiro. Un primeiro tanto que pouco tardou en chegar, no minuto 5 Ramallal colle un balón dividido no área visitante e a media volta marca un gran gol axustado a base do pao, así chegaba o 1-0.

Logo do gol o Mondoñedo seguiu tendo o dominio do balón e intentando crear ocasións, ainda que sen excesiva claridade. No minuto 17 Manuel intentábao cun lanzamento dende a frontal do área, o rexeite do meta do Galdo foi para Jacobo que non acertou a marcar. Pero na primeira xogada de ataque do Galdo na segunda parte, no minuto 19, chegaba o empate. Despiste da defensa local, e un home dos viveirenses remataba na área pequena completamente so poñendo así o 1-1 no marcador.

Despois deste gol cambiaron as cousas sobre o céspede do Viñas da Veiga, xa que durante uns minutos o Mondoñedo acusou este empate, e incluso no 23 o Galdo tería unha clara ocasión para adiantarse no marcador, tras unha recuperación de balón no medio campo, pero o lanzamento final do ariete de Galdo foise por enriba da meta de Adrián. Logo destes minutos os locais voltaron a carga, varias foron as ocasións para marcar, lanzamentos dende a frontal, chegadas por banda, corners, pero o balón resistíase a entrar. Xa no minuto 30 de novo o Galdo. Lanzamento de falta dos visitantes, e o remate, na área pequena, foise fora por ben pouco. A esta ocasión visitante seguiulle unha boa de Jacobo, que remataba de cabeza atopando unha vez máis a resposta do meta visitante.

No minuto 38 tivo a última o Galdo, foi nun lanzamento de córner que a defensa do Mondoñedo sacou na mesma liña de gol. A partir de aquí os locais tentárono sen cesar. Primeiro Ramallal no 39, cun bo lanzamento dende a parte esquerda da área visitante, pero unha vez máis o porteiro do Galdo respostaba ben. No minuto 45 sería Jacobo o que remataría un córner e o balón foi atrapado polo porteiro do Galdo sobre a mesma liña de cal, un porteiro visitante que rendeu a gran nivel. Xa nos minutos de desconto o Mondoñedo non cesou no seu intento de marcar o segundo pero o bo traballo defensivo do Galdo e xa a falta de forzas fixeron que o marcador non se movera do empate.

Con este resultado os de Hermelino seguen líderes con 43 puntos tras 18 xornadas. Segundo é agora o Abadín con 37 puntos a 6 do Mondoñedo. Nos postos de Play Off están 3º o Celta Barreiros con 36 puntos, 4º o Ourol con 35, 5º o Pol tamén con 35 e completa o Play Off 6º o San Román con 34 puntos.

A próxima semana o Mondoñedo visitara o difícil campo do Celta Barreiros. Será un importante partido para os do Viñas da Veiga, de colleitar un resultado positivo achegaríase un pouco máis a obxetivo do ascenso.

Datos:

Aliñación: Adrián – Fabian – Miguel – Carro – Alberto – Felipe – Lucas – Ramallal – Manuel – Portela e Jacobo

Trocos: Rosendo por Fabian (min 19 2ª parte), Álvaro por Portela (min 23 2ª parte), Jesús por Manuel (min 30 2ª parte) e Juan por Lucas (min 32 2ª parte)

Campo: Viñas da Veiga. Sobre 40 espectadores. Céspede moi brando e con zonas con un alto déficit de herba

©Marcos_Candia