O Mondoñedo gaña un intenso partido fronte o Abadín

Gran tarde de fútbol a vivida hoxe no Viñas da Veiga. Diante de algo máis dun cento de espectadores Mondoñedo e Abadín ofreceron un bo partido de fútbol que se decidiu no minuto 39 do 2º tempo con un gran gol de Manuel.

O Mondoñedo saiu mellor ao céspede do Viñas da Veiga e no minuto 4 dispuxo da primeira ocasión. Falta lanzada por Rosendo no costado dereito do ataque mindoniense e Jacobo que se atopa o balón no área pequena non consegue empuxala dentro da meta do Abadín. Pero logo do dominio inicial do cadro local o Abadín comezou a mellorar na súa presión e igualar as forzas do partido. No minuto 16 os visitantes visitaban o área local na que un gran Adrián sacaba dende o chan, cos pes, a primeira clara do Abadín. No resto deste 1º período o balón estivo moi dividido con dous grandes equipos sobre o campo, moi ben posicionados e coas defensas moi serias en ambos lados; o Mondoñedo chegaba máis a área visitantes pero as ocasións non eran o suficientemente claras como para marcar o primeiro do partido. Nos últimos compases da 1ª parte o Abadín dispuxo de tres lanzamentos de esquina consecutivos. No 1º Adrián sacou unha excelente man para mandar de novo o balón a esquina. No 2º, de novo o meta local, e desta vez coa súa faciana, sacaba outro balón claro. No 3º córner o remate foise alto sen perigo. Así remataba un vistoso primeiro tempo, no que ambos equipos querían adiantarse no marcador, con un Mondoñedo máis volcado ao ataque e o Abadín esperando as súas ocasións a contra ou a balón parado. 

O segundo tempo comezou con un susto para a parroquia local. No primeiro minuto saída a contra do Abadín e o remate final dun dos seus homes foi ben protexido por Miguel para que o balón chegara manso a Adrián. No minuto 6, Alberto de falta directa probaba o meta do Abadín que mandaba o balón a córner cando xa se coaba pola escadra da súa porta. Dominaba máis o Mondoñedo neste segundo tempo, con moita presión sobre os xogadores do Abadín que buscaban os balóns en largo. No minuto 9, Portela fai un excepcional remate que de novo o meta do Abadín manda a córner completando unha gran actuación. Pola súa parte a escadra visitante tería unha no minuto 19, tras un lanzamento de falta o balón pasease pola área pequena do Mondoñedo sen atopar rematador, sería esta a última ocasión clara para o Abadín, dende aquí ata o final o Mondoñedo puxo máis gañas e empuxe en busca da victoria. 

Animados tamén pola grada local os xogadores do Mondoñedo buscaban o gol sen descanso, ainda que tamén sen acerto nos pases finais. Pero o ansiado premio chegou no minuto 39. Balón a espalda da defensa do Abadín, Manuel, que entrara no minuto 15 deste segundo tempo, gaña a partida a dous zagueiros visitantes, e ante a saída do meta do Abadín, executa un disparo raso que se coa na portería, poñendo así en vantaxe ao Mondoñedo.

Dende aquí ata o final, o Ababín acusou este gol e non foi quen de crear perigo, pola súa parte o Mondoñedo aguantou ben o resultado e incluso se achegou a meta visitante pero sen claro perigo. 

O final 1-0, tras un gran partido de ambos equipos que demostraron porque están arriba na clasificación.

O Mondoñedo segue líder agora con 50 puntos. 2º é o Pol con 47, 3º o San Román con 46, 4º queda o Abadín con 43, 5º o Barreiros con 42 e cerra os postos de Play Off 6º o Ourol con 40 puntos. 

Na vindeira xornada os de Mondoñedo visitaran o Cazás, colista do grupo con 11 puntos, pero que de seguro poñerá as cousas difíciles aos pupilos de Hermelino.

Datos:

Aliñación: Adrián – Rosendo – Miguel – Pepe – Alberto – Carro – Campovello – Ramallal – Noly – Portela e Jacobo

Trocos: Manuel por Portela (min 15 2ª parte), Juan por Campovello (min 22 2ª parte) e Dani por Ramallal (min 28 2ª parte)

Campo: Viñas da Veiga. Céspede brando e con bastante déficit de herba. Nas gradas, máis de 100 persoas, que animaron sen cesar a ambos equipos.

©Marcos_Candia

One thought on “O Mondoñedo gaña un intenso partido fronte o Abadín”

Os comentarios están pechados.