Á montaña

Voltamos coa nosa sección adicada ao poeta mindoniense “Antonio Noriega Varela”.

Hoxe traemos un novo poema do seu traballo “Montañesas”, titulado “Á Montaña”.

Á Montaña 

Loas que che brindo son

os meus versos, irta serra,

porque adoro a tradición,

i en par do teu corazón

gárda-las da nosa terra.

Non me namora o mar fero,

que a moitos tanto lles gusta;

a ti, montaña, che eu quero,

e non morro, porque espero

gozar da túa paz augusta.

Teño de ollo hai moitos anos

vivir na máis brava cume

da Galicia, entre os peisanos,

que, sentados nos escanos,

invernan preto do lume.

Do que vai pra terra extraña

contan que aló ben se apaña;

pro polo millor tesouro

non troco as froliñas de ouro

con que te vistes, montaña.

 

Si no mundo hai bes seguros,

que se logran sin conxuros,

que non demandan traballos,

son os teus aires, tan puros,

i as sombras dos teus carballos.

¡Canto a miña alma se reve

na singular fermosura

dos encaixes con que a neve,

sin esquecer uz nin sebe,

amortaxarte precura!.

Cendales a nebra mesta,

de cando en veces, che presta

pra que te conserves briza,

i ó abandona-la túa cresta

nos toxos se esgarrapiza.

Ó enfundirse o sol detrás

das xigantes cabeceiras,

coido que a abrasarte vas,

ou que refrexando estás

laparadas das fogueiras.

Cando a sombra te asoballa,

ben, si a lúa te agasalla,

e mellor, si non recelas

que te prive a luz que espalla

dunha aureola de estrelas…

Lucindo xoias benditas

¡sempre, montaña, te vexa!:

te-los cruceiros prás citas,

prós devotos as ermitas,

prós mortos o adral da igrexa.

Nas túas covas –frecuentadas

polos espritos do mal-

hai diamantes ás presadas

reinas moras encantadas

e palacios de cristal.

Túa é Santa Compañía,

túa a Pantasma, que espía

as bouzas i esperta o medo,

pra que se recollan cedo

as nenas que van á fía.

Non é gallego quen te axe,

que, serra, che teña zoña,

xa que herdaches o lenguaxe

enxebre, o típico traxe,

i a gaita e maila zanfoña.

¡Concédame o ceio a min

que volva a donde subín

coa bota na moca ó lombo,

pra oir a bulla do bombo

i os queixumes do violín!.

Lembrando festas sonadas,

inda quizá bailarei,

¡ouh, montaña!, nas ruadas,

coas fillas das ben amadas

carpazonas, que roldei.


Coa colaboración de “Pepe de Noriega”

©Marcos_Candia