O Mondoñedo trae tras puntos e deixa un gran fútbol en San Román

O Mondoñedo chegaba a San Román coa necesidade de sacar un resultado positivo dun dos campos máis complicados da categoria “A Cha”, e deberas que o conseguiu. Bo fútbol, goles e tres puntos que deixan os pupilos de Hermelino moi preto do ascenso, un ascenso que se podería confirmar a próxima semana no Viñas da Veiga fronte o Praia de Covas. 

O partido comezou con un gran Mondoñedo sobre o terreo de xogo, movendo ben o balón e mantendo a liña ao San Román. A primeira clara chegou no minuto 20 e foi para Portela, este rebasou o porteiro pero o colexiado con concedeu o gol ao interpretar que o balón non entrara por completo na meta do San Román. Outra clara para o Mondoñedo, chegaría no minuto 30, un excepcional Manuel, cun potente disparo dende a fronta obrigou a lucirse ao meta local. Pola súa parte o San Román neste primeiro tempo so chegaba a porta do Mondoñedo a través de balón en longo sobre todo polo costado dereito do seu ataque, pero sen claridade ningunha nos metros finais. De todolos xeitos, o fútbol e caprichoso, e no minuto 34, un lanzamento de falta a favor do San Román, executado con gran destreza, coábase na meta de Adrián tras superar a barreira e adiantaba ao equipo local, que chegaría ao descanso con vantaxe no marcador. Demasiado premio para o visto neste 1º período. Unha primeira parte que deixou tamén a nota negativa coa lesión de Juan no min 26, dando Hermelino entrada no campo a Pepe e cambiando este a posición con Felipe que estaba de central. 

Na segunda metade o Mondoñedo saiu ao céspede coa intención de darlle a volta ao marcador, e dende ben axiña deixou constancia das súas intencións. No min 58, de novo Manuel, de falta directa poñía en apuros ao meta local. Sería no min 64 cando chegaría o empate. Carro colga con precisión unha falta na área, e de novo Manuel, en estado de gracia, remata de cabeza e pon o 1-1 no marcador. Co empate no taboleiro, o equipo de Hermelino non desistiu e buscou o máis difícil, a remontada. O ataque guiado por Manuel, que esta rematando a tempada de xeito espectacular, non deixou de xerar ocasións. Así no min. 78, sería de novo o hábil punta do Viñas da Veiga, o que poría ben preto do pao da meta do San Román, un xenial disparo dende a frontal do área. Pouco despois, no 84 chegaba o segundo tanto para o Mondoñedo. Sería o mestre, Noly, que executaba de forma maxistral unha falta, e axudado por un leve toque de cabeza dun xogador do San Román, o que poría a remontada no marcador, o 1-2 chegaba “A Cha”. Co marcador en contra, o San Román tentou buscar o empate, tivo a súa ocasión no min 88, pero o remate final foise moi desviado. A sentenza definitiva, chegou xa no min 90, de novo Manuel, que cerrou de novo un impresionante partido, tras un gran autopase co que se zafou da defensa rival, tirou a porta, o seu disparo bateu no pau, e un atendo Dani, que seguía a xogada, aproveitou o rexeite para poñer o definitivo 1-3 no taboleiro. 

Tras este marcador o Mondoñedo segue líder a falta de tres partidos, con 59 puntos, os mesmos que o Pol que é segundo, ambos en postos de ascenso directo, e ambos, de gañar a próxima xornada, serían equipos da 2ª rexional. Recordamos que o Mondoñedo xogará fronte o Praia de Covas, no Viñas da Veiga, previsiblemente o domingo 14 as 17:00 h. 3º queda o San Román con 55 puntos, pero na próxima xornada descansará co cal so lle quedan 2 partidos por desputar. 4º está o Abadín con 50 puntos trala súa derrota de hoxe como local fronte o Pol por 0-1. 5º o Celta Barreiros con 49 puntos e que nesta xornada non pasou do empate na súa casa fronte o Momán por 3-3. 6º e fechando os postos de PlayOff está o Ourol con 45 puntos e que onte tampouco pasou do empate como local diante do Cazás, colista, por 2-2. 

Tres partidos pois, lle restan aos de Hermelino para certificar o ascenso a 2ª rexional, unha soa victoria é suficiente para asegurarse estar entre os 2 primeiros, pero dende logo, e tras toda unha liga no 1º posto, os homes de Hermelino deben loitar por acabar líderes. Praia de Covas, Ourol e Pol os tres choques que restan para volver a 2ª rexional.

Datos:

Aliñación: Adrián – Rosendo – Miguel – Felipe – Carro – Juan – Campovello – Ramallal – Noly – Portela e Manuel.

Trocos: Pepe por Juan (min 26), Álvaro por Ramallal (min 70) e Dani por Portela (min 75)

Campo: “A Cha”. Terreo de xogo en bo estado. Numerosa presenza de aficcionados locais e tamén desprazados dende Mondoñedo.

©AG_Doural ©Marcos_Candia