Por un futuro para Mondoñedo

O 1 de maio, día do traballador, e coincidendo coa festa das Quendas en Mondoñedo, tivo lugar a lectura dun manifesto xunto cunha performance, en defensa do traballo na nosa comarca; unha comarca que parece esquecida polas administracións. A lectura do manifesto correu a cargo de Armando Requeixo. O acto estivo organizado pola plataforma “COMARCA DE MONDOÑEDO UNIDA”. Podes leer o texto íntegro nas seguintes liñas:

“Benqueridas e benqueridos conterráneos:

Comparezo ante vosoutros neste primeiro de maio, Día das Traballadoras e Traballadores, para dirixirvos unhas breves palabras atendendo o chamado do amigo Luís Fernández Ansedes nesta xornada organizada pola Plataforma Comarca de Mondoñedo Unida. Fágoo en calidade de mindoniense, mais tamén de comarcán ou bisbarrán, pois aínda que nacido a escasos cincuenta metros deste lugar no que estamos, polas miñas veas corre igualmente sangue brañego e moita xente querida por min é laurentina de seu, habita as landas e beiramares mariñás ou sabe das bravas lombas de Miranda.

Non veño aquí para significarme a prol de ningunha formación política concreta, pois todas elas caben, ao meu entender, nesta mensaxe, e a todas elas tendo a miña mao amiga para solicitar a súa comprensión e apoio para unha causa que considero xusta: a loita pola mellora das condiciós socioeconómicas de Mondoñedo e a súa bisbarra.

Insisto: tería contestado positivamente calquera petición que me tivese cursado calquera outro colectivo que tentase conseguir un fin semellante.

Quen vos fala, pois, é un mindoniense con conciencia. Un cidadán que ve como os tempos se tornan avoltos e a nosa cidade e a área que naturalmente a rodea vai, aos poucos, cedendo batallas que deben librarse na Administración, na Empresa e no Patrimonio.

Mais lonxe de min a intención de transmitirvos hoxe unha mensaxe apesarada ou tristurenta. Eu confío na miña veciñanza, sei que se unirá, máis aínda, para reclamar en irmandade o máis básico e de xustiza: que se nos deixe vivir, que se creen os posibles industriais, turísticos e infraestruturais para que todas e todos os que habitan a Mariña Central e Mondoñedo poidan seguir facéndoo en condiciós de dignidade e igualdade de oportunidades.

Non pido outra cousa que atención e sensatez. Que os nosos responsables públicos poñan boa vontade e intenten atender, con sinceridade e sensibilidade, aquelo que non debe desoírse: este val dos mil ríos non pode secar, a cunquiña deleitosa precisa reverdecer, que as nosas xentes se ergan coa ilusión de que o seu traballo os dignifique, que aquelo que foi a base da nosa existencia nesta terra na que moramos dende hai tantos séculos siga a ser fonte de esperanza e de vida para todas e para todos.

E para conseguir eso necesitamos que se nos apoie, que as nosas peticiós sexan oídas, que a Administración Pública ―dende a máis local ata a máis xeral― se implique con convicción na promoción e negociación dunha saída aos problemas que nos atafegan como comarcáns valecos, brañegos, mirandeses ou mariñaos.

Non pedimos tratos de favor. Non queremos tampouco esmolas. Solicitamos, si, que se habiliten os medios para facilitar a creación dun tecido empresarial, patrimonial e turístico que faga viable a vida nestes eidos. Non vivimos alleos ao noso tempo. Sabemos que a crise é fera e roe agonicamente. Mais existen modos de positivar os recursos, de priorizalos en direcciós humanizadoras, de crear sinerxías que non esquenzan que nestas paisaxes viven mulleres e homes e anciás e nenas e nenos aos que non se pode deixar esmorecer namentres se mira para outro lado.

Os mindonienses e os que os rodean non queremos ser un pobo resignado, unha colectividade derrotada que xa dá por asinada a súa acta de defunción. Nosoutros somos xente con bondadoso orgullo, xente que sabe e quere traballar, galegas e galegos aos que nunca nos asustaron os calos nas maos, a friaxe que xea as xuntas dos cadrís, nin a suor pingando a rego polo lombo. Somos duros, somos honorables, somos xente de ben e con palabra. Por eso sabemos que as nosas autoridades, de aquí ou de acolá, han responder ao noso clamor, estamos convencidos de que non nos virarán as costas, de que nesta hora decisiva saberán mediar no conflito e poñerán todo da súa parte para que por estas rúas e veigas, por estas touzas e soutos, por estas congostras e estradas siga circulando a vida, o herdo dos que antes de nosoutros, por centos de anos, levan rido, chorado, amado, perdido e soñado nestas terras que agora necesitan deses seus gobernantes e empresarios e xestores do Patrimonio.

Porque si se pode. Porque nosoutros podemos. Porque xuntos, podemos. E porque a morte moura non ha poder con nosoutros nin agora nin nunca, irmaos. Por iso sei que a partir de hoxe as cousas cambiarán, pois así ha de ser se queremos seguir sendo tribo.

Dixen”

©Marcos_Candia

2 thoughts on “Por un futuro para Mondoñedo”

    1. Grazas tamén a ti Luis, por estar ahi sempre e dalo todo pola nosa comarca. E por suposto, grazas tamén por comentar. Unha aperta

Os comentarios están pechados.