“Pouca Mamoria”. Versos de Noriega Varela

Cultura e Ocio, recolle un novo poema da obra “Montañesas”, do mindoniense Antonio Noriega Varela.

Desta volta o poema ten por título “Pouca Mamoria”, reproducímolo a continuación:

 Rosenda de Cadeivido

i a Carmiña da Sisalda

naceron aló entre os toxos

nun recuncho da montaña.

Cadran ben preto unha doutra

e tanto se queren ambas,

que hastra un xargón lles abonda

moitas noites de xeada.

Son brancas com´a folerpa,

seguidas com´a espadana,

coloradas com´a guinda,

meigas com´a lus da ialba.

Garnicelas dos fraguellos…

¡a bonitura non marra!;

pero, ¡ai!, canto herden as dúas

non val farrapo de gaita.

¡Sáltenlle os ollos!…: un martes,

que andaba un vello ás rapazas,

Carmen fixo de señora

i a Rosenda de criada.

Ó velo drento da chousa

foi Carmen poñerse maja,

i a doncella, da cociña,

para mentir, perguntara:

-¿E como ha de ser, Carmiña?

-Dirás berrando: “mi ama,

¿que camisa lle dispoño,

a de seda ou a de holanda?”.

Chamou o nubeiro á porta;

Rosenda correu a tranca,

e, porque entende das sedas

menos que de lamber papas,

veredes o que ela dixo,

berrando moito: “ai, mi ama,

¡e que camisa lle esculco,

a de estopa, ou a sin faldra?”.


Coa colaboración de “Pepe de Noriega”

©Marcos_Candia