O Outro Mondoñedo II

Fai un tempo publicamos neste blogue unha reportaxe na que visitabamos zonas de Mondoñedo non tan coñecidas para propios e extraños.

Hoxe voltamos a carga, e traemos un relato sobre a “Ruta da Auga”.

Nunha soleada tarde do mes de agosto, comezamos o percorrido da coñecida como “Ruta da Auga” de Mondoñedo. Partimos dende o comezo do trazada a esquerda da rúa Pardiñas, deixando a nosa dereita as pequenas parcelas de “O Tumbo”, e a nosa esquerda varias edificacións que tamen teñen entrada ou saída a rúa Álvaro Cunqueiro.

Proseguimos ascendendo por medio de altos muros de pedra que fechan unhas fincas coñecidas como “As Barras”, ata chegar a unha encrucillada de camiños, xunto a que atopamos ubicada unha cruz de granito no máis alto dun muro, sendo coñecido este punto como “O Palomar de Marzo”. Neste punto debemos tomar o camiño que parte a nosa esquerda, coñecido dende moi antigo como “Campos Travesos”.

A uns cen metros do seu comezo, adentrámonos nunha zona boscosa, con algúns muros de pedra moi altos e deixamos a nosa dereita unha finca con altos e fermosos castaños, propiedade do noso amigo José Enrique Cora, lugar onde recibiu sepultura o día de San Lázaro do ano 1.938, o soldado de regulares Mohamed Ben Mohamed, falecido a consecuencia do tétanos, nas dependencias do Real Seminario Santa Catalina da nosa cidade, onde se atopaba ingresado a causa das feridas sufridas na fronte asturiana.

Proseguimos co ascenso, por un profundo camiño, rodeado de eucaliptos, castiñeiros, castaños, abedules e abondosas prantas de arandos. Cando o camiño se volve máis chan, atopamos, a man dereita, unha pequena edificación, coñecida popularmente como “O Caseto do Escarabello”. Dende este lugar avistamos as vivendas de As Casas Novas no Coto, o barrio de Abidueiras, as vivendas de Montedearca, A Fabega, A Paleira, Escouridal, O Pacio, A Casería e o cauce do río Valiñadares, desfrutando así dunha impresionantes vistas de parte do Val mindoniense. Proseguimos a nosa marcha, rodeados de novo por abundantes árbores e muros de pedra, comenzando o noso descenso cara A Casería.

Despois de pasar estas vivendas, transitamos por unha zoa boscosa, donde atopamos abundantes loureiros, acacias e prantas de hedra de grandes raíces, que trepan con facilidade por outros árbores. Con motivo das crecidas do río Valiñadares, as torrenciais augas arrancaran a a ponte de madeira e laxes de Lavapés, derrubaron parte do muiño fariñento ali existente e causaron importantes danos materiais nunha pequena área recreativa que se construira xunto a eles. Foi preciso modificar o seu percorrido para evitar consecuencias de estos incidentes, ata poder coller o alto ponte sobre o cauce do mesmo río, que prestou numerosos servizos as canteiras de Lavapés e os veciños de Maariz.

Xiramos a nosa esquerda e comezamos un descenso por unha pista de terra duns douscentos metros. A nosa dereita atopamos un indicador de madeira, que nos guía cara o “Camiño das Sete Voltas” e o “Salto do Coro” meta da Ruta da Auga. O cauce do regato que descende precipitadamente dende “A Pena Moura” de Argomoso, superámolo por unha rústica ponte de madeira e ascendemos por unhas escaleiras de pedra  acompañadas dun vello pasamáns de madeira ata chegar o excepcional “Salto do Coro”.

Este paraxe é impresionante, un fermoso pozo, paredes rocosas a ambos lados, varios torrentes de auga, algúns árbores e sempre acompañados polo forte ruxir das augas.

Descendemos de volta sobre os nosos pasos, ata chegar a pista que nos leva a “Valiñadares”, xiramos a dereita pola parte inferior das vivendas de “As Bouzas” e a vivenda de “A Candola”, ata xuntarnos co trazado asfaltado da estrada que segue ata Argomoso. Aquí xiramos a esquerda e camiñamos cara Mondoñedo. Superamos o cauce do río Valiñadares pola ponte de cemento de “As Casas Blancas”, deixando a nosa dereita a fonde de “A Naranxeira”; máis adiante atopámonos coa vivenda e fonde de “A Cazoleira” a dereita de “O Batan”; aquí chegamos as vivendas de “Os Limpeiros”, deixando a dereita unha vivenda e muiño fariñento de “A Fabega”, a capela do XVII, adicada a Santiago Apostol e achegámonos as vivendas de “Os Muiños de Arriba”. Comezamos un empinado ascenso da rúa San Roque, deixando a nosa dereita a fonde de “Os Pelamios”. No lugar coñecido como “A Pena” atopamos unha nova capela do XVI adicada a San Roque. Proseguimos ascendendo por entre vellas edificacións e altos muros de pedra que fechan algunhas hortas. A nosa esquerda atopamos incrustada nestes muros de pedra, unha cruz de cantería, que por transmisión oral, din que foi o lugar donde se colocou o Beato Fray Diego José de Cádiz, para predicar aos numerosos fieis congregados. Neste punto comeza a rúa Álvaro Cunqueiro. Un pouco máis adiante , atópase, tamén a esquerda e incrustada nunha edificación, unha fermosa hornacina cun Cristo crucificado no seu interior. Na parte superior ten unha inscripción que dí: “Fue llagado por nuestras iniquidades y quebrantado por nuestros pecados – ISAIAS”. Proseguimos camiñando pola rúa Álvaro Cunqueiro, ata chegar ao costado da emblemática “Fonte Vella”, donde aproveitamos para refrescarnos e departir un anaco, namentras repoñemos forzas, poñendo punto final así ao noso percorrido pola Ruta da Auga.


Coa colaboración de Andrés García Doural

©Marcos_Candia