MONDOÑEDO NON É UNHA ILLA

O Grupo Literario Leiras Pulpeiro, ven de asinar o pasado día 28 un manifesto, con motivo da apertura da Autovía A-8 “Transcantábrica” ao seu “paso” por Mondoñedo, que a continuación damos a coñecer aos nosos lectores, e ao cal nos sumamos, co permiso dos membros do grupo:

MONDOÑEDO NON É UNHA ILLA
1º Manifesto do Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”: Sobre os accesos desde a Autovía do Cantábrico

Todas as persoas que formamos parte do Grupo Literario “Leiras Pulpeiro” temos como referente humano ao médico, poeta, político e humanista Manuel Leiras Pulpeiro. Del aprendemos sobre todo que o interese xeral está sempre por riba de calquera comenencia particular ou partidista. E ademais, todas e todos nós temos querenza como lugar afectivo e da memoria polos valores culturais herdados dos homes e mulleres que ao longo da historia deron brillo e resplandor a Mondoñedo. Somos conscientes de que a simple alusión a un pasado glorioso non abonda, senón que nos obriga a velar porque o prestixio herdado non se esvaeza e a traballar para que o presente e o futuro de Mondoñedo e das súas xentes acrecente e consolide un ben patrimonial que, sendo local, tamén é universal e debemos compartilo co resto do mundo.

Os que participamos deste proxecto, fose por nacemento ou por simpatía, sabemos que, como amosan os indicadores de todo tipo, o Mondoñedo do presente vive unha situación difícil, por múltiples e moi variadas causas, pero que afecta gravemente tanto ao benestar das persoas como ao propio creto da cidade, o que supón limitar de xeito importante as súas posibilidades de futuro.

Por iso, como colectivo e individualmente, manifestamos a nosa vontade de non manternos alleos a acontecementos, circunstancias, situacións ou decisións que ao noso entender poidan repercutir negativamente no devir mindoniense, como está sucedendo na actualidade como consecuencia da apertura da Autovía do Cantábrico. Unha vía moderna e de alta capacidade que permitiría, potencialmente, que moitas persoas atraídas pola historia mindoniense fosen e viñesen en poucas horas desde Lisboa, París, Barcelona, Donosti, Porto, Vigo, Santiago, Lugo ou A Coruña ata a nosa cidade. Porén, esta autovía circunvala Mondoñedo como se Mondoñedo fose unha illa.

Desde a Xesta, Lindín ou Arroxo, os tres puntos da enlace da autovía coa cidade, Mondoñedo parece unha illa afastada da costa do futuro. As estradas actuais están en malas ou, como é o caso da que parte de Lindín (lugar de orixe do pai de Leiras), en moi malas, pésimas condicións.

Como polo de agora non hai, que se saiba, ningún proxecto concreto e con garantías para atender este grave problema, máis alá de suposicións mediáticas alentadas por intereses partidistas, nós reclamamos unha solución inmediata e de calidade a este problema.

Mondoñedo non é nin quere ser unha illa, como reflicte a súa historia, senón parte dun valioso continente a visitar. Os que teñan a obriga de darlle solución e esperanza aos mindonienses non deben permanecer indiferentes ante esta xusta petición. Se o fan e un día a “auga” que nace da fonte dese seu abandono chega a asolagar a memoria nosa ou afoga o noso futuro, eles serán os únicos culpables.

Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”
Mondoñedo, 28 de xaneiro de 2014

Marcos Candia

Cultura e Ocio © 2.014

Aprazamento xornadas de Curtas

Dende a Asociación Cultural o Pasatempo, chéganos unha nota de prensa, que a continuación vos facemos chegar. 

Dende a Asoc. Cultural O Pasatempo de Mondoñedo queremos informar do aplazamento da II Xornada de Curtametraxes que estaba prevista para os vindeiros días 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro. 
O motivo deste aplazamento é o falecemento do presidente da asociación, persoa moi querida por todos e polo que sentimos un gran pesar. Por respeto ó seu recordo decidimos aplazar tódolos actos previstos nas vindeiras semanas. Será preciso ademáis proceder a unha reestructuración de cargos directivos dentro de O Pasatempo. 
A segunda edición da Xornada de curtametraxes celebrarase nos vindeiros meses. Aínda non hai fixada unha data concreta pero informaremos puntualmente de tódalas novidades e horarios.
Marcos Candia
Cultura e Ocio © 2.014

Ramiro, gracias por todo

Dende Cultura e Ocio, queremos dar o noso último adeús a un dos mindonienses máis involucrados na vida social da nosa cidade nos últimos anos, a Semana Santa ou o Mercado Medieval como principais exponentes, xa non serán o mesmo sen tí Ramiro, e sobre todo a Asociación Cultural O Pasatempo, amiga desta web, e na cal tiñas tanta ilusión e traballo postos. 

Agora que xa non estás aquí con nos, faremos todo o posible porque o teu legado sexa trasmitido xeración a xeración, e que a chama do teu recordo non se apague nunca. Gracias por todo amigo.

 

Cultura e Ocio © 2.014

“Caso Imprevisto” Versos de Noriega Varela

Indo prá rega,

no chibadoiro

topei con ela.

-¿Que fas –lle dixen-

aquí, Josefa?;

¿non te decatas

que é noite pecha?

-Ouh, meu filliño,

-repuxo a meiga-,

¡fúxame o demo

si quero festas!

-Pois ¿que che pasa?

-Doime a cabeza.

-¿Raio contigo!,

¿seique eres fera?

-Son ‘no me toques’.

-I eu… ‘retranqueiras’.

-Pois no me acabes

logo a pacencia;

¿quen te chamaba

pra esta merenda?

¡Sigue pra diante!

-Non vou de présa…

¿A que tiveches

algunha perda?

Dime, ¿que esculcas,

pomba sinxela?

-Es ben zunado,

¡caieume a alferga!

-¿Onde a traguías?

-Na faldriqueira.

-¿Si?, ora amosa.

-Ten as maus quedas,

¡ei, que demoño!

-Cala, Josefa…


Coa Colaboración de Pepe de Noriega

Marcos Candia © Cultura e Ocio 2.014

II Xornada de curtametraxes en Mondoñedo

Por segunda vez a “Asoc. Cultural O Pasatempo”, vai organizar na nosa cidade, unhas xornadas de curtametraxes, a continuación reproducimos a nota de prensa que nos fan chegar sobre este evento: 

Na primeira fin de semana de febreiro (31 de xaneiro, 1 e 2 de febreiro), O Pasatempo celebrará a “II Xornada de curtametraxes O Pasatempo” para novos creadores, complementada cuns videos recopilatorios da cidade de Mondoñedo. Asistir a calquera destas proxeccións será gratuíto.

Por unha banda, ponse en marcha a “II Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” que se desenvolverá o sábado 1 de febreiro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo a partir das 7:30 da tarde. Nesta xornada proxectaranse varias curtametraxes, de entre 5 e 22 minutos, sobre diferentes temáticas. Os proxectos audiovisuais están realizados por Gaitafilmes e Producciones de fin de semana; xoves creadores de Mondoñedo, Meira e outros lugares de Galicia. Éste sábado poderase ver “Simón”, “O Paquete”, “A Porta” e “Dous días dicen”, obras de Gaitafilmes; o documental “XV Mercado medieval de Alfoz” de Producciones de fin de semana; e “Bos días” e “Sálvame!”. Cabe destacar a presenza de varios membros de Gaitafilmes, que farán unha breve charla das súas curtas  nesta II Xornada, asi como da primeira longametraxe “Dhogs” que están a preparar.

Complementando esta “II Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” e tamen no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo, o venres 31 de xaneiro ás 8 da tarde proxectarase o video “Calquera día en Mondoñedo…”parte 1, e o domingo 2 de febreiro ás 5 da tarde e ás 6:30 da tarde “Calquera día en Mondoñedo…”parte 2 e 3, videos de creación propia da Asociación Cultural O Pasatempo (autor: José Luis Fernández “Keno”) e no que se recompilan de forma moi amena diversos videos da historia mindoniense, principalmente da década dos ´90 e 2000, incluindo algún da decada dos ´50 recuperados do NODO.

Convidámolos a todos a achegarse e compartir con nós as actividades que O Pasatempo preparou para este primeiro fin de semana de febreiro.

+ INFORMACIÓN:

Simón (2007)

Sinopse: Simón é diferente ós demais, case non ten amigos e dende pequeno vive atemorizado. O seu avó sempre lle dicía: “algún día alguén virá… virá e levaravos a todos, tan só se salvará aquel que permaneza baixo a auga Simón, baixo a auga…”.

Produción: Andrés Goteira, Suso López e Adrián Folgueira.

Dirección: Andrés Goteira.

Premios: II Premio no Certame Audiovisual da Universidade de Vigo.

O Paquete (2009)

Sinopse: A comezos dos anos setenta, nunha pequena fronteira no medio de ningures, un rapaz portugués transporta día tras día un misterioso paquete cara o outro lado da fronteira.

Produción: Andrés Goteira, Suso López e Adrián Folgueira.

Dirección: Andrés Goteira.

Premios: Premio á mellor curta de ficción no festival CURTANAREDE’09. Nomeado a mellor dirección e mellor montaxe.

A Porta (2010)

Sinopse: No sepulcral silencio da madrugada escóitanse golpes na porta dunha casa illada, o medo, a preocupación e a intriga apodéranse do seu habitante mentres unha estraña visita o leva a unha desconcertante situación.

Produción: Andrés Goteira, Suso López, Laura Doval e Ana García.

Dirección: Andrés Goteira.

Premios: Premios á mellor curta, mellor curta en galego e mellor actor de ATODAMECHA en OFESTIVALON’10. Finalista no Liceo Casino Xacobeo’10 do Curtasfilmfest de Vilagarcía.

DOUS/DÍAS/DICEN (2010)

Sinopse: unha tenra e triste historia de amor que nos ensina que nunca é tarde para cumprir un soño.

Produción: Andrés Goteira, Adrián Folgueira e Laura Doval.

Dirección: Andrés Goteira.

Premios: gañador do Premio Lugo10 no I Concurso de Curtas e Maquetas da Fundación TIC.

XV MERCADO MEDIEVAL ALFOZ

Sinopse: Nun lugar chamado Alfoz, na terceira semana de Xullo, o Castro envolve coa súa maxia un exército de privilegiados. Veciños unidos por un soño: “Facernos ver cos ollos abertos aquelo que imaginamos con eles pechados…”

Produción: Producciones de fin de semana

Dirección: Miguel García Fernández e Álvaro Liste Fernández.

Imaxes aéreas: Garacopter

SÁLVAME!

Sinopse: Manuel é un home que ten dúas soidades. A soidade persoal e a soidade do artista (é un escritor mediocre). E, de repente, aparece ELA. “Sálvame!” non é unha historia de amor e desamor, son dúas historias de amor e desamor. A historia de un home e unha muller; e a dun escritor e o seu personaxe.

Produción: Jorge C. Dorado e Jesús DeLa Vega

Dirección: Javier Veiga.

BOS DÍAS

Sinopse: Ramón é un broker de bolsa moi particular ao que só o motivan dúas cousas, o sexo e os cartos.

Produción: Dani dela Torre.

Dirección: Dani dela Torre.

Premios: Premio ao mellor actor no festival de Cans (prov. Pontevedra, 2006). Premio á mellor curta en video na VIII Mostra de Curtas de Noia (2006).

Marcos Candia

Cultura e Ocio © 2.014