Entrevistamos a: Manuel Tapia

Voltamos coa nosa sección de entrevistas, e delta volta traemos a un mindoniense ben coñecido por todos nos. Presidente da ACIA local, hostaleiro e fundador e Presidente da “Peña Deportivista O Rincón de Mondoñedo”, falamos con Manuel Tapia.

  • A primeira e obrigada pregunta, versa sobre a ACIA de Mondoñedo. ¿Cómo ves, Manuel, a Asocación actualmente, o presente da mesma, a súa estructura, e os cambios nestes 25 anos de historia que está a piques de cumprir?

A ACIA mindoniense leva varios anos seguindo unha liña de traballo, dándolle continuidade e consolidando, distintos eventos que desenrola ao longo do ano. Contamos na actualidade con 72 socios; nos últimos anos estamos a rondar en torno a esa cifra, 70-80 socios, nos cales incluímos a hostalaría, comercio, industriais e autónomos. Tendo sempre as portas abertas a incorporación de novos membros. A piques de cumprir os 25 anos, o 24 de febreiro. Nos seus comezos, a principios dos 90, Mondoñedo contaba con moito comercio funcionando; hoxe en día atravesamos un baixón no que o comercio respecta, pero agardamos que o comercio local repunte coa creación de novas tendas e a aparición de novos emprendedores como a nosa Cidade merece. En esa década dos 90, a ACIA organizou varias “Feira Mostra”, coincidindo coas case milenarias feiras de San Lucas, que resultaron ser un éxito de organización e público; como presidente actual e en  nome de todolos socios, aproveito a ocasión para agradecer o traballo que o longo destes 25 anos realizaron presidentes e directivos das distintas épocas.

  • ¿Pódesnos falar dos proxectos da ACIA para o futuro máis próximo?

Para o actual ano, temos o aniversario da ACIA e conmemoraremos os 25 anos o día 24 de febreiro cun sorteo, coincidindo co número gañador do cupón da ONCE do día no que se foi dada de alta, oficialmente, a ACIA mindoniense fai 25 primaveiras, e premiaremos cun vale de 250 € os nosos clientes para gastar no comercio mindoniense asociado. Levaremos a cabo unha comida de celebración aberta a todos os que desexen asistir e cun desconto especial para os socios, falta por concretar a data da mesma. Tamén estamos a traballar nalgunha actividade enfocada o sector do comercio asociado. O longo do ano, colaboramos con outras asociacións con pequenos detalles, por exemplo, un deles como é, o Entroido mindoniense, aportando os premios infantís. Logo temos pequenas colaboracións coa Semana Santa, o Ralli de Clásicos, etc. Estaba a traballar tamén, no 4º encontro de Cantos de Taberna, e no 8º concurso de tapas Cidade de Mondoñedo. 

  • A ACIA da nosa cidade ven de mancomunarse con outras mariñás, ¿Cómo pode axudar isto ao pequeno comercio?

A unión do comercio mariñá, por fin, despóis de case tres anos de traballo, púxose a funcionar. A nosa pretensión é, que a Mariña se converta nun centro comercial de en torno a 1.000 negocios, de todo tipo; no cal temos a sorte de ser unha das zonas de España con máis atractivos, moitos dos cales están sen promocionar. Por exemplo, en distancias moi curtas, temos unha praia, ou unha ruta de sendeirismo, nunha Cidade Histórica e Monumental como é Mondoñedo. A nosa labor principal é transmitirlle o resto do mundo todo o encanto que ten a Mariña. Se ese se logra, todos gañaremos, e o pequeno comercio mariña será o primeiro beneficiado. 

  • Falamos agora da Autovía A-8, ¿Qué opinión lle merece a Asocación esta nova vía, xa rematada, no que afecta a Mondoñedo? ¿Cales son as súas reivindicacións en caso de existir?

O funcionamento tal da A-8 e vital para toda Galicia, e todo o norte peninsular. No que respecta a Mondoñedo, xa levamos case un ano desfrutando do seu servizo. O que sí pediría, é unha boa sinalización de Mondoñedo e da Mariña, na máis nos adentremos na provincia de Lugo. E logo, antes dos accesos a Mondoñedo, por exemplo en Lourenzá e Barreiros, sinais que indiquen a Cidade Histórica e Monumental de Mondoñedo, e o pasar Vilalba (creo que xa existe) debería haber outro sinal das mesmas características, pedindo o mesmo na zona de Baamonde ou Rábade. Ademáis que o firme da N-634, sexa coidado ao máximo, polo organismo competente, porque ese vai ser o noso acceso, tanto ao Norte como ao Sur, e seguirá sendo nexo de unión de Mondoñedo coa súa entorna. E por suposto, fora da autovía, que a LU-124, se arranxe en condicións para ter unha boa comunicación das parroquias mindonienses polas que pasa, e por suposto cos concellos de Riotorto, Pastoriza, A Pontenova e Meira. 

  • Manuel aparte de presidir a ACIA, rexenta un dos locais máis coñecidos de Mondoñedo como é O Rincón. ¿Qué nos podes contar das actividades previstas a curto prazo no mesmo?

Dende o Rincón de Mondoñedo estamos a traballar coa programación do remata do inverno e arranque da primaveira. O venres 14 celebraremos o San Valentín, premiando as 10 primeiras parellas que reserven mesa para cear no Rincón, cunha entrada, por parexa, de agasallo para un SPA. O venres 7 de marzo, recuperando algunha das festas rinconeras da primeira década do 2.000, levaremos a cabo a festa do pixama, con diferentes premios. Continuaremos co Entroido, o sábado de piñata (8 de marzo), día do desfile na nosa Cidade, contaremos coa actuación de Tania e o seu acordeón, dende a 1 da maña, despois de celebrar, dende as 23 h, unha cea con chupito e primeira copa por 15 €; logo, na seguinte fin de semán, con motivo da 25 concentración de motos, o sábado 15 de marzo, dende a 1 da maña, gran actuación de La Dulce María. Xa traballamos tamén, cara a Semana Santa, Concentración de Autocaravanas, As Quendas e o XIII Campeonato de Tute do Rincón. 

  • Outra das facetas de Manuel, e a presidencia da Peña Deportivista o Rincón de Mondoñedo. ¿Con cantos membros conta na actualidade? ¿Qué proxectos ten para o futuro da mesma?

A peña deportivista conta con 35 socios e un socio de honra, Fernando Vázquez. A cuota anual é de 20 € por socio, o cal nos permite, dispoñer de 2 carnet´s a disposición dos peñistas, que no caso de varias peticións, lévanse a sorteo, e que tamén nos permiten abaratar o custo na compra de entradas. O longo da tempada, socios da peña, soen estar presentes nos distintos campos de España, animando ao Dépor. Levamos 14 anos federados como peña do Real Clube Deportivo da Coruña, e somos membros da Federación de Peñas. O longo dos anos, pasaron pola nosa sede os adestradores máis importantes dos últimos anos do noso equipo, Arsenio, Jabo e o actual técnico Fernando Vázquez, e outros membros do equipo como Franganillo ou o noso utilleiro Suso, e tamén o ex xogador e adestrador Carlos Ballesta. 

Logo da entrevista Manuel adicou unhas verbas a esta casa:

Respecto ao blog, dende as entidades coas que colaboro, tanto a ACIA, a Peña Deportivista, a Asoc. As San Lucas, e como hostaleiro da nosa cidade, quero aproveitar a oportunidade que me brinda este blog, e agradecer a labor desinteresada e mirando pola nosa cidade, facéndolle chegar información de eventos e suxerencias e necesidades dos nosos veciños, dos nosos eventos a toda a xente, principalmente de Mondoñedo que reside lonxe de nos, e forasteiros que nos visitan ao longo do ano, facilitándolle co seu traballo, información sobre o noso querido Mondoñedo. Polo que a min respecta, mil gracias, como Cunqueiro e as súas mil primaveiras desexadas para Mondoñedo. 

Dende Cultura e Ocio, queremos dar as gracias a Manuel pola súa atención e xentileza, a hora de responder a nosa chamada e concedernos esta entrevista.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014