Mensaxe de Nadal 2.014

Como xa é hábito, este blog, despide o ano coa voz dun invitado, mindoniense ou relacionado con Mondoñedo. No primeiro ano de vida desta casa, no 2.012, foi Armando Requeixo quen felicitou as festas, o ano pasado, no 2.013 puxo as súas letras Zalo García, e para este ano o invitado non é outro que Fran Bouso, que dende o primeiro minuto se prestou agarimosamente a colaborar. Sen máis, velaquí as súas palabras:

Primeiras veces

Este ano que está piques de rematar foi, para min, un ano de moitas primeiras veces.

Por primeira vez organicei xunto con Antonio Reigosa, Paco Piñeiro, César Morán e Armando Requeixo “Mondoñedo é poesía”. Por primeira vez traballei para que a primeira edición de “Mamá, quero cantar” fose un éxito grazas a que contamos con pícaras e pícaros que demostraron ter gran talento musical e con profesionais da talla de Xulia Nogueira e Xan Carballal. Por primeira vez fixemos con Fabián, Mónica, Silvia, Carmen e unha morea de amigos “Voces da Paula”. Por primeira vez din un pregón (o das Quendas). Por primeira vez se fixeron realidade cousas que noutro tempo foron soños e incluso algunhas que nunca imaxinara. Foi, para min un ano de moitas emocións.

Agora que estamos no tempo de Nadal, deséxovos que teñades ilusións e que as vosas ilusións, se así o desexades, un día se fagan realidade e vos enchan de emocións positivas. Pero que tan axiña coma estes soños se estean a materializar vos vaian xurdindo novas esperanzas.

Eu chego a este final de ano co sentimento do “deber” cumprido e pola miña cabeza xa están a pasar proxectos que agardo poder compartir con todos vós o vindeiro ano e tamén desexo que compartades comigo as vosas cousas: A vida, por moitas voltas que lle queiramos dar non deixa de ser unha oportunidade para iso. E aquí estará Marcos Candia e Cultura e ocio para recollelas e espallalas polo mundo adiante. Non esquezades que en calquera esquina do Universo onde se atope un mindoniense, alí está Mondoñedo.

Con estas palabras de Fran, desexámosvos a todos un feliz Nadal e toda a sorte do mundo para o vindeiro 2.015. Unha vez máis gracias a Fran Bouso pola súa desinteresada achega a esta casa.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014