Galicia Encantada cumprirá 10 anos

A web de referencia da mitoloxía galega, “Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia”,  cumprirá no próximo mes de marzo a nada desprezable cifra de 10 anos na rede. 

Esta web ten un vínculo moi importante con Mondoñedo, que non é outro que Antonio Reigosa, actual cronista da Cidade, e principal artífice da web.

Para celebrar o aniversario veñen de renovar por completo a estética e organización da web. Con debuxos de Noemí López e novas seccións interactivas; amáis de mellorar as categorías de sempre coa axuda de “Desarrollos Lugonet”.XG00238501

Pero ahí non queda todo, xa que sae a luz o volume “Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías”; con ilustracións tamén de Noemí López e que publica Edicións Xerais de Galicia baixo a colección LibroX. O volume conta con 101 relatos de 52 autores distintos, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía , Isidro Novo ou Adela Figueroa.

O libro conta con relatos de toda a xeografía galega, coa temática habitual da web, ademáis de dous poemas orixinais de Marta Dacosta e Antonio García Teijeiro, inspirados no lendario popular galego tradicional.

A primeira presentación do traballo terá lugar o vindeiro martes día 10, na libraría Trama as 19:30 h. 

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015