Verdades que ningúen cre. 4

Chega a cuarta entrega do serial “Verdades que ninguén cre”, da man de Francisco Piñeiro, unha serie que está a acadar un altos índices de audiencia. Vamos pois ala…

Lume na meda

(Publicado: 10/03/2011 pero cos aires dos tempos presentes  ben poidera ter data actual)  

De cando en vez, convén subir ó faiado das lembranzas para non esquecer de onde vimos. Este sinxelo exercicio de íntima reflexión permite descubri-los nosos alicerces individuais e colectivos, apaga-la fogaxe social e reconduci-las nosas enerxías.

Para todos aqueles que precisan formatear de novo a concordia social no seu disco duro mental intentarei descargar nestas catro liñas algúns arquivos da idiosincrasia galega que, noutrora, marcaban os límites dos conflitos particulares para arrima-lo ombro, sen reticencias, ante unha situación de emerxencia.

A máis sobranceira, sen dúbida algunha, era a reacción colectiva cando o lume prendía na meda. Falo por experiencia. Ata os enemigos máis ancestrais da familia damnificada se sumaban á cadea humana afanándose en facerlle voar á auga dos caldeiros por riba das lapas. A ninguén se lle ocorría apaga-lo lume con gasolina, nin mirar dende a fiestra e moito menos rir, aplaudir ou tirar foguetes. Non era tempo de diferencias porque o pan, alomenos daquela, era sagrado. Hoxe comeza a ter máis transcendencia e admiración discutir que música debe levar o cascabel do gato que agarrarse a el, sen pensar que seremos o seu próximo bocado.

Poderiamos describir mil exemplos onde as personas sabían aparca-las xenreiras: incendios de montes de man común, arranxos dos camiños veciñais, reconstrucción das presas destruídas polas riadas, etc… e por suposto calquera disgracia humana ou da facenda. En ningures estaba escrita a lei que obrigara, agás na conciencia humana, é dicir no “coñecemento compartido”, facultade que permite ás personas distinguir entre o egoísmo personal e o ben da comunidade..

Ó parecer hoxendía a conciencia colectiva, sendo filla de todos, anda orfa. Moitos xa a guindaron ó lixo e outros témola arrecantada no escuro faiado do esquecemento. Iso explicaría a actitude da maioría dos “cidadáns modernos e avanzados” ó considerarnos exentos das obrigas que traspasen o límite do proveito propio, privilexio adquirido coma contrapartida de termos ó día os recibos dos nosos impostos. Esta “bula” económica outórganos o salvoconduto para exercer de francotirador, na contra dos poderes e servizos públicos, esixindo un cumprimento ético ó cal nós pouco ou nada contribuimos ó andar sentenciando tópicos, aireando falares ou executando moitos dos nosos propios actos. Que o fagan eles para iso cobran! Se anda metido aí é porque lle interesa… Nun incendio cruzámo-los brazos, ou para que están os bombeiros? O lixo tirámolo o chan; para algo estarán os varrendeiros!… Se neva, a culpa é da administración, etc…

Ó parecer, nós como cidadáns ou somos perfectos ou non temos culpa de nada. “Esiximos” honradez e transparencia ós políticos, administradores e funcionarios, o cal é loable, agás cando nós mesmos atallarmos para obter privilexios. Daquela ata aireamos con fachenda que se conseguiu grazas a un “amigo”.

Chegamos a tales extremos de sabedoría que entendemos de todo. Con enceta-los titulares dos xornais sóbranos; o demais xa llo amecemos porque “todos son iguais”.

Reflexionemos. En verdade, tanto nos cidadáns de a pé, coma nas administracións ou nos políticos, non queda ninguén en quen confiar? Alguén terá que haber! Posiblemente non saia nos medios de comunicación porque iso non vende. Teremos nós o interese de buscalos e arrimarnos a eles ou será máis doado seguir remexendo ata envorcallarnos todos na mesma dinámica?. Se os programas da televisión son puro lixo e ninguén os ve, como acadan logo as altas cotas de audiencia? Se os políticos defraudan pola súa desunión e por buscar “partido”, entón quen lles outorga os votos?

Hai algo que non cadra e témolo lume na meda. Opinar, con respecto e con ánimo de construir, é un dereito e unha obriga, pero lembremos o que dixo Machado: ‘Si cada español hablase de lo que entiende, y de nada más, habría un gran silencio que podríamos aprovechar para estudiar”

Ningún pobo progresa sementando diferenzas senón xuntando esforzos e compartindo querencias. Aprendamos dos noso propios pés que sendo un de dereitas e outro de esquerdas camiñan xuntos toda unha vida. Tan só é unha opinión.

(O relato é orixinal de Paco Piñeiro, e compártese baixo a súa autorización, todos os dereitos do mesmo, son propiedade do autor.)

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015