PRETEMPORADA DEPORTIVISTA EN MONDOÑEDO

O 24 de xullo de ano 1.985, os compoñentes do Dépor daquela época, comezaban o seu segundo “stage” de pretempada nas instalacións do Hotel Mirador de Mondoñedo, hoxe en ruínas.

Daban así comezo ao programa marcado polo técnico Jesús “TxuTxi” Aranguren Merino, en colaboración co preparador físico daquel entón, Gilabert, para a posta a punto do equipo con vistas a nova tempada.

DÉPOR EN MONDOÑEDO
Escadra deportivista da tempada 79/80, co laurentino Rego Rey.

Era a segunda vez na historia que o conxunto herculino preparaba a tempada nas instalacións do citado hotel mindoniense. A primeira, foi a correspondente a tempada 79/80, na que participaría Rego Rey, que xogou varios encontros na segunda división co cadro coruñés, e que co paso dos anos xogaría de forma moi destacada, en varios equipos da nosa provincia, na Terceira División. Destacaban nas formacións daquel Dépor, Paco Buyo, Pardo, o arxentino Piris, Cantudo, Alfonso Castro, Ballesta, Traba, José Luís Vara, Piña, Gallego, Pousada ou Albino. O máximo goleador do cadro naquela tempada, fora o dianteiro centro Traba, con 14 dianas. Fatídica tempada para o Dépor, e Celta de Vigo, na cal ambos cadros caerían a 2ª división B.

Pero centrámonos no ano 1.985, naquel entón o Dépor contaba con xogadores como Traba, Montes, Silvi, Agulló, Verón, Jorge, Donowa, Vicente Celeiro ou José Luís Vara. Ao remate desta tempada na 2ª división o Dépor acadaría a 6ª praza sendo o máximo artilleiro o chairego Vicente Celeiro con 11 tantos.

Os compoñentes daquel Dépor, durante a súa estadía en terras mindonienses, realizaban a parte táctica no municipal “Viñas da Veiga”, onde ademais xogaban encontros amigables coa S.D. Mindoniense dende o ano 1.972; a parte física era levada a cabo polos frondosos montes que rodean Tronceda e Estelo e a veira dos seus pastizais.

Aproveitando a pretempada, o cadro coruñes, tamén aproveitou para desputar o XVII Trofeo “Conde de Fontao” de Foz, sería o 28 de xullo, as seis e media da tarde, onde se enfrontarían o Dépor e o Sevilla, adestrada naquel entón por Manolo Cardo, que tamén se atopaba preparando a tempada en Galicia, concretamente en Ordes. A victoria do partido, sería para o cadro galego, por tres tanto a un, tantos de Camuel, Alfredo e Durán e o gol sevillista sería para Francisco. O árbitro daquela contenda, un famoso galego García de Loza.

Coa colaboración especial de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

VERDADES QUE NINGUÉN CRE. 6

de Chega a sexta entrega do serial de Paco Piñeiro, “Verdades que ninguén cre”; e faino coa segunda, e definitiva, parte de “Tempos de Morno Asubío”, que comezaba aquí.

Suliñar que o relato, “Tempo de Morno Asubío”, obtivo o 1º premio de narrativa no ano 2.005, no daquela X Certame Literario, Manuel Orestes Rodríguez López” e foi publicado polo Concello de Paradela neste enlace. Sen máis a segunda entrega deste fermoso relato.

Tempos de morno asubío II

(Adaptación do orixinal; dedicada a Marcos Candia)

Miña avoa berroulle para advertirlle.

-Acaba, Xosé. Déixate de líos! Xa tivemos dabondo. Fai o que teñas que facer.

Así rematou o asubío. Cunha voz asfixiada mal oiuselle dicir:
-Abride!.

Ninguén se moveu. Ninguén desexaba ser cómplice. Todos comprenderon o sufrimento dun home oprimido, forzado a matar o máis singular do seu pobo para satisface-la inxusticia. Só se atreveu a entrar o tolo.

-Me cago no demo!- saiu berrando. Acendede un fachico!

Alumearon o cortello . Ali estaba…. o meu padriño aforcado!

De nada serviu que o ergueran axiña, que o descolgaran en quente, que tentaran reanimalo con auga fría. Foise para sempre. Estas cousas moito dan que pensar!

Aínda non pasarían tres semanas cando voltei pola casa da avoa.. Achegueime ós barrotes de ferro da ventá do fregadoiro. Pareciame ve-la calva do padriño refulxindo tra-la lareira. Pero non había nin lume. As ristras de chourizos colgados das varas semellaban longas bágoas vermellas.

Eu sempre fun un lambón dos chourizos. Moito do meu inxenio débollo a eles.. Non te rías! Ai se eu che contara! Na casa da Labrega, veciña da miña avoa, témolos roubado cun gancho pola cheminea mentres a vella vixiaba o parrafeo da filla co mozo á porta da casa.

Pero a casa da miña avoa non tiña nin chimenea. Defumaba por un burato do teito. Naquel intre entrarame un degoiro polos chourizos que me facía retorce-las tripas pero decidín marcharme despois de arrodea-la casa. Estaba pechada, as ventás cerradas e as contras entornadas. Peguei os ollos ós cristais para despedirme dos chourizos.

-Ahhh!- berrei saltando cara atrás.

 Un gato mouro caera do ceo. Recobrei o alento, mirei cara arriba e vin aberto o fachinelo do faiado, enriba do fregadeiro,case rozando no beirado.

-Se cabe un gato, cicais poda caber eu – pensei. Se chegara!

Subín ó peitoril; agarrado ós ferro estarriqueime canto puiden para alcanzar coas xemas dos dedos o marco do ventanuxo. Como me tremía o corpo! Agatei a pulso ata mete-la cabeza. Tiven que recuar porque os brazos non me entraban; Xirei para introduci-los ombros na diagonal e reptando, pouco a pouco, foime engulindo o burato.

O faio estaba coberto de folla de millo, follato espelido , posto a secar. Era para enche-los xergóns das camas. Ó pisalo ruxía; parecía anunciar:

-Ai vai o ladrón!

A porta que daba ó comedor estaba zochada cun capizo. Empurreina, cedeu e saltei polas escaleiras ata a cociña .Medrabame un latexar no peito e unha secura na gorxa. Fun dereito á sella. Bebín un tanque de auga sen respirar. Vireime e vin os chourizos. Semellaban un palio por riba da gramalleira. Cando ía botarlle-la man mirei ó escano onde sempre sentaba o padriño Que diría de min? – pensei. Aínda permanecía enriba da artesa un lápiz cativo abandoado sobor dun papel de estraza no que me pareceu ler :

-Ai dos que levan o cerebro no estómago!

Supoño que aquilo era para darme que pensar pero, ben sabes, se a fame apreta…! Asi que tentei os chourizos.Xa valían para a proba.

– Se corto un ou dous vaino notar a avoa. Será mellor leva-la ristra enteira.

Dito e feito. Recoloquei as outras para mata-la rareira. Gardeina por dentro da camisa e voltei a subir.

No relanzo das escaleiras detívenme porque estaba a porta da habitación aberta.

Nunca alí eu entrara. Entrevíanse os pés de dúas camas vermellas de cerdeira retorneada.

Unha varanda con perchas o fondo na que penduraban traxes e vestidos e no medio, coma se fora un altar, unha maleta grande posta enriba dun caixón. Estaba pechada con catro correas .Afrouxei as fibelas amarelas e abrín. Non mo vas a crer! Estaba repleta de libros! Willian Shakespeare: “ Romeo y Julieta”,”Hamlet”, “ El mercader de Venecia” da Editorial Tor de Bos Aires, no 1944; “Guerra y Paz” de Tolstoi, con publicidade na contraportada de “Natacha” nunha frase lapidaria: “Los pueblos que alientan una fe siempre se redimen”; “Los Mártires”de Chateaubriand , por un precio de dez pesetas, “ Verdad” de Emile Zola; “ Misterios de la Inquisición Española”, “Los intereses creados”…… Miña mamaíña do ceo! Cantos libros na casa dun pobre labrego! Vaia capital trouxo o padriño das Américas. Quedei abradiado.

Seguín remexendo con ansiedade naquel olor rancio, naquela cor canela dos libros de tapas abichadas. No fondo da maleta repousaba unha caixa azul de lata na que se podía ler:”Dulce de membrillo” Destapeina. No seu interior dourado gardaba polo menos unha resma de cuartillas de papel de estraza moi ben colocadas e atadas cun lazo vermello. Saquei o atado con moito coidado. Achegueime a ventá para entreabrir máis a contra. No centro da primeira cuartilla unas letras escritas a lápiz :

Na miña terra o Sol non se atreve a asubiar;
pasa silandeiro e morre de vergoña
ó decatarse de que non somos capaces
de unirnos para facer grande a nosa historia.

Sentei da emoción. Aquelas verbas estaba na lingua dos doces asubíos, na que eu oía a diario pero nunca os meus ollos lle viran a forma. Acariñei a grafía coa precaución de non borrar aquel milagre. Con aquel descubrimento pareceume medrar; inflóuseme o peito. Relín aqueles versos unha e outra vez sen atreverme a desata-los lazos. Unha lingua que falaba de nós deitada coas xoias da literatura universal! Por que meu padriño a gardou coma un tesouro no fondo da maleta? Sería que moitos non lle daban valor? Por que nunca o meu mestre me ensinara a escribir como eu sentía?

Desatei e púxenme a ler versos de estadullos, cantigas de arado, lendas dos valados….Nas derradeiras páxinas estaban escritos “Os pensamentos do filósofo” Nada máis escomezalos rompín a chorar.

– Que poñen os papeis?- escoitei.

Sobrecolleuseme o corpo. Saltei dun pulo.Era a voz da miña avoa. Estaba na cama, apenada e abatida.

-Avoa, síntoo moito, eu entrei pero….
-Shh! Cala, cala! Le eses papeis. Nunca souben o que poñían. Non tiven ocasión de aprender a ler. A noite antes de finar , o teu padriño pasouna escribindo, lendo e relendo, coma se o tempo se lle acabase ,… e asi foi. Dábamo a min a alma e máis aquel asubío morno que trougo da cadea. Le, meu neno, le.

Así o fixen. Aínda recordo algúns retrincos:
….” Os poetas, escritores e filósofos son os ferreiros do espíritu dos pobos; enfían as palabras no aire da esperanza. Pode haber goberneiros , e non gobernantes , que prefiran darlles unhas sobras para telos calados coma porcos nun cortello. Ai do porquiño que non
queira comer da súa man e lle dea por cantarlle ó aire, bica-las flores ou ler no chan…. 

….” o porco, ó igual ca moitos poetas, non se lles aprecia ata o día no que morren.

Daquela todo son gabanzas. Probando as sús febras disfrutan tanto os ricos coma os pobres;…
-…. o meu porquiño filósofo non era un porco senón unha ilusión. Antes de matalo morreu de pena e enterreino ós pés de Artai, ó caladiño, ….. ninguén ten dereito a matar a ilusión dun pobo… El non tirou ó Pedáneo. Foi o Pedáneo quen tivo medo del, de que seu espíritu se extendera e mermase os seus intereses por iso mandou determe e obrigarme a matalo.

Chegou tarde porque xa a súa semente abonaba a nosa terra…non tardará en voltar a agromar nela…. Eu non sei porque o Pedáneo me tivo sempre xenreira….

-Seino eu – dixo a voa. -Voucho contar, meu neno, aínda que sempre pensei morrer co segredo. Non llo contes a túa nai. O Pedáneo procede desa especie de conquistadores que tripan sen escoitar lamentos. De novo foi cazador de mulleres. Pero houbo unha que se lle escapou cando se viu del preñada. Nunha noite fuxiu e pariu entre barricadas, no medio dos silbidos das bombas e da metralla. Esa moza era eu. Alí me atopou teu padriño. Namorouse sen preguntarme nada. Recoñeceu á miña filla e deuche a ti o seu apelido.Xuntos voltamos como marido e muller. Todos o aceptaron agás o Pedáneo que nunca se resignou a perder unha presa.

– Así que xa ves! Estas cousas dan ou non dan que pensar! Son afillado do Chico e neto do Pedáneo. Manda carallo!
Miña avoa non tardou en morrer e non o vas a crer. Co paso do tempo o Pedáneo virouse a demócrata. Alabado sexa! Tamén se recicla o lixo. Conteiche todo isto porque me acababa de chegar este fax e non sei asubiar. Estou convidado a inauguración dun monumento ó porquiño filósofo na aira do medio da miña aldea. Seica é un animaliño de granito que non para de sorrir. Leva unha placa gravada coa seguinte inscripción: “ Para que nunca retornen os tempos do morno asubío”.

E sabes quen me envía este fax? O diputado, o fillo do Pedáneo, afirmando que meu padriño ….”fora un bo home, amante da liberdade, dos moitos que se desaproveitaron na nosa terra.”

Estas cousas moito dan que pensar. Pois teño que tomar unha decisión e non sei asubiar.

Ti que farías?
Vou mandarlle un “e-mail”. “”Que o porquiño filósofo represente a tódolos que defendan a lama e a alma da terra. Sen remexer no pasado, respectándonos as ideas, camiñaremos xuntos aprendendo dos nosos pés que, sendo distintos, xuntan os seus esforzos ó longo de toda unha vida”. Mañá ,en Tronceda, imos asubiar xuntos.

(O relato é orixinal de Paco Piñeiro, e compártese baixo a súa autorización, todos os dereitos do mesmo, son propiedade do autor.)

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Conta atrás en Lourenzá, nunha semana “Conde Santo”

Achégase o fin de agosto, e como cada ano, Lourenzá, virirá as súas festas grandes, o Conde Santo, que un ano máis, trae como prato forte un gran concerto, nesta ocasión, a cargo de Revolver.

Pero non so haberá este concerto, ademáis orquestas da talla de Tekila ou Claxxon, a típica pulpada, o día da bicicleta, os cocos e cabezudos, a IX mostra folclórica, cantos de taberna, exhibición de batuka, fútbol… Todo iso se poderá desfrutar en Lourenzá dende o venres 28 ao luns 31 de agosto.

IMG_1695 IMG_1696Marcos Candia  – Cultura e Ocio © 2.015

 

VERDADES QUE NINGUÉN CRE. 5

Chega a 5ª entrega do serial “Verdades que ningúen cre” de Francisco Piñeiro. Un serial que está a colleitar uns altos índices de audiencia entre todos vos, os lector@s desta casa. Desta volta é a 1ª parte do texto “Tempos de morno asubío” coa que nos deleita Paco, e sobre a cal, lle quero dar de xeito especial as gracias, por facela adaptada e adicada a un servidor.

Tempos de morno asubío.
(Adaptación do orixinal; dedicada a Marcos Candia)

Non sempre tivemos liberdade para asubiar. Deberiamos sabelo. Asubiar a miudo alonga a saúde indiviual e colectiva porque non sempre tivemos a liberdade de facelo.

 Por falta do costume esquecemos asubiar.Pouca importancia tería de non ser que non hai moito tempo interpretabamolos asubíos dos veciños, o que gardaban dentro, porque o asubío é sentimento. Entre eles estaba eu.
Incluso sei dun home que morreu dun asubío! Claro que para entender isto hai que deixar que o tempo camiñe amodo. Camiñaba tan paseniño que permitía saborealo, aloumiñalo, facerlle as cóxegas e incluso bicalo ou sentalo o teu carón. Convidaba a que o probaras de balde .

Saborea o pisar dos teus zapatos. Cada paso fai historia. Entendes? De cando en vez non desexas ter un anaco de tempo para ti , para depenicalo, para estar de parola contigo? Pois eu lémbrome de quen sabía apañar polos montes, polas eiras, polos cómaros, poios e pousadoiros tempos de conversas, tempos de músicas e bailes, tempos para ser nenos e tempos para ser grandes. Agora, como estamos avanzados, non queda tempo nin para asubiar.

Non che é conto. As vidas dos homes tampouco o son. Hai contos que duran unha vida e hai que se van cun asubío. Iso pasoulle a un home que eu sei!

Senta, relaxa e convídate a algo porque a historia vai para largo. Vouche contar. Eu son de Tronceda, preto de Estelo, no Concello de Mondoñedo. Lémbrao ben e non se che esqueza porque non son dun sitio calquera, son de Tronceda. A historia da miña aldea non se atopa en ningún libro pero ficou escrita na lama. Algúns teñen présa para botarlle asfalto e así poder borrala. Pero..shhh! Coidado! As mortes convén aclaralas! E aínda queda quen sabe interpreta-la historia gravada na lama, quen valora as cousas pequenas para atopa-las solucións dos grandes problemas, non con batallas feroces, senón buscando a verdadeira chave das noces. Ai claro! Que pensabas!

Na casa de miña avoa sempre se mataban dous porcos ben lustrosos; fendían de gordos. 

Semellaban dous barcos bambeando polos camiños o seu andar de señorío. Non eran daqueles que , por mor da fame , amosaban as costelas como teclas dun piano Un ano, por xaneiro, baixei a feira de Mondoñedo, no Campo dos Paxariños, con miña avoa mailo meu padriño. Fomos mercar os ranchos para a ceba. Si, xa sei que os porcos fozan na lama pero non todos saben ler e escribir nela! Mercamos dous moi desaparexados, un marrote e un bacoriño medio ranquelo, todo esbrancuxado; a carón do outro semellaba unha penca de bacallao.Cruzando polos atallos chegamos a Rego de Cas onde o bacoriño cuincaba moi afrontado . Pillouno o padriño ó carrancholo ata chegarmos á casa do seu compadre, o matarife de Cesuras. Alí, fixéronlle unha cunca de de sopas con manteiga, ovos e viño quente e tamén lle fregaron o lombo con alcol alcanforado.

– Vas ter que levalo ó balneario- espetoulle a comadre.
– O porquiño chuchou un nadiña e xa quedou farto. Logo, púxose a ollar sorrindo e asubiando para a cara da miña avoa. O matarife, que tomaba un trago da bota á carañola, quedou abraiado.
-Oh, léveme o demo compadre, – dixo- este porco é una mina! Con él vas gañar un capital. Léva-lo as festas da Virxe do Camiño ,el asubía e ti cantas coplas; cando pases a boina énchela alforxa!

Meu padriño non contestou. Colleu ó porco nunha gavela e saimos a fume de carozo pola encosta de Zoñán.
Pasaron os días e aquel animaliño a penas comía.
-Que asubías? Se comeras, condenado! – berraba a avoa. -Xosé, mírame este cocho, ho! Xosé era o meu padriño. Sentado no escano matinaba nas súas cousas coa vista perdida nunha folla amarela dun xornal que pregaba e despregaba varias veces ó día. Alí viña unha fotografía dun mitin que houbera na Fonte Vella a finais do trinta e cinco. El era o rapaz da esquerda, o que enarboraba a bandeira. Pasaran trinta anos e seguía alí, sorrindo, ilusionado, pero meu padriño sempre se preguntaba :
– Ninguén ten dereito a borrarlle a ilusión a un rapaz!
– O diaño te confunda a ti e máis ó ler. Xa o debes de ter ben aprendido. Has de mirar ese porco, ou non ? Quédase ollando para min sen probar bocado. Ten que ser parvo!
– Oxalá eu fose coma o porco! Así nunca deixaría de sorrir- sentenciou o padriño.
-Arrenegado sexa o demo! Por que dis tal?
-Porque ós parvos ninguén lles pode rouba-la ilusión. Ti sabes dalgún parvo que o levaron á guerra? Non, porque abrazarían ós enemigos , convidarianse a empanada de zamburiñas ou a caldo de castañas e os que promotores das contendas quedarían en ridículo – moumeaba Xosé
pregando na folla. Saiu. Sentou diante do animal e comezoulle a razoar. O porco púxose serio e prestou tanta atención que nin pestanexaba.

Cando miña avoa observou tal escena pola ventá do fregadoiro pensou:
-Non sei cal dos dous estará peor.
Pouco tardou en voltar o padriño. Sentou trala lareira. Sen que lle dera tempo a coloca-los lentes xa miña avoa lle espetou con sorna:
-E que che dixo o porco, Xosé?
– Que andaba namorado.
– Ai lévete o demo! – rematou ela. De seguido cambiou de ton advertíndolle: – De seguir así non poderemos matalo nin polo antroido!
-Ben que llo expliquei pero non se che preocupou máis nin menos. Seica non ten présa en morrer.

Pouco tardaron en navegar polos falares da aldea todas estas ocorrencias e outras mais. Os veciños axexaban cando o porco saía dalo seu paseo diario , aínda ben o sol non sementaba os seus primeiros raios nos curutos do Xistral . Amilagrabanse ó velo acariñar tenramente ás bolboretas co fuciño. Bicaba nas flores! Buscaba amorodos, lorbagas, cerollos, pan de cobra, peidos de lobo, mazás de cuco, chuchameles….Observaba ós paxaros e asubiando levaba o compás da melodía da choiva ó bater nas herbas.

A xente deu en dicir:

– Non vos é un porco calquera! Ten un caletre que xa quixeran algúns
humanos.
– Para min que é un filósofo – asegurou un.:
-Ou poeta!- supuxo outro.
– Dende aquela sempre amolaban á miña avoa coa mesma pregunta:
-Xosefa, Como vai o filósofo!
– Cal dos dous? – replicaba ela.
– O segundo filósofo era o meu padriño. Cada vez botaba máis horas de reflexión, agochado tralo cigarro. Parecía repasa-la súa vida nas filigranas do fume.

De cando en vez paraba para suspirar e pronunciar aquela enigmática frase:
– Hai feitos que moito dan que pensar!
Os veciños tiñano por un home especial, moi á súa maneira, pero, iso sí, moi servicial que é o que conta. Se alguén lle quería agradecer o seu altruísmo e a súa solidaridade sempre respostaba:
-“As personas sempre están cando se precisan , os individuos non”. Cousas del. Eu non o entendía pero engaiolabame o su falar. Era distinto. Ás veces choraba pola súa nai. Seica lla deixaran morrer nun alboio enriba dun lote de estrume cando el estaba fuxido nas Américas. Dalí trouguera como único capital un falar pavero polo que lle alcumaron “O Chico”.
– Miña avoa rifaba a miudo con el porque non se comportoba coma os demais.
– Non son carneiro que pace da herba que outro pisa nin son ovella que baila o son do rabaño – respondía el.

A pesares de todo a xente tíñalle aprecio e dáballes mágoa porque cada vez estaba máis delgado. Dende que viñera aquel porco para a casa non se sabía cal dos dous parecía máis esgarecido. Lembro o día que se quedou pensativo no medio dunha leira de millo.
-Corre alí – díxome a avoa. – Espértao antes de que os corvos se lle pousen nos ombros. Parece un espantallo. Dille que veña xantar.
-Agora sei que a súa fame nunca arrimou ó estómago porque hoxe son capaz de observar e distinguir na rúa ás personas que só se alimentan das ideas. Ti non? 

A verdade sexa dita, todo hai que dicilo, o porco ranquelo e mailo meu padriño dábanse un aire. Traspasabaos a luz. Impoñía ve-los de lonxe ós dous xuntos resgando a sombra dos castiñeiros no fondo da congostra. Ó parecer iso foi o que albiscou a besta do Pedáneo nun solpor do outono. Voltaba para a vila cargado co diñeiro das rendas . Era un anquilosado usureiro aferrado a rancios privilexios que sementaba a pobreza e esmagaba a liberdade baixo a súa ruin cobiza tinguida de autoridade. Non puido dominar aquel animal que se erguía das mans dianteiras. Rinchaba desesperada coma se vira a Santa Compaña e non parou ata tirar co xinete na lama de tan mala maneira que partiu a cadeira. Eran tempos de esfollada. Os veciños deberían oílos berros pidindo axuda no medio da noite pero ninguén quixo escoitar nada.Tamén se escoitaron disparos e xuramentos ameazando con pegalle un tiro a aquela sombra branca que se lle acercaba. Seica era unha pedra de seixo branco que o día seguinte aínda cheiraba a fume dos balazos que recibira.

-Os homes con pistola sempre tiveron medo – afirmaba a xente.

O certo foi que ó alborexar do día seguinte espertoume un forte balbordo na casa da miña avoa. Viñeran os gardas! Eran altos con bigotes retorneados. Levaban o corpo cinguido de acharonadas correaxes rematadas en fibelas douradas. Viñan a deter ó meu padriño e así o fixeron a pesar da oposición dos veciños. Miña avoa, coma un cadeliño, chorando desconsolada camiñou tras del apretando nas mans un vurullo con arrecendo a reineta e tabardilla e a molete de pan recén cocido.
Ninguén sabía de certo o que ocorrira pero todos sospeitaban. Quen máis quen menos coñecía ben ó “Chico”. Sabían que sempre ía de frente cando expoñía as súas ideas,ben distintas ás dos demais. Eu pensei que sería por aquelas cousas que facía nos velorios mentres os outros rezaban de xeonllos. El sempre permanecía firme coma unha estaca sorrinte .

-Por que non rezas como fan todos, padriño? – pregunteille unha vez.
– Eu aprendín a rezar solo cando era un rapazolo coma ti. Daquela estaba de criado dun crrego que me ensinou a roubar.
– Iso non pode ser certo!- exclamei.
-Daba eu algo porque non o fora. No montón das patacas sempre pode haber apodrecida e isa debeume tocar a min. Aquel abade sempre me dicía: “ colle a fouce e vai por un feixe de toxo para a besta”
-En que leira o apaño, señor cura?
-Onde o haxa bo e che quede azoso. Levo rezado arreo por aqueles camiños arriba para que non me cazase o dono do monte arrapiñando para o meu amo!

Tamén na escola tivera o meu padriño unha agarrada macanuda co mestre. Só podía asistir nos crudos días de invernía e non voltou desde aquela mañá na que o mestre lle espetou:
-“ Eres bien burro! Tienes catorce años y aún no sabes multiplicar!
-Peor é vostede – díxolle o Xosé. – Ten máis de cincuenta anos e aínda non sabe falar o galego! Co doado que é!

Revirouse o mestre e dun golpe escachoulle a pizarra na testa. Pero quen se ía lembrar agora diso! A detención houbo de ser por algo moi gordo. Sería por destapar vellas contas da política? Disque aquelas foran as razóns que o conduciran polos derroteiros da emigración americana agarrado a unha maleta ateigada de esperanzas.Andivo en Cuba e na Arxentina onde foi perdendo o que levaba na maleta. Disque voltou sen nada , agás aquel acento da Pampa que lle daba un aire singular. Pero quen ía desexar remexer agora no pouso da historia?
Todas as suposicións se esvaíron cando regresou miña avoa .Os gardas viñan con ela. Foron directos á corte dos porcos.
-Aquí é – dixo ela.
-Traia un candil – ordenaron.
Eu mesmo llelo din xa aceso.De seguida saíu un garda moi anoxado.
-Aquí non está o que buscamos! Onde vai esa pantasma de cocho?
– Colleu miña a voa o candil e voltou a entrar. Non daba creto o que vía. O filósofo non estaba! Todos puxeron os ollos en min. As miradas ían e viñan á présa, ameazantes. Comecei a tremer.Sabía o que estaban a pensar.
-Eu non fun , eu non fun!- e boteime a chorar .
-Deixen ó neno!- saloucou miña avoa abrazándome. – Váianse . O porco vai aparecer.
-Máis lle vale. Agardaremos ata mañá. Se non nos entrega o marrán outros as pagarán – advertiron sen quitarme os ollos de enriba.

Nada máis marcharen ,miña avoa apretoume contra o seu peito e pidiume pola alma da súa nai que lle contase a verdade. A verdade era que eu non sabía onde ía o porquiño filósofo.
Percorremos tódalas casas dos veciños preguntando . Todos se encolleron de ombros.
Buscamos nas cortiñas e devesas .Foi en balde. Parecía que o filósofo se esvaera. Ou que o tragara a terra.
-Por que buscan ó porquiño esbrancuxado, avoa?
– O pedáneo puxo unha denuncia na súa contra. Seica foi el quen o tirou do cabalo.
-Mala centella o trague! Que culpa vai ter o animaliño!
– Hai momentos na historia, meu neno, nos que de pouco serve quen teña a culpa senón que atopen a alguén para botarlla. E pobre del!-, déume unha aperta e cubreume a cara de bicos.

Así ,abrazados no silencio do escano, agardamo-la chegada da noite.
Envoltos na escuridade , ás agachadas, polo medio da horta, levoume da man ata a casa do tolo. Nunca alí eu ousara entrar. Contaban del tantas feitorías arrepiantes que mesmo mirarlle á cara xa impoñía. A súa casa sempre estaba pechada pero aquela noite miña avoa puxou o poxigo, meteu a man para levanta-la tranca e entramos sen dicir nada. Había unha cama á caron do burro e as galiñas estaban apoleiradas no pesebre.O tolo non estaba. Ergueu miña avoa unha trapela debaixo do presebe e alí había mantas nas que nos envolvemos.

Pasei a noite escoitando o corazón da avoa. O meu enconicabasame un pouco máis cada vez que o burro espurraba. Antes de que o galo cantara xa entrara un trasluz pola gateira que tiñamos na parede. Por ela albiscamos os traxes verdes dos gardas. Subían e baixaban inquedos. Escoitabamos falar ós veciños.
-Isto vai rematar mal.- oínlle dicir a Rosendo do Cacarito.

Botamos dous días debaixo da manxadoira do burro e ó terceiro saímos. Cando chegamos á casa estaba todo revolto. Tamén nos enteiramos de que reveiraran a dos veciños. Miramos no cortello e só estaba o porco grande, deitado e roncando. E tiña a bacía chea a reverter! Toquei á caldeirada e estaba quente! Realmente hai cousas que moito dan que pensar.

Pasaban os días. Ninguén falaba da sorte do padriño nin do paradeiro do porquiño. Os gardas non voltaron á casa pero andaban cerca escorrentando os asubíos. A aldea andaba murcha, coa boca pechada, mirando de esguello non vaia a ser que detrás viñera o demo. As xentes ían para os trafegos e sempre levaban no peto unha codia, un carozo de mazá, catro grans de millo, pelas de pataca….Aquilo avinagraba os gardas, facialles ferve-lo sangue.
-Que levan no peto?
– Desperdicios, señor.
– Por que levan eses desperdicios?
-Porque nos tempos que corren non se pode tirar nada?
– Daban media volta os gardas, enfurecidos, convencidos de que na aldea había unha conxura veciñal
– Se non o queredes dicir polas boas xa o faredes polas malas!Eu decateime de que todos sabían algo e ninguén dicía palabra. Estas cousas moito dan que pensar!

Pasara unha semana. Estabamos a mondar na muruxa cando se achegou o tolo pola carrilleira. Sen deterse nin mirar para nós comezou a asubiar dun xeito que eu nunca oíra.
De súpeto, ergueuse miña avoa coa cara transfigurada por un sorriso que lle impedía falar.
-Imos, neno.! Imos neno! Déixao todo.
– Que pasou , avoa! Que che contou o tolo!
– Dixo que xa cantara o cuco!
-O cuco! Se non é primaveira!- pensei estranado mentres corría tras dela.
Hoxe sei que a primaveira non pasa pola porta de todos ó mesmo tempo. Ó chegarmos á casa atopámola porta do cortello aberta. Aloumiñando no lombo do porco da ceba estaba meu padriño.
-Xosé! Que che fixeron Xosé!- preguntaba ansiosa a avoa apalpándolle a cara. – Te-los ollos caídos e a cara branca coma unha saba!
-Como estás , padriño?
-Ben, ben. Estou ben, meu neno. Estou ben – repetía unha e outra vez saíndo comigo para fóra coa mirada posta na lonxanía. -Na vida , aínda que un estea ben amolado, sempre hai que dicir que vai ben; así os amigos alégranse e os inimigos fódense.

Púxose a camiñar paseniño. Subiu á ponte do cabozo para sentar na rateira. Sacou papel do librito maila petaca e con moito agarimo liou un pitillo que acendeu a golpe de chisqueiro. Logo aspirou e saboreu aquel anaco de tempo cos ollos cravados nos trobos das abellas de patas douradas que, no verán, saían lixeiras e voltaban cargadas. Alí pasou horas
asubiando baixiño.

Miña avoa, anasada nas escaleiras, rezaba polo baixo. Hoxe sei que ela entendía e presaxiaba o que un home é capaz de facer cando se envolve nun morno asubío.

Cando se ergueu o padriño pasou por onda nós e dixo:
– Mañá imos face-la matanza. Din a miña palabra.
-O filósofo non está, padriño.Non o atopamos por ningures.
-Xa aparecerá. Non anda lonxe – rematou.

Xa te decatarás que aquilo era unha chantaxe. Ata o vía eu que era un neno. Daquela no entendía e hoxe menos. Dáme carraxe. Matar o filósofo”! Matar ó poeta! Aquel ser inocente que entendía a alma da aldea de xeito distinto. Aquel que non fozaba na lama senón que lía nela e interpretaba a nosa historia tiña que ser sacrificado. O filósofo convertírase nun símbolo. Ninguén lle aplaudía pero era o heroe segredo admirado pola veciñanza. El fora capaz de descabalgar o Pedáneo coa súa presencia, algo que desexaban tódolos pobos darredor. Os rapaces de toda a redonda, incluso o de Labrada , contaban as aventuras do noso bacoriño. A dicir verdade, nós ameciamoslle un algo para que quedase máis rimbombante.

Pensei en dicirlle ó padriño que me contase onde o agochara para embarcalo rumbo ó estranxeiro e así libera-lo daquela inxusticia pero non o fixen porque sabía que me ía a espetar:
-A palabra dun home, se é home, nunca xamais se torce.
Aquela foi unha noite desas que non desexas ve-lo mencer, das que pensas que os galos son mudos, que o sol quedará para sempre deitado nas sabas da lúa. Pero bastan tres golpes na porta , tres puñaladas no peito para xearche a alma. Sen darche tempo a escorrenta-lo espreguizo, asómaste á fiestra e ves os coitelos largos á túa porta. Así foi como se presentou o matachín, o compadre que daquela chegaba para mata-la pita dos ovos de ouro. Traía cara aceirada, lume nos ollos e a boca pechada. Non deu nin os bos días. Non houbo almorzo como outras veces se facía entre contos e chanzas. Tamén veu o tolo cunhas cordas e unha machada. Ninguén falaba. No aire bulía unha anguria que ata a min me empachaba.

Entraron no cortello escuro. Alí resou a voz do padriño:
– Primeiro este – dixo.
Naquel intre notei que , dende fóra, alguén entreabría o poxigo. Observei e vin uns ollos, e outros, e outros… Non o podía crer! Alí estaban tódolos veciños.

O tolo saiu tensando na corda. O padriño recuaba anasado pingando uns grans de millo. Tras deles apareceu un fuciño… Entón, os de fóra, abriron de todo o poxigo, mais de seguido ceibaron un fondo respiro porque aquel non era o filósofo.
-Non se deixaría enganar polo millo!- afirmaban.

Non tardaron en abalanzarse os tres homes sobor daquel animal atado; tumbárono en riba do baño e alí entregou a vida sen un xemido. Eu recollía o sangue nunha tarteira .Estou por dicir que a botaba callada; iso mo pareceu a min. Sacáronlle as cordas, guindárono ó chan e cubrírono cunhas gabelas de palla.
O matarife saiu lava-lo coitelo ó rego. Escoitelle dicir:
-Non pasou nada.!

O tolo voltou a face-los nós corredíos sen moita gana. As súas mans xa tremeleaban. O padriño limpaba o sollado do baño cunha présa de palla. Voltou o compadre co coitelo de esganar. Os tres homes quedaron firmes, frente a frente, sen cruzar palabra.. Lían no alento e contaban o tempo.
-A que agardades! – dixo o padriño, rachando o silenzo.
-Non padriño, non o fagas !-supliquei de xeonllos agarrado ás súas zocas encanterladas.

Apareceu miña avoa e colleume entre os brazos para arredarme del. O Padriño chiscoume un ollo e aloumiñoume a testa. Logo dixo:
-Imos. Canto máis rápido mellor.

A xente achegouse de novo ó poxigo. Os tres homes voltaron a entrar no cortello escuro.
Voltou o silenzo.Eu tamén calei. De súpeto saíron os tres . Ficaron outro anaco pensando. O tolo entregoulle a corda ó padriño .
– Tome, fágao vostede.
O Padriño botoume unha ollada, logo mirou ós demais. Acariñou a corda , afroxou lentamente o nó e entrou asubiando morniño.
-Pechade a porta – dixo.

Naquel eterno minuto todos adiviñaron o que aquel home estaba a sufrir alí dentro naquela escuridade. Todos parecían observar a través da torcida do candil o moito que na vida levaba sufrido “O Chico” por non querer andar ó rego coma todos.

(O relato é orixinal de Paco Piñeiro, e compártese baixo a súa autorización, todos os dereitos do mesmo, son propiedade do autor.)

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015