A ESTATUA DE SANTA CATALINA DE MONDOÑEDO

O prelado mindoniense D. José María de Cos y Macho (1.886-1.890), axiña comprendeu que o edificio do Seminario Sta. Catalina se facía pequeno para o alto número de alumnos que asistían as súas clases e vivían alí internos. A ampliación que lle pareceu máis viable foi a de construír un segundo piso (D. Enrique Cal Pardo, Episcologio Mindoniense, páxina 990).

O prelado, celoso protector dos artistas do país, encomendou ao arquitecto provincial D. Nemesio Cobreros Cuevillas o proxecto das novas obras que se levarían a cabo no Seminario (2º piso) e a construcción dunha nova estatua da súa patroa Sta. Catalina, que había de coronar o corpo apilastrado e frontispicio da súa fachada.

IMG_1721
Foto cedida por Andrés García Doural

A estatua de Sta. Catalina, foi encomendada ao artista D. Ramón Martínez Insua, habilitado do clero mindoniense (abo paterno do noso veciño “Paco Fanego”). O modelo, pero en menor escala, nun comezo foi feito en barro e exposto no escaparate da farmacia do Sr. Ferreiro na rúa Progreso para “censura de los contertulios”.

Tratábase dunha obra de relativa importancia, non so para o autor, se non tamén para o propio pobo. Cando o Sr. Cobreros, inspeccionou as obras do Seminario, mostrouse compracido coa escultura do Sr. Martínez de Insua. O artista, acompañado dos seus operarios, traballou con intensidade.

Ramón, que xa había demostrado que manexaba con gran destreza a gubia ou o formón, tamén fixo arte das súas mañas co punteiro e o cincel. A nova estatua de Sta. Calatina, que coroa o edificio do Seminario mindoniense, é de granito, da mesma clase que o empregado no corpo apilastrado e que popularmente denominan de “Toxoso” (Abadín). A estatua ten tres varas de alto aproximadamente, ou o que é o mesmo sobre dous metros e medio (“El Eco de Galicia”, núm. 815, 22/01/1.889).

Como a maioría das cousas que se fan en Mondoñedo, tampouco faltaron detractores a obra de D. Ramón Martínez.

No ano 1.895, tamén baixo a dirección de D. Nemesio Cobreros foron colocados pararraios nas torres da catedral, Santuario dos Remedios, Hospital de S. Pablo e Seminario Conciliar.

Coa colaboración especial de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015