Entrevistamos a: Lucas Piñeiro Maseda

045248fSeguimos adiante coa nosa sección “Entrevistas”, e desta volta falamos con Lucas Piñeiro Maseda, mindoniense, de 29 anos, que recentemente ven de acadar a nota “Sobresaínte Cum Laude”, na súa tese doutoral; pero ademáis diso, Lucas conta no seu haber cunha enxeñería técnica en química industrial, licenciatura en química, máster en ciencia e tecnoloxía de coloides e interfases e doutorado en química física.

1ª _ Para obter semellante currículo é de supoñer un gran esforzo, Lucas ¿Qué o levou a escoller a ciencia para o seu aprendizaxe?

Eu creo que para calquera tarefa que teñamos como obxectivo na nosa vida necesitamos esforzo e constancia. A razón de elixir ciencia entre todas as ramas do coñecemento non creo que se centre nunha soa senón en un conxunto delas como son a formación que obtiven tanto no colexio Álvaro Cunqueiro ou o Instituto San Rosendo (e ós compañeiros de clase, qué bos momentos, qué boas lembranzas!), a miña forma de pensar que me axudou a entender máis facilmente as ciencias, e en xeral as gañas de saber o porqué das cousas. Aínda así con todo o dito anteriormente penso que escoller ciencia foi en parte fortuíto (non sei canto) xa que o que realmente, como acabo de indicar,  me interesa é o coñecemento independente do campo que se trate.

Como anécdota podo contar o porque das titulacións que quixen facer: matriculeime na enxeñaría en Lugo gracias a un profesor que veu dar unha charla de orientación ó instituto (despois de tantos anos non fun capaz de saber quen foi) que me deixou profundamente convencido que quería ir a Lugo a facer aquela titulación. Carreira que me trouxo moitas alegrías sobre todo persoais gracias ós moi bos compañeiros que tiven alí. A elección de química foi moi curiosa: na clase de francés pedíronos que dixeramos que profesión queríamos ser de maiores, e recordo que o primeiro que aparecía no libro que tiña aberto era químico e así o dixen. Dende aquela, e por motivos que descoñezo empecei a interesarme, a ler sobre química ata que puiden facela. Ata mesmo o doutorado ten unha razón: unha charla dun investigador de ordenadores cuánticos, non sei o porqué pero sei que dende ese momento a idea de facer unha tese volveuse máis clara.

2ª _ Este “Sobresaínte Cum Laude” é a máxima nota que se pode acadar, ¿Qué significa para vostede e o seu futuro profesional?

Está moi ben e estou moi contento de habela obtido pero creo que é unha nota para dicirche moi ben pero non te durmas, debes seguir pelexando para seguir adiante. E iso é o que quero seguir facendo. O futuro profesional como investigador non é moi sinxelo: o seguinte sería unha estancia postdoutoral no estranxeiro. Tendo en conta a situación actual en Europa, onde o financiamento para estancias fóra é moi complexo, tocará facer algún cambio de orientación. Seguirei aprendendo (idiomas, programación Python, Raspberry Pi,…) e mandando CVs a empresas para así poder atopar traballo. Despois de un tempo (sobre todo os últimos anos de tese) onde se traballou arreo nun mesmo tema, aproveitar ese ritmo de traballo para seguir con cousas novas.

3ª _ Mondoñedo é unha terra próspera en grandes ilustres, agora entre eles Lucas Piñeiro Maseda, con tan so 29 anos; ¿Qué significado ten para vostede ser mindoniense, e por méritos máis que sobrados, entrar a formar parte dos nomes propios da cidade?

Moitas gracias polas fermosas palabras que me dis. Tendo en conta a grande historia e presente de Mondoñedo, debo dicirche que non son ilustre. Mondoñedo conta con persoas de gran calado persoal e intelectual. Eu son un mindoniense que se foi a Lugo a estudiar química por vocación e agora volta para Mondoñedo con máis gañas se cabe de seguir traballando e esforzarse en todos os proxectos que viran de agora en diante. Mindoniense para min é todo: Nacín aquí, vivín aquí anos fantásticos con xente fantástica. Agora volvo para seguir desfrutando da nosa marabillosa cidade.

4ª _ Para o futuro cercano, ou non tanto, ¿Cales son os proxectos que ten en mente?

Como dixen na primeira pregunta, seguir facendo cousas e sobre todo aprendendo novas. Non quero deixar abandonada a ciencia, agora centrareime en atopar traballo e conxuntamente dedicar tempo a actividades que me gustan pero que debido ó alto requirimento de tempo que implicaba a tese, non puiden facer. E por suposto desfrutar de Mondoñedo.

Dende Cultura e Ocio, queremos dar as gracias a Lucas, pola súa deferencia cara este medio, por concedernos a entrevista, e pola súa disposición dende o primeiro minuto a mesma. Deste xeito, dámoslle a palabra para que feche a mesma.

Primeiro agradecer a Marcos pola súa entrevista. Mentres respondo a estas preguntas lémbrome das aventuras dos anos que compartimos aula. Grandes momentos para non esquecer.
Aproveito para dar as gracias a todos os meus compañeiros de clase durante todos os meus estudios. Gracias a todos (amigos e familia) pola vosa axuda e compresión nestes anos: por axudarme a saír dos malos días e aguantar a miña tontería nos días tontos que tiven uns poucos.
Bicos e Apertas para todos.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Álbume fotográfico: San Lucas 2.015

Un ano máis Cultura e Ocio, o voso blog, ofrécevos un resumo das Feiras e Festas das San Lucas de Mondoñedo, que neste 2.015 chegaron o seu 859 aniversario, camiño con paso firme e decidido das mil celebracións.

22247232116_bab749f5da_o
O cabalo, gran protagonista das San Lucas de Mondoñedo

Miles de persoas ateigaron a cidade sobre todo a fin da semana, sendo o día grande, San Lucas, domingo, Mondoñedo vivíu un cheo absoluto digno de recordar durante anos, e quedando a sensación de ser as mellores San Lucas da historia, por número de visitantes.

Unha celebración con eventos para todos, pero sen lugar a dúbidas centrada na figura do cabalo, que é o principal alicerce destas festas, e que cada ano gana máis protagonismo, como este ano se demostrou o 17, co paso das reses por unha praza da Catedral ateigada de persoas para ver un espectáculo único no mundo.

Na seguinte presentación podedes ver a nosa galería de imaxes, con máis de 100 dos distintos eventos que tiveron lugar nestas San Lucas 2.015, ou tamén directamente facendo click aquí.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

DCCCLIX San Lucas de Mondoñedo

Outubro, Mondoñedo, historia, festa, cabalos, xente… 

As palabras do subtítulo levan xa ligadas 859 anos, os mesmos que neste 2.015 cumpren as San Lucas de Mondoñedo, que chegan o almanaque un ano máis, para converter a cidade episcopal no epicentro da festa galega e de boa parte do Norte penínsular.

Serán os días 16, 17, 18, 19 e 20, sendo, como de costume, o día 18 propio de San Lucas, o día de máximo apoxeo e importancia desta festa que casa vez se achega máis a ser milenaria.

Como cada ano, Cultura e Ocio, ofrécevos os programas completos das festas, para que non vos perdades ningún dos actos que terán lugar, dende o pregón a cargo de D. Jenaro Castro Muíña o venres, ata a última das verbenas, o martes, coa gran “París de Noia” ao mando, pasando pola II Gala Musical “Voces da Paula”, o concerto de “Los Secretos” ou “Ses”, teatro, monólogos, concurso de cabalos a gran feira cabalar… Unhas festas para non perderse.

IMG_8385
Cartaz de Xeada, fai click para velo en grande
IMG_8386
Cartel San Lucas 2.015. Fai click para velo en grande
IMG_8387
Os cabalos, o gran atractivo das feiras. Fai click para velo en grande
IMG_2071
Díptico informativo, para non perderse detalle. Fai click para velo en grande
IMG_2072
Díptico informativo, para non perderse detalle. Fai click para velo en grande

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Álbume fotográfico: XXV Festa da Faba, Lourenzá

A XXV edición da Festa da Faba de Lourenzá chegou ao seu fin. Foron tres días de eventos que trouxeron ata Lourenzá a varios centos de visitantes.

Cultura e Ocio, ofrécevos un álbume, resumo, deste evento, que recolle un total de 41 imaxes, que van dende os fabeiros na praza, ata os postos do Mosteiro, os coches e motos clásicos, e outros imaxes destes días de festa.

Para poder velas so tedes que facer click na imaxe que vai a continuación destas liñas.


Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Verdades que ninguén cre. 7

As colaboracións son uns dos principais alicerces do éxito de Cultura e Ocio, e hoxe chega a septima entrega dunha delas, a sección do noso amigo Francisco Piñeiro, e os seus relatos Verdades que ninguén cre.

Preterida / Preferida

No verán do sesenta e cinco coñecín a un home que convivía con dúas
mulleres. Daquela érache ben espiñento o asunto. Á maioría dos veciños e forasteiros só lles preocupaba como farían para se deitar. A min iso non me quitaba o sono porque para tal traballo sempre sobraron mañas. No que si cavilaba eu era no ben que tecían a fermosa arte da convivencia diaria, a pesares de que as mulleres soportaban a despiadada presión social e o home levaba as chanzas e gabanzas pola súa afouteza e suposta virilidade. Niso , pouco ou nada cambiou o mundo.

O Mariano, que así se chamaba o cabaleiro , casara cunha delas ; logo, por mor das penurias económicas , emigrara a Suiza, de onde voltou con poucos cartos e con outra compañeira. Dou fe que os tres compartiron casa e mesa case trinta anos , ata que o home finou, non sen antes pregarlles que non lle mercasen flores pero que non esquecesen levarlle a diario o xornal “ El Progreso”.

Así o cumpriron , pero o luns da semana pasada as mulleres levaron unha sorpresa arrepiante.¡ O Mariano saíra da tumba! Andaba indignado, voceando por riba do seu panteón. Nunca un enfado tan grande lle viran en vida.
-¡Mariano ,botáronte do ceo!
-Non -repostou anoxado.  – Veño vos advertir dun perigo. Tende coidado. Disque bule por entre as personas unha epidemia de noxentos vermes da renartería que maltratan ás mulleres, esnaquízanas, quéimanas vivas,… ¡Témolo ceo abarrotado de coitadiñas! ¿Que tipo de animales serán os que poden cometer tales barbaridades?
– Pois son os homes.
– ¡Homes! Imposible – respostou Mariano. – ¿Ou entón eu que son?
– Ti eres un ser humano.

A muller de hoxendía cansou de apandar debaixo do taboleiro onde o home manexou ó seu antollo as pezas da familia e da historia; saiu voando coma pomba liberada para demostrar a súa capacidade de viaxar ó par do gabián. Todo iso non é soportable para quen aínda se chufa de ter un cerebro feudal con salvoconducto para exerce-lo seu dereito de pernada. Os maltratadores non son capaces de soporta-la pérdida da súa “posesión”, do seu xoguete de mazar, da súa coelliña de indias que, de cando en vez, sacaban da casa para pasearlle os collares.

– Pois o dialogar enriquece – reflexionaba Mariano. – Eu disfrutaba escoitando as vosas verbas en linguas distintas, percurando atopa-lo noso futuro entre as dificultades da vida. Non era doado, pero entendernos valeu a pena. Nós somos matrimonio de tres. Aínda que os papéis mintan. Casei cunha galega e con outra achegada, igual que Galiza, con dúas linguas maioritarias . De pouco serviu que o galego fose a lingua preterida ; resucita coma unha semente bendita nos beizos dos nenos porque é unha fala con sabor a caramelo. Tampouco serve impoñela pois prende por sentimento, non á forza. ¡Cantos houbo na terra que nunca galego falaron e agora viven del!

A muller, a fala, a relixión e a raza cómpre respectalas. De non seren preferidas ninguén pode troca-lo “f” polo “t” para seren preteridas, esquecidas, lapidadas, asoballadas ou maltratadas.

– ¡ E queda dito! – sentenciou Mariano – Voume ler “ El Progreso”. Por certo, seica xa se puxeron de acordo tódolos xornais de Galiza para publica-los diarios con metade das páxinas en cada lingua, ¿non si?
– Nós non oímos nada.
– Será que no ceo soñamos por adiantado.

(O relato é orixinal de Paco Piñeiro, e compártese baixo a súa autorización, todos os dereitos do mesmo, son propiedade do autor.)

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015