Mensaxe de Nadal 2.015

Chega o Nadal, o cuarto que este blog celebra con todos vos, o cuarto no que queremos convidar a unha firma invitada, darlle voz neste espazo, e que coas súas verbas vos de os mellores desexos para o ano que logo comeza.  No 2.012 foi Armando Requeixo, un ano despois no 2.013 Zalo, e no pasado 2.014 Fran Bouso

Neste 2.015 o turno é para outro mindoniense de Pro, Don Francisco Piñeiro, así pois, coas súas verbas vos deixamos: 

Cando Leiras Pulpeiro escribiu  “Quen mora acó na Mariña ten cara ó mundo as xanelas” talvez desexara ou talvez xa soubera que algún día Marcos Candia Cuba, nado na frondosa Tronceda de Mondoñedo, disporía abrir esta fiestra do seu blog cultural para que o resto do planeta soubera  desta mensaxe de Nadal. 

Mindonienses e mariñaos:

Estas datas do Nadal son, por tradición, escaparates da ilusión e da esperanza, carruseis de mariscos, estouridos de champán, o cal non impide  esquecernos dos que non levan á boca unha codia de pan por iso rematamos sempre o ano facendo reflexións.

Reflexionemos pois. Os anos non corren en balde, sempre pasan factura. Pouco a pouco a imos  pagando, mellorando as nosas vidas, se correximos  erros, en especial aqueles que nos impidan compaxinar o respecto e a responsablidade individual coa colectiva. Loubado sexa o erro se del imos aprender e nos sirve de exemplo.

Houbo un tempo no que se pretendeu derruba-la muralla de Lugo; non se levou a cabo por non atopar onde botar tanto rebo. Na actualidade ninguén discutiría que derrubar tan fermoso patrimonio da humanidade sería un sacrilexio monumental        mais permitídeme que vos diga que esta sociedade aínda permite cometer barbaridades  que nunca xamais deberían suceder, estou a  falar  de maltratar ou matar a unha muller. Vai sendo hora de que o home se autoconvenza de que o problema da convivencia coa muller non reside na escaseza de tela nin no que esta tapa ou esta ensina senón na escaseza de mente que algúns chaman decencia e da que moitos presumen sabendo que non se pode culpar ao viño nin a vide por dar fermosos racimos á beira do camiño  pero si a aqueles que rouban as uvas, as machacan, as destrozan e se emborrachan co seu viño. E se alguén non o quixo entender podo dicilo máis alto e claro: “A muller non é ningún bicho raro que se poda mercar ou vender” así que neste ano que vén  ninguén consinta que  unha soa muller se arrepinta de ter nacido como muller.

Despidamos o ano sen choros nin lamentos e recibamos ao vindeiro co firme convencemento de que valemos para convivir. Contrastemos a escada de valores personais coa dos valores comunitarios para redifinir modelos a seguir e restaura-la dignidade porque non todo vale. Cando a dignidade de cada ciudadano cotice en nómina, o traballador honrado ou o estudiante esforzado voltará a te-lo aprecio dos seus compañeiros; cada individuo, dentro do seu eido e das súas capacidades, percibirá honorarios e respecto conforme ó seu esforzo, profesionalidade e decoro socialmente demostrado. Agocharse na selva humana non é asociarse pois o ser humano non naceu para ser ovella.

Coa sinxela intencion de que  estas catro liñas sirvan de enceto  á reflexión personal que debe facer cadaquén  aquí volas deixo  desexándovos de corazón que no ano vindeiro todos consigamos regar a flor dos propios soños que desde O Reguengo  de Mondoñedo exportaremos por toda a Mariña e polo resto do mundo para facer deste planeta un fermoso  xardín colectivo, próspero e fecundo.

Francisco Piñeiro Glez. 22/12/2.015.

Dende esta casa so nos queda dar as grazas a Francisco Piñeiro, unha vez máis por colaborar coa mesma, de xeito desentiresado, e sempre dende o primeiro minuto. Felices festas a el tamén e toda a ventura para o 2.016 e sucesivos.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

One thought on “Mensaxe de Nadal 2.015”

Os comentarios están pechados.