Arquivo da categoría: Antonio Noriega Varela

“Caso Imprevisto” Versos de Noriega Varela

Indo prá rega,

no chibadoiro

topei con ela.

-¿Que fas –lle dixen-

aquí, Josefa?;

¿non te decatas

que é noite pecha?

-Ouh, meu filliño,

-repuxo a meiga-,

¡fúxame o demo

si quero festas!

-Pois ¿que che pasa?

-Doime a cabeza.

-¿Raio contigo!,

¿seique eres fera?

-Son ‘no me toques’.

-I eu… ‘retranqueiras’.

-Pois no me acabes

logo a pacencia;

¿quen te chamaba

pra esta merenda?

¡Sigue pra diante!

-Non vou de présa…

¿A que tiveches

algunha perda?

Dime, ¿que esculcas,

pomba sinxela?

-Es ben zunado,

¡caieume a alferga!

-¿Onde a traguías?

-Na faldriqueira.

-¿Si?, ora amosa.

-Ten as maus quedas,

¡ei, que demoño!

-Cala, Josefa…


Coa Colaboración de Pepe de Noriega

Marcos Candia © Cultura e Ocio 2.014

O tío carlista de Noriega Varela

Ao morrer no ano 1.833 o rei Fernando VII, o seu irmán D. Carlos María Isidro, non aceptou que lle sucederá no trono a súa filla Isabel. Para que esto non ocorrese foi preciso derogar a Lei Sálica de 1.713 que prohibía reinar as mulleres. D. Carlos é obrigado a exiliarse a Portugal. O país divídise en dúas fraccions: os que defenden a D. Carlos, chamados carlistas e os que defenden a Isabel, os denominados liberáis. Por este motivo houbo tres guerras; a primeira dende 1.833 a 1.840, a segunda dende 1.846 a 1.849 e a terceira entre os anos 1.872 e 1.876. Nos acontecementos desta terceira guerra carlista aparece D. David Cornejo Díaz, tío político do ilustre mestre e poeta D. Antonio Noriega Varela, nacido en Gallegos de Solmirón (Salamanca) o 4 de marzo de 1.836.

D. David Cornejo formou parte como voluntario no Rexemento Príncipe Nº 3 o 7 de novembro de 1.854, por un período de seis anos. Ascendeu a cabo 2º no nadal de 1.855, a cabo 1º no outono de 1.856, a sarxento 2º en agosto de 1.859 e a sarxento 1º no nadal dese mesmo ano.

Fixo a campaña militar nas terras africás. Co grao de sarxento 2º saíu coa súa unidade en dirección a Málaga, embarcou no porto de Alxeciras o 24 de novembro de 1.859, en dirección a Ceuta. Participou nas acción bélicas do 30 de novembro, 12, 17 e 22 de decembro, pero na deste último día foi ferido por disparo de arma de fogo na perna dereita, e en recompensa foi agraciado co ascenso a sarxento 1º, antes indicado.

No ano 1.860, D. David Cornejo cumpriu o seu compromiso co exercito e asinou outro por oito anos máis, que cumpriría en 1.868, pero ao ser considerado inútil para o servizo das armas, a consecuencia da ferida recibida en África, retírase a Mondoñedo no ano 1.862. Ao ser declarado inútil en Campaña, D. David percibía a estimable pensión de cen reais ao mes e por un Diploma de premio de Constancia, trintra reais máis.

No mes de abril do ano 1.870 incorporouse as filas carlistas, co emprego de tenente. Foi feito prisioneiro en 1.872 e en marzo do ano 1.873 foi embarcado desde o presidio de San Antón na Coruña, para Cuba. Regresou a España a finais do mesmo ano e continuou a campaña da terceira guerra carlista nas Vascongadas e Navarra, sendo ferido de novo en Montejurra e logrou alcanzar, por méritos de guerra, o emprego de tenente coronel.

Obrigado a emigrar a Francia o 28 de febreiro do ano 1.875, como outros moitos carlistas, presentouse a indulto e prestou xuramento de fidelidade a S.M. o Rey Alfonso XII no mes de setembro do mesmo ano ante o cónsul de España en Bayona. O 27 de febreiro do ano 1.876, por Gracia General, alcanza o emprego de coronel.

O 30 de agosto do ano 1.863 D. David casou na parroquia de Santiago de Mondoñedo con Dª Ramona Fernández Noriega Varela. Dª Ramona, era filla lexítima do 2º Comandante do Corpo de Estado Maior da Praza de Mondoñedo, D. Juan José Fernández Noriega, natural da vila de Ferrol, pero veciño de Mondoñedo e de Dª Antonio Varela de la Torre, natural de Mondoñedo.

Dª Ramona, polo feito de ser esposa do xefe da partida carlista mindoniense de 1.872, pese a alegar no seu momento ser filla dun comandante liberal, sonlle incautados os seus bens e é desterrada ao Reino de Portugal. D. David falece en Mondoñedo no ano 1.900, sendo oficial do Rexistro da Propiedade de Mondoñedo e anteriomente fora conserxe do Círculo de Recreo, do que tivo que dimitir por motivos políticos. Do seu matrimonio non quedou descendencia algunha.

Coa colaboración de Andrés García Doural

Marcos Candia 

Cultura e Ocio © 2.014

“Pouca Mamoria”. Versos de Noriega Varela

Cultura e Ocio, recolle un novo poema da obra “Montañesas”, do mindoniense Antonio Noriega Varela.

Desta volta o poema ten por título “Pouca Mamoria”, reproducímolo a continuación:

 Rosenda de Cadeivido

i a Carmiña da Sisalda

naceron aló entre os toxos

nun recuncho da montaña.

Cadran ben preto unha doutra

e tanto se queren ambas,

que hastra un xargón lles abonda

moitas noites de xeada.

Son brancas com´a folerpa,

seguidas com´a espadana,

coloradas com´a guinda,

meigas com´a lus da ialba.

Garnicelas dos fraguellos…

¡a bonitura non marra!;

pero, ¡ai!, canto herden as dúas

non val farrapo de gaita.

¡Sáltenlle os ollos!…: un martes,

que andaba un vello ás rapazas,

Carmen fixo de señora

i a Rosenda de criada.

Ó velo drento da chousa

foi Carmen poñerse maja,

i a doncella, da cociña,

para mentir, perguntara:

-¿E como ha de ser, Carmiña?

-Dirás berrando: “mi ama,

¿que camisa lle dispoño,

a de seda ou a de holanda?”.

Chamou o nubeiro á porta;

Rosenda correu a tranca,

e, porque entende das sedas

menos que de lamber papas,

veredes o que ela dixo,

berrando moito: “ai, mi ama,

¡e que camisa lle esculco,

a de estopa, ou a sin faldra?”.


Coa colaboración de “Pepe de Noriega”

©Marcos_Candia

Á montaña

Voltamos coa nosa sección adicada ao poeta mindoniense “Antonio Noriega Varela”.

Hoxe traemos un novo poema do seu traballo “Montañesas”, titulado “Á Montaña”.

Á Montaña 

Loas que che brindo son

os meus versos, irta serra,

porque adoro a tradición,

i en par do teu corazón

gárda-las da nosa terra.

Non me namora o mar fero,

que a moitos tanto lles gusta;

a ti, montaña, che eu quero,

e non morro, porque espero

gozar da túa paz augusta.

Teño de ollo hai moitos anos

vivir na máis brava cume

da Galicia, entre os peisanos,

que, sentados nos escanos,

invernan preto do lume.

Do que vai pra terra extraña

contan que aló ben se apaña;

pro polo millor tesouro

non troco as froliñas de ouro

con que te vistes, montaña.

 

Si no mundo hai bes seguros,

que se logran sin conxuros,

que non demandan traballos,

son os teus aires, tan puros,

i as sombras dos teus carballos.

¡Canto a miña alma se reve

na singular fermosura

dos encaixes con que a neve,

sin esquecer uz nin sebe,

amortaxarte precura!.

Cendales a nebra mesta,

de cando en veces, che presta

pra que te conserves briza,

i ó abandona-la túa cresta

nos toxos se esgarrapiza.

Ó enfundirse o sol detrás

das xigantes cabeceiras,

coido que a abrasarte vas,

ou que refrexando estás

laparadas das fogueiras.

Cando a sombra te asoballa,

ben, si a lúa te agasalla,

e mellor, si non recelas

que te prive a luz que espalla

dunha aureola de estrelas…

Lucindo xoias benditas

¡sempre, montaña, te vexa!:

te-los cruceiros prás citas,

prós devotos as ermitas,

prós mortos o adral da igrexa.

Nas túas covas –frecuentadas

polos espritos do mal-

hai diamantes ás presadas

reinas moras encantadas

e palacios de cristal.

Túa é Santa Compañía,

túa a Pantasma, que espía

as bouzas i esperta o medo,

pra que se recollan cedo

as nenas que van á fía.

Non é gallego quen te axe,

que, serra, che teña zoña,

xa que herdaches o lenguaxe

enxebre, o típico traxe,

i a gaita e maila zanfoña.

¡Concédame o ceio a min

que volva a donde subín

coa bota na moca ó lombo,

pra oir a bulla do bombo

i os queixumes do violín!.

Lembrando festas sonadas,

inda quizá bailarei,

¡ouh, montaña!, nas ruadas,

coas fillas das ben amadas

carpazonas, que roldei.


Coa colaboración de “Pepe de Noriega”

©Marcos_Candia

Prás canónigas

Recuperamos a nosa sección adicada a “Antonio Noriega Varela” e facémolo con un novo poema do autor mindoniense. Corresponde a súa colección “Montañesas” e titúlase: “Prás Canónigas”. O noso máis sincero agradecemento a “Pepe de Noriega” pola súa colaboración nesta sección do blog.

Montañesas, ¡boa sorte!;

eu adiós non volo digo,

que sempre fun voso amigo,

i heivos de olvidar coa morte.

Cando, aturulando forte,

chegástedes á ribeira,

pensei que estaba na feira

de Gontán, xunto daquelas

carpazonas coma estrelas,

que bailan a muiñeira.

..

Vades boas de troular:

inda ben non era día,

quen vos despide xa vía

brañegas cabo do mar.

¡Que pulos!, ¡que esbatuxar

na iauga!; cousiñas tolas,

roxas coma´as amapolas

dos vilariños da aldea,

brincábades pola area

i entre as escumas das olas.

..

Donde había colorados

refaixos, campaba o cego

de Espiñarcao, un brañego…

¡si os hai na Corda escolmados!;

as trazas dos nemorados

feitízanlle a ispiración;

de gracia viña ó Espigón

pra cantar; ¡mais eu choraba!,

que nas copras latexaba

da montaña o corazón.

..

As San Lucas me lembrou

aquel cantar!, ¡que tres días

con tres noites!, e ¡que crías

van feirar!… Xa pasou

a mocedá; mais quedou

fulgurante unha muxena

no borrallo; ¡a fonda pena

que sinto, lonxe da serra,

das feiras da miña terra,

da meiguice dunha nena.

..

Quedan, tamén, para inzar

pulgas ¡a vao! nas lareiras,

e fungando as manxupeiras

onde adoitades parar;

deixádeslles que rascar

así como lles fai falla,

e porque o mar xa vos ralla,

fartas de larpar sardiña,

ides prá vosa casiña

ver os medeiros de palla.

..

¡I as ovellas!, ¡i a frol

dos toxales!, ouro vello,

que ten nas fólla-lo sello

dos chuchos que lle dá o sol;

Virxen do Monte, ¡cun fol

ó lombo tamén me eu iba!;

mais, ¡que digo?; xa cautiva

teño a miña libertade,

marchade, nenas, marchade,

¡non volva o trasno pra riba!…

@Candia_Marcos