Arquivo da categoría: Armando Requeixo

Por un futuro para Mondoñedo

O 1 de maio, día do traballador, e coincidendo coa festa das Quendas en Mondoñedo, tivo lugar a lectura dun manifesto xunto cunha performance, en defensa do traballo na nosa comarca; unha comarca que parece esquecida polas administracións. A lectura do manifesto correu a cargo de Armando Requeixo. O acto estivo organizado pola plataforma “COMARCA DE MONDOÑEDO UNIDA”. Podes leer o texto íntegro nas seguintes liñas:

“Benqueridas e benqueridos conterráneos:

Comparezo ante vosoutros neste primeiro de maio, Día das Traballadoras e Traballadores, para dirixirvos unhas breves palabras atendendo o chamado do amigo Luís Fernández Ansedes nesta xornada organizada pola Plataforma Comarca de Mondoñedo Unida. Fágoo en calidade de mindoniense, mais tamén de comarcán ou bisbarrán, pois aínda que nacido a escasos cincuenta metros deste lugar no que estamos, polas miñas veas corre igualmente sangue brañego e moita xente querida por min é laurentina de seu, habita as landas e beiramares mariñás ou sabe das bravas lombas de Miranda.

Non veño aquí para significarme a prol de ningunha formación política concreta, pois todas elas caben, ao meu entender, nesta mensaxe, e a todas elas tendo a miña mao amiga para solicitar a súa comprensión e apoio para unha causa que considero xusta: a loita pola mellora das condiciós socioeconómicas de Mondoñedo e a súa bisbarra.

Insisto: tería contestado positivamente calquera petición que me tivese cursado calquera outro colectivo que tentase conseguir un fin semellante.

Quen vos fala, pois, é un mindoniense con conciencia. Un cidadán que ve como os tempos se tornan avoltos e a nosa cidade e a área que naturalmente a rodea vai, aos poucos, cedendo batallas que deben librarse na Administración, na Empresa e no Patrimonio.

Mais lonxe de min a intención de transmitirvos hoxe unha mensaxe apesarada ou tristurenta. Eu confío na miña veciñanza, sei que se unirá, máis aínda, para reclamar en irmandade o máis básico e de xustiza: que se nos deixe vivir, que se creen os posibles industriais, turísticos e infraestruturais para que todas e todos os que habitan a Mariña Central e Mondoñedo poidan seguir facéndoo en condiciós de dignidade e igualdade de oportunidades.

Non pido outra cousa que atención e sensatez. Que os nosos responsables públicos poñan boa vontade e intenten atender, con sinceridade e sensibilidade, aquelo que non debe desoírse: este val dos mil ríos non pode secar, a cunquiña deleitosa precisa reverdecer, que as nosas xentes se ergan coa ilusión de que o seu traballo os dignifique, que aquelo que foi a base da nosa existencia nesta terra na que moramos dende hai tantos séculos siga a ser fonte de esperanza e de vida para todas e para todos.

E para conseguir eso necesitamos que se nos apoie, que as nosas peticiós sexan oídas, que a Administración Pública ―dende a máis local ata a máis xeral― se implique con convicción na promoción e negociación dunha saída aos problemas que nos atafegan como comarcáns valecos, brañegos, mirandeses ou mariñaos.

Non pedimos tratos de favor. Non queremos tampouco esmolas. Solicitamos, si, que se habiliten os medios para facilitar a creación dun tecido empresarial, patrimonial e turístico que faga viable a vida nestes eidos. Non vivimos alleos ao noso tempo. Sabemos que a crise é fera e roe agonicamente. Mais existen modos de positivar os recursos, de priorizalos en direcciós humanizadoras, de crear sinerxías que non esquenzan que nestas paisaxes viven mulleres e homes e anciás e nenas e nenos aos que non se pode deixar esmorecer namentres se mira para outro lado.

Os mindonienses e os que os rodean non queremos ser un pobo resignado, unha colectividade derrotada que xa dá por asinada a súa acta de defunción. Nosoutros somos xente con bondadoso orgullo, xente que sabe e quere traballar, galegas e galegos aos que nunca nos asustaron os calos nas maos, a friaxe que xea as xuntas dos cadrís, nin a suor pingando a rego polo lombo. Somos duros, somos honorables, somos xente de ben e con palabra. Por eso sabemos que as nosas autoridades, de aquí ou de acolá, han responder ao noso clamor, estamos convencidos de que non nos virarán as costas, de que nesta hora decisiva saberán mediar no conflito e poñerán todo da súa parte para que por estas rúas e veigas, por estas touzas e soutos, por estas congostras e estradas siga circulando a vida, o herdo dos que antes de nosoutros, por centos de anos, levan rido, chorado, amado, perdido e soñado nestas terras que agora necesitan deses seus gobernantes e empresarios e xestores do Patrimonio.

Porque si se pode. Porque nosoutros podemos. Porque xuntos, podemos. E porque a morte moura non ha poder con nosoutros nin agora nin nunca, irmaos. Por iso sei que a partir de hoxe as cousas cambiarán, pois así ha de ser se queremos seguir sendo tribo.

Dixen”

©Marcos_Candia

Criticalia cumpre dous anos

O blog “Criticalia” é xa unha referencia das bitácoras galegas; editado por un mindoniense, Armando Requeixo, recibiu dende xaneiro de 2.011 máis de noventa mil visitantes.

“Criticalia” é sinónimo de estudo, lectura, información, paixón pola nosa lingua, e por suposto, críticas literarias.

Armando puxo na rede o 31 de xaneiro de 2.011, está interesante iniciativa, que ademáis, hoxe en día, está avalada por unha obra en papel co mesmo título (e da que xa falamos aquí), que saíu a luz o 17 de febreiro do pasado ano, case coincidindo co primeiro aniversario da súa “versión” web.

No blog podemos atopar recensións do máis variado da literatura galega, coas que aprender sobre os escritores de noso e tamén, como non, decidirnos por algún libro para cultivar o noso apetito cultural.

Ademais de todo isto, Armando tráenos tamén, outras seccións a súa bitácora, entre as que destacaremos dúas, o “Parlamento das Letras” e a “Tabela dos Libros”.

O parlamento é un lugar dentro do seu blog onde nos presenta escritores en lingua galega a traveso dunha interesante entrevista; pola súa parte a “Tabela dos Libros” (podedes ver a Tabela de xaneiro, na imaxe da dereita, facendo click nela abrirase en grande) comezou ala por outubro do pasado ano, Armando xunto con Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Montse Pena Presas, Héitor Mera Herbello e Francisco Martínez Bouzas, ofrécennos recomendacións mensuais sobre os libros que ao seu parecer son os máis estimados de entre as publicacións máis recentes na nosa lingua mai.

Dende logo “Criticalia” gañou a pulso o seu éxito e por ende o gran número de visitas que recibiu nestes dous anos de vida; dous anos aos que “Cultura e Ocio” se quere sumar, dándolle dende xa a en hora boa a Armando pola súa iniciativa e polo seu éxito.

©Marcos_Candia

Mensaxe de Nadal 2.012

2.012 está a piques de rematar. É o primeiro Nadal de “Cultura e Ocio” na rede, e con tal motivo, estreamos a “Mensaxe de Nadal”. Nesta entrada pretendemos dar palabra, neste blog, a unha firma convidada. Naide mellor para iniciar esta sección que o noso amigo, e moitas veces colaborador, Armando Requeixo, a par, por suposto, de gran mindoniense.

Sen máis velaquí o texto, que agarimosamente, Armando, adica a todos vos, os lectores deste blog:

Benquerid@s mindonienses e galeg@s de ben:

Este ano que vai deixándonos é xa un vello cangado que leva ao lombo gran e xoio a partes desiguais. Para os que sentimos nosos os reveses laborais dos valibrenses, o ancián marcha deixando espiñada a pel e son tan fondas as súas feridas que só a nosa incombustible esperanza e capacidade de superación ha servirnos de árnica posible.

Doutra parte, este ano foi tamén memorable porque, como pobo, soubemos lembrar como cumpría a un benamado devanceiro: don Manuel Leiras Pulpeiro, quen nos ensinou que a cunquiña deleitosa na que nos fatigamos e soñamos ben pode, con san orgullo, prezarse de ser e estar no mundo, como seguro que o seguirá sendo e estando na voz dos que, coma el, foron guieiros de bonhomía e luceiros da palabra.

Dende esta admirable casa de Cultura e Ocio á que o meu benquerido Marcos Candia Cuba me convida, non quero deixar pasar a ocasión de desexarvos a tod@s un vindeiro 2013 farto de bondades, un tempo que sexa quen de axotar os males pasados e traia da man loairas infindas que nos devolvan a ledicia e a ilusión.

Como non podia ser doutro xeito, facemos nosas as verbas de Armando e desexamosvos a todos unhas felices festas de Nadal así como un ventureiro ano 2.013. Saúdos e saúde amigos.

© Marcos Candia

A Frouseira

Pra meu amigo D. Xeneroso Díaz

Villar, d’Alaxe, entusiasta

d’a nosa terra.

O sonado monte d’a Frouseira atópase n-as parroquias de Santa Cilla d’o Valadouro e San Martiño de Mondañedo, concello de Foz; San Sebastián de Carballido, concello d’Alfoz d’o Castro d’Ouro, e Santo Estebo d’Oirán, concello de Mondañedo.

Comenza n-o Escaravelleiro, parroquia d’Oirán, e remata en Vilacizal, parroquia de Santa Cilla.

Tén de longo unha boa legoa e, tod’o redor, ô pé de catro.

Érguese o coto 482 metros sobor d’o nivel d’o mar e pertenece a Santa Cilla.

De Mondañedo tá desviado 18 kilómetros; de Foz, 11; de Ferreira d’o Valadouro, 9; de Viveiro, 27; de Ribadeo, 35, e de Lugo, 83.

Tén o coto unha vista goapa, d’as goapas si as hay.

Dende alí óllase tod’o meigo Valadouro –n-o medio d’o cal érguese, rexa e gallamarda, a torre d’o Castro d’Ouro, que foi cárcere e pazo d’a Mitra de Mondañedo–; San Martiño de Mondañedo, onde fundou esta Sede o Bispo Sabarico, de Dumio, preto de Braga, en Portugal, n-o sigro IX; a ermida d’o Bispo Santo, San Gonzalo, y-o alto d’Agrelo –dendes d’o cal, San Gonzalo, por medio d’oraciós, botou ô fondo d’o mar, ôs centos de navios de mouros ou de normandos que viñan roubar a terra–; o mar Cantábrico, a ría de Foz, a espalecida mariña de Ribadeo, a cidá de Mondañedo y-outros moitos sitios.

O coto é tan apicado pol-o lado d’o Valadouro, que n-hay quén poida aganchar por alí, e mesmo se lle barre a un a vista cando cata pr’a abaixo.

N-o cimbro hay paredes que teñen ainda algunha cal, e din que ahi tâba o alxibe d’o castelo; porqu’é cousa sabida que n-a Frouseira houbo unha fortaleza, n-a que se rebelou contra os Reises Católicos, n-os derradeiros anos d’o sigro XV, o Mariscal Pedro Pardo de Cela, quén alí loitóu moito tempo contr’as tropas reás, mandadas pol-o capitán francés Lois Mudarra, sendo feito prisioneiro, se non mente a Relazón da Carta xecutoria, n-a casa de Fousa Yañez do Castrodouro, o 10 de Nadal d’o ano 1483, e degolado en Mondañedo, o 17, pol-o delito cometido e por roubar, asoballar e matar a xente; pois Pedro Pardo non foi máis que un de tantos xurafaces señores feudás qu’entón campaban n-a Galicia excravizando a nosa terra, inda que digan outra cousa os noveleiros ou os bestas desconocedores ou falseadores d’a Hestoria.

De Pedro Pardo din en Santa Cilla, qu’era un home forte e valente e que tiña unha sortella co-a que botab’os barcos ô fondo d’o mar.

Din tamén que n-a Frouseira tiña sempre cincoenta homes e unha ballesta que guindab’as pedras lonxe.

E tamén din que tiña dous cabalos, n-os cales se puña en Mondañedo en media hora, e que metía ôs presos n-un pozo cadrado, moi fondo, d’o que inda hoxe se ollan as paredes.

Refiren, ademáis, que non podía ver casa ningunha branca; que si as mulleres levaban dengue ou y-outro paxel colorado, mandaba sacarllo, e que n-a Frouseira había moito ouro encantado, o cal algún día o descobrerían as cabras y-as ovellas.

Din tamén que se teñen atopado n-a Frouseira moitas bolas grandes de pedra e de ferro.

Manoel d’a Rega, de Carballido, dí que lle tén oído contar a seu pai que os donos d’a casa d’Allegue, n-o sopé d’a Frouseira, atoparan n-ésta, fai máis d’oitenta anos, unhos bolos d’ouro.

E un peisano d’Oirán contounos que Ánxel Canelo, de Santa Cilla, de 80 anos, sendo novo, atopóu n-a Frouseira n-unha pía que tâba tapada c-unha lousa, un candelero amarelo, o cal vendeuno ôn prateiro de Betanzos, que viñera ô Valadouro.

N-iste val dín que dende a Frouseira xogaban a barra c-os d’a fortaleza d’o Castro d’Ouro; que s’atopa desviada d’alí unha legoa.

E tamén dín, que cando o sol dá n-a chamada ventá d’a Frouseira, son-as 11, e cando dá máis arriba, as 12.

N-a Frouseira aniñan as broites, os corvos, os peneireiros, os mouchos, as coruxas y-os bruós.

Atópanse n-ela as penas Abelleira, d’o Mariscal, d’o Ramo, de Mochín, d’o Convento, d’as Broites, Anduriña, d’a Pacienta, d’o Lobo, d’o Neno, Penacagada, Penela, d’o Sombreiro, Penachá, Acaneirada, d’o Coto de Paraño, d’o Castelo, d’o Xunqueiro e de Martín Cru.

Y-hay n-a Frouseira as fontes Moura, d’as Cazoleiras, d’a Escoura, d’os Mariñaos e d’a Vella.

Este texto é orixinal do libro «Etnografía Mindoniense«, editado por Armando Requeixo. O texto transcríbese de xeito igual que foi recollido por Eduardo Lense Santar o 10 de xullo do ano 1.939.


Coa colaboración de Armando Requeixo

©Marcos Candia

Leiras Pulpeiro, 100 anos despois

Esta pasada fin de semana celebráronse en Mondoñedo as “Xornadas Arredor de Leiras Pulpeiro“, como conmemoración ao 100 aniversario do seu pasamento.

Foron moitos os persoeiros da vida cultural galega os que se deron cita para honrar a memoria do “Médico dos Pobres” (sobrenome co que era coñecido Leiras Pulpeiro) en Mondoñedo.

Dende “Cultura e Ocio” queremos facernos eco da excepcional crónica sobre as xornadas que nos achega Armando Requeixo no seu blog.

©Marcos Candia