Arquivo da categoría: Asoc. Cultural o Pasatempo

V Maratón de fútbol Sala “O Pasatempo”

Un ano máis a Asociación Cultural “O Pasatempo” organiza unha maratón de fútbol sala na cidade de Mondoñedo, que chega xa a V edición. Este ano será os días 6, 7 e 8 do vindeiro mes de xuño.

Dende a Asocación fannos chegar unha nota de prensa con toda a información deste evento:

V Marathon de fútbol sala O Pasatempo
Despois de catro anos organizando este torneo, a Asoc. Cultural O Pasatempo convoca unha nova edición para a primeira fin de semana do mes de xuño. Os días 7, 8 e 9 o pavillón de Mondoñedo acollerá de novo a equipos da comarca e outras provincias.
Nesta edición os premios serán os seguintes:
– 1º clasificado 1.500 € + trofeo
– 2º clasificado 600 € + trofeo
– 3º e 4º clasificado 200 € +trofeo
– Mellor equipo local 100 € +trofeo
Haberá ademais trofeos para o mellor xogador, o mellor porteiro e o máximo goleador. Tódolos trofeos son artesanais e orixinais, realizados por artesáns mindonienses e da comarca.
A data límite para inscribirse será o 5 de xuño, con un máximo de 24 equipos participantes. O sorteo de grupos e horarios realizarase esa mesma semana. O prezo de inscrición por equipo é de 100 €, a mesma contía que nos anos anteriores.
Tódolos partidos contarán con árbitros federados e para os equipos que o precisen haberá descontos no aloxamento durante a fin de semana. Tamén se habilitará unha zona de acampada para aqueles que o prefiran.
Para máis información e inscricións, os equipos interesados poden dirixirse ós seguintes números de teléfono: 630314749 – 651958770 (tamén por whatsapp).”

Asique xa sabedes, non existe escusa para non achegarvos e participar neste torneo que xa se consolida no calendario de maratóns de Galicia.

©Marcos_Candia

Festa da árbore

Este sábado, día 20, terá lugar en Mondoñedo unha nova edición da “Festa da Árbore” organizada pola Asoc. Cultural o Pasatempo e coa colaboración do Concello de Mondoñedo. A continuación reproduciomos a nota de prensa que nos fai chegar a asociación así como tres dos carteis participantes no “II Concurso de Debuxo da Árbore”.

Coma tódolos anos dende a Asociación Cultural O Pasatempo queremos celebrar a chegada da primavera con unha xornada de actividades para pequenos e maiores que terán lugar o vindeiro sábado día 20 de abril en Mondoñedo.

A partir das 11 da mañá na Alameda dos Remedios de Mondoñedo inicianse as actividades para nenos e nenas de tódalas idades con globoflexia e pintura facial. Dende as 11:30 comezarán a celebraranse as carreiras infantís coa colaboración do técnico de deportes do concello Raúl González-Redondo. Haberá varias tandas de participantes divididos por idades. Finalmente arredor das 13:00 plantarase a árbore na mesma Alameda acompañando o acto con música e un recital de poemas relacionados coa natureza que os propios rapaces lerán. Ademais, durante toda a mañá estarán expostos os debuxos participantes no II Concurso de Debuxo da Árbore.

Xa pola tarde seguirá a xornada con unha charla – coloquio sobre o consumo responsable, o comercio xusto e o cooperativismo. Será no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo a partir das 16:30 da tarde. Van intervir Xulio Rodríguez, membro de Labregos de Lugo – Mondoñedo; Ángel Fernández da Gandería Lina SC de Trabada; José López e Jorge Freire, membros de Cova da Terra – Lugo e Eva Roca, de Amodiño Tenda-bar de Ribadeo. Tódolos asistentes poderán realizar preguntas e participar se así o desexan, xa que o obxectivo desta actividade é coñecer a realidade arredor da agricultura e gandería na comarca e as novas tendencias do sector a través das experiencias dos poñentes e público.

(Podedes ver os carteis a tamaño completo facendo click en cada un deles)

©Marcos_Candia

Arts Ensemble, concerto en Mondoñedo

A “Asociación Cultural o Pasatempo” non descansa e propónnos unha actividade máis que interesante para o vindeiro sábado día 16 as 12:30 h no Auditorio Pascual Veiga; nada máis e nada menos que un concerto do quinteto “Arts Ensemble” formado por xoves músicos entre eles Marcos Cruz Pardeiro de Mondoñedo. Toda a info do evento na nota de prensa da asociación:

“A agrupación Arts Ensemble formouse en setembro de 2010 baixo a tutela do clarinetista Iván García. Está formado por estudantes da especialidade de vento madeira e trompa. A pesar da súa xuventude, teñen unha larga e gran traxectoria recorrida no ámbito musical. Todolos seus compoñentes teñen unha actividade regular xa seña con orquestras xoves, colaborando con orquestras profesionais, de forma solística, ou en agrupacións camerísticas. O seu repertorio abarca dende o Clasicismo ata o S. XXI.

Forman parte de orquestras xoves como a “Orquestra Xove de Galicia”, “Joven Orquesta de Castilla-La Mancha”, “Orquesta Joven de Extremadura”, “Joven Orquesta de la Comunidad de Madrid”, “Maribor International Orchestra”, “Orquesta Joven Iberoamericana JM”… E participan con orquestras profesionais como a “Orquesta Filarmónica de La Mancha”, “Orquesta Sinfónica de Castilla y León”, “Orquesta de Extremadura” e “Orchestra National France”.

Dende a súa formación, non pararon de traballar neste proxecto con ilusión e ganas, que a súa música non só quede restrinxida nas aulas, queréndoa compartir con todos vós. As súas propostas son innovadoras, creativas, orixinais co fin de chegar ó público dunha forma chamativa e directa, facendo que disfruten con eles da arte da música.

Integrantes:

– Víctor Blas Loarces Velasco (Villafranca de los Caballeros -Toledo-)

– Hae Won Oh (Seúl -Corea do Sur-)

– Javier Blanco González (Lalín -Pontevedra-)

– Mª Isabel Bermejo Chicano (Aldaia -Valencia-)

– Marcos Cruz Pardeiro (Mondoñedo -Lugo-)”

A entrada para o concerto terá un custo de 3,00 €

©Marcos_Candia

Mondoñedo remata o ano con cine e fotografía

Dende a Asociación Cultural o Pasatempo, fannos chegar unha nova nota de prensa, con novidades na exposición fotográfica sobre o fútbol en Mondoñedo e as últimas citas de curtas deste nadal. Reproducimos a continuación a nota íntegra:

A Asociación Cultural O Pasatempo de Mondoñedo prepara curtametraxes e fotografías para rematar o ano. Esta fin de semana, sábado e domingo haberá proxeccións na Casa da Cultura e o Auditorio Municipal e poderase visitar de novo a exposición sobre a historia do fútbol mindoniense en imaxes. 

Por unha banda, terá lugar a segunda sesión da “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” que se desenvolverá o domingo 30 de decembro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo a partir das 8 da tarde, con entrada de balde. Nesta xornada proxectaranse cinco curtametraxes de entre 5 e 20 minutos sobre diferentes temáticas, documentais e ficción: “Lugnasad. Unha noite máxica”, que fala da festa celta que cada ano se celebra en Bretoña (A Pastoriza); “Pantin Classic” mostra impresionantes imaxes dos surfeiros que cabalgan as olas da costa ferrolá; “Houston”, na que amizade, amor e  enfermidade, son os ingredientes necesarios da historia; “Sin Plomo”, fala de cinco personaxes que se ven envoltos nunha situación extrema tras o atraco a unha e finalmente “X nada”, o macabro xogo dun grupo de rapaces. 

Dentro desta “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” o sábado 29 de decembro producirase a gran estrea en Mondoñedo da curtametraxe “Mr Smith & Mrs Wesson”, dirixida por Alejandro Saavedra. A historia está protagonizada polos actores Octavi Pujades e Camila Bossa e conta ademais coa aparición doutras caras moi coñecidas do mundo audiovisual galego como Luis Iglesia ou María Mera. Acción e intriga garantizadas neste filme se poderá ver por primeira vez na comarca no Audiotorio de Mondoñedo ás 20:30, esta previsto que á estrea acuda algún dos actores. As entradas terán un prezo de 2 euros e poderán adquirirse ese mesmo día no auditorio ou anticipadamente nos bares ‘O Porriño’ e ‘O Rincón’ de Mondoñedo.

Por outra banda, O Pasatempo continúa botando a vista atrás no tempo para recoller a historia do fútbol en Mondoñedo a través de imaxes. A exposición “A Historia do Fútbol en Mondoñedo” poderase visitar na Casa da Cultura durante os días 29, 30 e 31 en horario de 11 a 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. Tamén se poderá visitar a vindeira fin de semana, 5 e 6 de xaneiro no mesmo horario. Como novidade, este domingo día 30 proxectarase ás 5 da tarde no mesmo local da exposición, na Casa da Cultura, un encontro celebrado no campo das Viñas da Veiga (Mondoñedo) o 1 de maio de 1991 que enfrontaba á Mindoniense co Xove-Lago. Tratábase da penúltima xornada de liga da Rexional Preferente e os dous equipos mariñanos xogábanse manter a posibilidade de ascenso á Terceira División. 

Ademais, na exposición hai quince novas fotografías que ó longo desta semana foron cedidas polos visitantes dos seus arquivos privados e que xa se engadiron á mostra polo que máis dun cento de imaxes retratan a paixón polo fútbol na cidade mindoniense, dende os anos vinte ata a actualidade. No primeiro momento recórdanse as formacións esporádicas dun equipo que participaba en festas e torneos e que chegou a converterse no clube de fútbol estable da actualidade, con categorías inferiores e participación na liga regular. Esta exposición pódese ver tamén de balde e permite facer un recorrido histórico por rostros coñecidos e recordos compartidos por todos, non só en Mondoñedo, senón no resto da Mariña. 

Convidámolos a todos a achegarse e compartir co Pasatempo as derradeiras actividades organizadas para despedir esta ano 2012.

Dende esta casa, “Cultura e Ocio”, queremos dar as grazas a Asociación Cultural o Pasatempo, por contar connosco para difundir todas e cada unha das súas actividades.

©Marcos Candia

As proxeccións de curtas, un éxito

A Asoc. Cultural O Pasatempo, remítenos unha nota de prensa e un par de fotos da I Xornada de Curtas que está a ter lugar neste Nadal. A continuación reproducimos a nota de prensa:

“O domingo celebrouse a primeira das sesións dentro da “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” con moita afluencia de público. Recordamos que o vindeiro domingo 30, ás 8 da tarde se celebrará a segunda xornada coa proxección de cinco novas curtas elaboradas por creadores galegos. O sábado 29, ás 20:30, no Auditorio Municipal de Mondoñedo producirase a estrea de “Mr Smith&Mrs Wesson”, dirixida por Alejandro Saavedra.

Asimesmo, durante esta fin de semana estivo aberta ó público a exposición “A historia do fútbol en Mondoñedo” que deixou encantados e cheos de recordos a todos os que por alí pasaron. A exposición poderase visitar de novo os días 29,30 e 31 en horario de 11 a 13 pola mañá e de 16 a 19 pola tarde, na Casa da Cultura de Mondoñedo.”

Podedes ver as fotos en grande se clicades sobre elas.

©Marcos Candia