Arquivo da categoría: Entrevistas

Entrevistamos a: Lucas Piñeiro Maseda

045248fSeguimos adiante coa nosa sección “Entrevistas”, e desta volta falamos con Lucas Piñeiro Maseda, mindoniense, de 29 anos, que recentemente ven de acadar a nota “Sobresaínte Cum Laude”, na súa tese doutoral; pero ademáis diso, Lucas conta no seu haber cunha enxeñería técnica en química industrial, licenciatura en química, máster en ciencia e tecnoloxía de coloides e interfases e doutorado en química física.

1ª _ Para obter semellante currículo é de supoñer un gran esforzo, Lucas ¿Qué o levou a escoller a ciencia para o seu aprendizaxe?

Eu creo que para calquera tarefa que teñamos como obxectivo na nosa vida necesitamos esforzo e constancia. A razón de elixir ciencia entre todas as ramas do coñecemento non creo que se centre nunha soa senón en un conxunto delas como son a formación que obtiven tanto no colexio Álvaro Cunqueiro ou o Instituto San Rosendo (e ós compañeiros de clase, qué bos momentos, qué boas lembranzas!), a miña forma de pensar que me axudou a entender máis facilmente as ciencias, e en xeral as gañas de saber o porqué das cousas. Aínda así con todo o dito anteriormente penso que escoller ciencia foi en parte fortuíto (non sei canto) xa que o que realmente, como acabo de indicar,  me interesa é o coñecemento independente do campo que se trate.

Como anécdota podo contar o porque das titulacións que quixen facer: matriculeime na enxeñaría en Lugo gracias a un profesor que veu dar unha charla de orientación ó instituto (despois de tantos anos non fun capaz de saber quen foi) que me deixou profundamente convencido que quería ir a Lugo a facer aquela titulación. Carreira que me trouxo moitas alegrías sobre todo persoais gracias ós moi bos compañeiros que tiven alí. A elección de química foi moi curiosa: na clase de francés pedíronos que dixeramos que profesión queríamos ser de maiores, e recordo que o primeiro que aparecía no libro que tiña aberto era químico e así o dixen. Dende aquela, e por motivos que descoñezo empecei a interesarme, a ler sobre química ata que puiden facela. Ata mesmo o doutorado ten unha razón: unha charla dun investigador de ordenadores cuánticos, non sei o porqué pero sei que dende ese momento a idea de facer unha tese volveuse máis clara.

2ª _ Este “Sobresaínte Cum Laude” é a máxima nota que se pode acadar, ¿Qué significa para vostede e o seu futuro profesional?

Está moi ben e estou moi contento de habela obtido pero creo que é unha nota para dicirche moi ben pero non te durmas, debes seguir pelexando para seguir adiante. E iso é o que quero seguir facendo. O futuro profesional como investigador non é moi sinxelo: o seguinte sería unha estancia postdoutoral no estranxeiro. Tendo en conta a situación actual en Europa, onde o financiamento para estancias fóra é moi complexo, tocará facer algún cambio de orientación. Seguirei aprendendo (idiomas, programación Python, Raspberry Pi,…) e mandando CVs a empresas para así poder atopar traballo. Despois de un tempo (sobre todo os últimos anos de tese) onde se traballou arreo nun mesmo tema, aproveitar ese ritmo de traballo para seguir con cousas novas.

3ª _ Mondoñedo é unha terra próspera en grandes ilustres, agora entre eles Lucas Piñeiro Maseda, con tan so 29 anos; ¿Qué significado ten para vostede ser mindoniense, e por méritos máis que sobrados, entrar a formar parte dos nomes propios da cidade?

Moitas gracias polas fermosas palabras que me dis. Tendo en conta a grande historia e presente de Mondoñedo, debo dicirche que non son ilustre. Mondoñedo conta con persoas de gran calado persoal e intelectual. Eu son un mindoniense que se foi a Lugo a estudiar química por vocación e agora volta para Mondoñedo con máis gañas se cabe de seguir traballando e esforzarse en todos os proxectos que viran de agora en diante. Mindoniense para min é todo: Nacín aquí, vivín aquí anos fantásticos con xente fantástica. Agora volvo para seguir desfrutando da nosa marabillosa cidade.

4ª _ Para o futuro cercano, ou non tanto, ¿Cales son os proxectos que ten en mente?

Como dixen na primeira pregunta, seguir facendo cousas e sobre todo aprendendo novas. Non quero deixar abandonada a ciencia, agora centrareime en atopar traballo e conxuntamente dedicar tempo a actividades que me gustan pero que debido ó alto requirimento de tempo que implicaba a tese, non puiden facer. E por suposto desfrutar de Mondoñedo.

Dende Cultura e Ocio, queremos dar as gracias a Lucas, pola súa deferencia cara este medio, por concedernos a entrevista, e pola súa disposición dende o primeiro minuto a mesma. Deste xeito, dámoslle a palabra para que feche a mesma.

Primeiro agradecer a Marcos pola súa entrevista. Mentres respondo a estas preguntas lémbrome das aventuras dos anos que compartimos aula. Grandes momentos para non esquecer.
Aproveito para dar as gracias a todos os meus compañeiros de clase durante todos os meus estudios. Gracias a todos (amigos e familia) pola vosa axuda e compresión nestes anos: por axudarme a saír dos malos días e aguantar a miña tontería nos días tontos que tiven uns poucos.
Bicos e Apertas para todos.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

ENTREVISTAMOS A: MODESTO DÍAZ GARCÍA

perfil ModestoModesto, (16 de xaneiro de 1.956), ven pode ser denominado un “mindoniense de pro”. Coñecido por dúas facetas ben diferentes da súa vida, por un lado, a de conserxe do IES San Rosendo, e por outro lado a súa faceta política, a cal puxo fin fai pouco máis de un ano, neste senso, Modesto liderou varias formacións do PSdeG-PSOE a alcaldía de Mondoñedo. Hoxe Cultura e Ocio quere achegarvos un pouco máis a este recoñecido veciño.

1ª_ Durante case 20 anos Modesto estivo ligado, como xa comentamos, de forma activa, dende o goberno ou a oposición, a política municipal, ¿Cómo valora este paso pola política da nosa Cidade?

Valoro de forma positiva este paso pola política, sobre todo o contacto directo cos veciñ@s.

2ª_ Trala súa valoración, e como suliñable deses anos, ¿Cal foi o aspecto máis negativo que tivo que vivir? ¿E o máis positivo?

Como parte negativa os feches das empresas mindoniense, e da laurentina Hermida que arrastrou tamén a moitos dos nosos veciños, e tamén o problema de Pausalido, onde tiven unha familia durante case un ano incomunicada, que eso foi o que acabou, case, coa miña carreira política. O máis positivo todo aquelo que puidemos conseguir para Mondoñedo, como a obra da Alcántara entre outras.

3ª_ ¿Qué lle pide Modesto, como principal eixo de traballo, ao actual Goberno de Mondoñedo?

Volcarse no turismo e na nosa hora, e que traiga algunha das empresas que prometeu cando formaba parte da oposición no goberno.

4ª_ Deixando xa a súa faceta  política, vamos agora ata o IES, Modesto viviu de cheo a chegada da ensinanza secundaria obrigatoria a Mondoñedo, e a inauguración do IES San Rosendo, ¿Qué significou isto para vostede?

Foi unha alegria conseguir que se aumentara o edificio do IES San Rosendo, donde despóis se levarian as cabo as clases da ESO, que incluso este, foi un motivo que levou a manifestacións. A chegada da ESO foi como unha volta o meu pasado, xa que con esa idade, ou menos, era cando nos iamos ao instituto.

5ª_ Co paso dos anos, segue vinculado a este centro de ensinanza, ¿Cal é o cambio máis importante que viviu o IES dende a súa creación?

Moitos, non sería capaz de numerar un so, pero para por un exemplo,  facer as clases mixtas, xa que na miña época rapaces e rapaces estaban en clases separadas; tamén o cambio de directiva, no ano 1.985 cando Mayan deixou de ser director tras 30 anos no cargo, que foi a persoa que me educou como alumno e conserxe; e por suposto a chegada da ESO ao centro entre outros.

6ª_ ¿Cree vostede que Mondoñedo, e o seu IES son un referente a nivel educativo?

Sí, é un referente a nivel educativo, porque del sairon rapaces e rapazas que destacaron en moitas profesións: médicos, escritos, etc.; últimamente tivemos a Patricia Martínez que gañou o premio de bachiller; temos rapaces e rapazas que conseguiron becas para facer 1ª de bachiller en Estados Unidos, en fin, sigo opinando que é unha referencia a nivel educativo.

7ª_ Para rematar coa entrevista, falemos agora do actual Mondoñedo, da Cidade e dos seus valores. Tras toda a una vida ligado de forma  activa a esta terra, ¿Cal cree Modesto que é o principal activo polo que debe loitar Mondoñedo, para recuperar o espazo perdido cos anos?

O turismo pero ben enfocado e que a xente de Mondoñedo se implique.

Damos agora a palabra a Modesto, para que sexa el quen feche a entrevista, pero non, sen antes darlle as gracias pola súa colaboración e tempo, adicados a respostar a este medio de comunicación.

Como cierre a esta entrevista, quero darche as gracias a tí, por lembrarte de min para este traballo que estas realizando e sigue traballando, que é importante atopar persoas coma tí.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Entrevistamos a: Antonio Reigosa

Nado no lugar de Zoñán, ala polo verán de 1.958, este mindoniense ven de ser nomeado Cronista Oficial da Cidade de Mondoñedo.

Antonio Reigosa
(Foto de Clara Reigosa Lombao)

Amplamente coñecido pola súa faceta como escritor e investigador da mitoloxía popular galega e da literatura de tradición oral, Antonio Reigosa, é agora tamén cronista da cidade que o viu nacer.

Dende este blog, queremos coñecer de primeira man as súas impresións para este novo cargo que se achega a súa vida.

*¿Que supón para vostede este nomeamento?

Son consciente de que é unha honra coa que me agasalla a actual corporación municipal e que supón ao tempo unha gran responsabilidade. Honra polo significado e peso acumulado ao longo da historia  de Mondoñedo e por tantos persoeiros excepcionais que van asociados  a este topónimo. E unha responsabilidade tamén enorme porque na relación dos anteriores cronistas mindonienses hai nomes de tanto respecto e admiración para min como Eduardo Lence-Santar, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome e Francisco Mayán.

*¿Como espera axudar a Mondoñedo, dende o seu novo posto?

Estou disposto a axudar no que se me pida e no que, modestamente, poida aportar con algunha idea de utilidade. A miña función vai ser, ten que ser á forza, de colaboración. E, sobre todo, sempre co obxectivo de levar o nome, a excelencia e a historia de Mondoñedo ata onde nos sexa posible pregoala.

*¿Ten pensado xa, cal será a súa primeira afronta como cronista?

Non; no me deu tempo. O que si podo dicir é que fun convidado polo concello a participar no acto homenaxe a Álvaro Cunqueiro que con motivo do aniversario do seu pasamento se vai facer a finais de febreiro, e alí estarei, pero descoñezo se vai haber ou non algún acto anterior a esa data.

*É ben sabido que Mondoñedo é berce de moitos, e moi importantes persoeiros da vida diaria galega, dende escritores, a debuxantes, mestres, médicos, estudosos… ¿Ten pensado Antonio algún tipo de nexo para eles?

A ligazón entre tanta intelixencia privilexiada é xustamente Mondoñedo. Temos a sorte de que sexan moitos os nacidos ou formados en Mondoñedo que levan cuñado no máis íntimo da súa memoria esta denominación de orixe. Temos que presumir desta singularidade, darlle visibilidade, amosarnos fachendosos desa regalía que se nos fai. Gozar desta fortuna merece un compromiso colectivo.

*Tamén institucións, organizacións e grupos literarios, son comúns na cidade de Cunqueiro, ¿Traballara con eles nesta nova andaina?

Mondoñedo, a pesar de todo, está vivo. Hai dinamismo social e preocupación por mellorar e revirar a situación. Hai colectivos que traballan sen desánimo por cambiar as cousas. Hai iniciativas  moi lúcidas ás que só lles falta algo de sorte. Eu sempre procurei estar alí onde me consideren útil, aínda que traballo no campo da cultura e por tanto supoño que será neste eido onde poderei ser máis aproveitable.

*Por último cedemos a palabra, a quen dende agora é a voz da nosa Cidade, para fechar así esta entrevista.

Só podo reiterar o meu agradecemento a esta corporación municipal por crer que podo ser de axuda para Mondoñedo e que no meu ánimo está facer o posible por corresponder a esa confianza. A verdade é que tiñan moito onde escoller, afortunadamente. Hai polo menos media ducia de homes e mulleres mindonienses, ou algún máis, que merecerían por moi diferentes razóns ocupar este lugar. Tocoume a min e síntome moi afortunado, así que só podo devolver ese agarimo con traballo e ilusión.  Mondoñedo merece  que nos esforcemos polo que leva contribuído ao esplendor da lingua e cultura deste país. A memoria de M. Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga ou Álvaro Cunqueiro, por citar só tres das estrelas do noso paraíso patrio, ben merecen un puñado de entusiasmo de todas e todos os mindonienses.

Dende esta casa, so nos queda darlle as grazas a Antonio Reigosa pola súa colaboración e desexarlle toda a sorte do mundo neste novo reto.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Entrevistamos a: Manuel Tapia

Voltamos coa nosa sección de entrevistas, e delta volta traemos a un mindoniense ben coñecido por todos nos. Presidente da ACIA local, hostaleiro e fundador e Presidente da “Peña Deportivista O Rincón de Mondoñedo”, falamos con Manuel Tapia.

  • A primeira e obrigada pregunta, versa sobre a ACIA de Mondoñedo. ¿Cómo ves, Manuel, a Asocación actualmente, o presente da mesma, a súa estructura, e os cambios nestes 25 anos de historia que está a piques de cumprir?

A ACIA mindoniense leva varios anos seguindo unha liña de traballo, dándolle continuidade e consolidando, distintos eventos que desenrola ao longo do ano. Contamos na actualidade con 72 socios; nos últimos anos estamos a rondar en torno a esa cifra, 70-80 socios, nos cales incluímos a hostalaría, comercio, industriais e autónomos. Tendo sempre as portas abertas a incorporación de novos membros. A piques de cumprir os 25 anos, o 24 de febreiro. Nos seus comezos, a principios dos 90, Mondoñedo contaba con moito comercio funcionando; hoxe en día atravesamos un baixón no que o comercio respecta, pero agardamos que o comercio local repunte coa creación de novas tendas e a aparición de novos emprendedores como a nosa Cidade merece. En esa década dos 90, a ACIA organizou varias “Feira Mostra”, coincidindo coas case milenarias feiras de San Lucas, que resultaron ser un éxito de organización e público; como presidente actual e en  nome de todolos socios, aproveito a ocasión para agradecer o traballo que o longo destes 25 anos realizaron presidentes e directivos das distintas épocas.

  • ¿Pódesnos falar dos proxectos da ACIA para o futuro máis próximo?

Para o actual ano, temos o aniversario da ACIA e conmemoraremos os 25 anos o día 24 de febreiro cun sorteo, coincidindo co número gañador do cupón da ONCE do día no que se foi dada de alta, oficialmente, a ACIA mindoniense fai 25 primaveiras, e premiaremos cun vale de 250 € os nosos clientes para gastar no comercio mindoniense asociado. Levaremos a cabo unha comida de celebración aberta a todos os que desexen asistir e cun desconto especial para os socios, falta por concretar a data da mesma. Tamén estamos a traballar nalgunha actividade enfocada o sector do comercio asociado. O longo do ano, colaboramos con outras asociacións con pequenos detalles, por exemplo, un deles como é, o Entroido mindoniense, aportando os premios infantís. Logo temos pequenas colaboracións coa Semana Santa, o Ralli de Clásicos, etc. Estaba a traballar tamén, no 4º encontro de Cantos de Taberna, e no 8º concurso de tapas Cidade de Mondoñedo. 

  • A ACIA da nosa cidade ven de mancomunarse con outras mariñás, ¿Cómo pode axudar isto ao pequeno comercio?

A unión do comercio mariñá, por fin, despóis de case tres anos de traballo, púxose a funcionar. A nosa pretensión é, que a Mariña se converta nun centro comercial de en torno a 1.000 negocios, de todo tipo; no cal temos a sorte de ser unha das zonas de España con máis atractivos, moitos dos cales están sen promocionar. Por exemplo, en distancias moi curtas, temos unha praia, ou unha ruta de sendeirismo, nunha Cidade Histórica e Monumental como é Mondoñedo. A nosa labor principal é transmitirlle o resto do mundo todo o encanto que ten a Mariña. Se ese se logra, todos gañaremos, e o pequeno comercio mariña será o primeiro beneficiado. 

  • Falamos agora da Autovía A-8, ¿Qué opinión lle merece a Asocación esta nova vía, xa rematada, no que afecta a Mondoñedo? ¿Cales son as súas reivindicacións en caso de existir?

O funcionamento tal da A-8 e vital para toda Galicia, e todo o norte peninsular. No que respecta a Mondoñedo, xa levamos case un ano desfrutando do seu servizo. O que sí pediría, é unha boa sinalización de Mondoñedo e da Mariña, na máis nos adentremos na provincia de Lugo. E logo, antes dos accesos a Mondoñedo, por exemplo en Lourenzá e Barreiros, sinais que indiquen a Cidade Histórica e Monumental de Mondoñedo, e o pasar Vilalba (creo que xa existe) debería haber outro sinal das mesmas características, pedindo o mesmo na zona de Baamonde ou Rábade. Ademáis que o firme da N-634, sexa coidado ao máximo, polo organismo competente, porque ese vai ser o noso acceso, tanto ao Norte como ao Sur, e seguirá sendo nexo de unión de Mondoñedo coa súa entorna. E por suposto, fora da autovía, que a LU-124, se arranxe en condicións para ter unha boa comunicación das parroquias mindonienses polas que pasa, e por suposto cos concellos de Riotorto, Pastoriza, A Pontenova e Meira. 

  • Manuel aparte de presidir a ACIA, rexenta un dos locais máis coñecidos de Mondoñedo como é O Rincón. ¿Qué nos podes contar das actividades previstas a curto prazo no mesmo?

Dende o Rincón de Mondoñedo estamos a traballar coa programación do remata do inverno e arranque da primaveira. O venres 14 celebraremos o San Valentín, premiando as 10 primeiras parellas que reserven mesa para cear no Rincón, cunha entrada, por parexa, de agasallo para un SPA. O venres 7 de marzo, recuperando algunha das festas rinconeras da primeira década do 2.000, levaremos a cabo a festa do pixama, con diferentes premios. Continuaremos co Entroido, o sábado de piñata (8 de marzo), día do desfile na nosa Cidade, contaremos coa actuación de Tania e o seu acordeón, dende a 1 da maña, despois de celebrar, dende as 23 h, unha cea con chupito e primeira copa por 15 €; logo, na seguinte fin de semán, con motivo da 25 concentración de motos, o sábado 15 de marzo, dende a 1 da maña, gran actuación de La Dulce María. Xa traballamos tamén, cara a Semana Santa, Concentración de Autocaravanas, As Quendas e o XIII Campeonato de Tute do Rincón. 

  • Outra das facetas de Manuel, e a presidencia da Peña Deportivista o Rincón de Mondoñedo. ¿Con cantos membros conta na actualidade? ¿Qué proxectos ten para o futuro da mesma?

A peña deportivista conta con 35 socios e un socio de honra, Fernando Vázquez. A cuota anual é de 20 € por socio, o cal nos permite, dispoñer de 2 carnet´s a disposición dos peñistas, que no caso de varias peticións, lévanse a sorteo, e que tamén nos permiten abaratar o custo na compra de entradas. O longo da tempada, socios da peña, soen estar presentes nos distintos campos de España, animando ao Dépor. Levamos 14 anos federados como peña do Real Clube Deportivo da Coruña, e somos membros da Federación de Peñas. O longo dos anos, pasaron pola nosa sede os adestradores máis importantes dos últimos anos do noso equipo, Arsenio, Jabo e o actual técnico Fernando Vázquez, e outros membros do equipo como Franganillo ou o noso utilleiro Suso, e tamén o ex xogador e adestrador Carlos Ballesta. 

Logo da entrevista Manuel adicou unhas verbas a esta casa:

Respecto ao blog, dende as entidades coas que colaboro, tanto a ACIA, a Peña Deportivista, a Asoc. As San Lucas, e como hostaleiro da nosa cidade, quero aproveitar a oportunidade que me brinda este blog, e agradecer a labor desinteresada e mirando pola nosa cidade, facéndolle chegar información de eventos e suxerencias e necesidades dos nosos veciños, dos nosos eventos a toda a xente, principalmente de Mondoñedo que reside lonxe de nos, e forasteiros que nos visitan ao longo do ano, facilitándolle co seu traballo, información sobre o noso querido Mondoñedo. Polo que a min respecta, mil gracias, como Cunqueiro e as súas mil primaveiras desexadas para Mondoñedo. 

Dende Cultura e Ocio, queremos dar as gracias a Manuel pola súa atención e xentileza, a hora de responder a nosa chamada e concedernos esta entrevista.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014

Entrevistamos a Hermelino, técnico do Mondoñedo FC

O Mondoñedo FC está en período vacacional, pero dende Cultura e Ocio, temos a honra de poder ofrecervos unha entrevista con Hermelino; míster do Mondoñedo a pasada campaña, un dos artífices do ascenso, e xa confirmado, técnico do próximo curso na 2ª rexional.

Temos con nos a Hermelino. Adestrador do Mondoñedo FC nesta importante tempada que marcou o ascenso do clube a 2ª rexional. Hermelino, ¿Cal cree que foi o factor máis importante para conquerir este ascenso?

Para min houbo dous factores importantes: por un lado a gran plantilla que xuntamos e por outro a gran competitividade dos xogadores á que os levaron as ansias de ascender

Durante a pasada Liga o Mondoñedo conseguiu un grandes rexistros, partidos invictos de forma continuada, máximo goleador da categoría, dos menos goleados, pero ao final, despois de toda unha Liga, a primeira praza perdeuse, ¿Cree que o equipo se relaxou no último tramo, viu perigar o ascenso direto?

A tensión acumulada durante tantas xornadas como líderes fixo que no momento en que o equipo tiña conquerido o ascenso se relaxara, xa non existia esa competitividade da que falabamos antes. Quería rematar primeiro pero sin realizar un gran esforzo final. O oxectivo marcado estaba cumprido

O Mondoñedo fixo grandes partidos, e outros non tan bos, se tivera que quedarse cun de cada, ¿Cal sería para vostede o mellor partido, e o peor?

A verdade é que fixemos bastantes partidos bos ao longo da tempada. En Abadin, contra o S.Román, Celta Barreiros na casa, Codesido, e como malos sigo quedándome cos de Pol e Barreiros fora, máis que nada porque non competimos. Sin embargo o que máis me disgustou foi o de Roupar

Para rematar coa pasada campaña, cal sería, según Hermelino, ¿o momento máis destacado da mesma?

Non cabe dúbida que o partido contra o S. Roman en Rua. Partido moi difícil polo que nos xogabamos os dous e que sacamos adiante con personalidade e sabendo sempre o que queriamos

Para este novo curso, o Mondoñedo militará na 2ª rexional, e dende a web amiga Futbol_Lucense, anuncian que Hermelino seguirá a fronte da parte técnica do clube. ¿Foi fácil tomar esta decisión? ¿Qué factores influiron para elo?

Bueno eu xa adiantara que non me importaría seguir no equipo, non so dirixindoo, senón continuando a labor que empezamos (co meu gran colaborador Diego Carro) coas categorías inferiores: prebenxamins, benxamíns e alevins, porque é un traballo moi gratificante e penso que a tempada foi moi boa e recompensounos o esforzo

De cara a este novo curso, ¿Temos algunha novidade xa no plantel, altas ou baixas?

De cara a vindeira tempada temos duas baixas coas que non contaba e si, posiblemente teremos outras tres mais que si xa estaban decididas prácticamente. No capitulo de incorporacións de momento non hai nada seguro. Estamos tratando a incorporación dun porteiro, un defensa, un/dous centrocampistas, pero de momento non están confirmadas

O clube atópase agora mesmo en etapa vacacional, ¿Cando preven comezar coa preparación da nova tempada? ¿Fecharon algún amigable?

A tempada comenzarémola, en principio, o 29 de xullo e no tocante a partidos amigables gustariame facer 5 ou 6, ainda que de momento so temos confirmado un co Muimenta o 3 de agosto, pero vamos, os equipos están de vacacións e faise difícil contactar con eles

Será unha Segunda Rexional con moitos equipos fortes e importantes, entre eles, por suposto o Mondoñedo, pero tamén Valadouro ou Foz. ¿Como ve Hermelino este reto da 2ª rexional, rivais, campos? ¿Cal é o obxetivo do clube?

A priori a competición preséntase apaixoante. O nivel é dunha 1ª rexional de fai algúns anos. Prácticamente teremos moitos derbis, S.Ciprian, S.Román, Cervo (se non se salva) Foz, Valadouro, Riotorto, en fin, unha dura e bonita competición. Nesta nova andaina pola Segunda o obxectivo do equipo vai ser o mismo que o das tempadas anteriores: Disfrutar xogando (e traballando forte, por suposto) pasalo o mellor posible e tentando consolidarnos na división, ainda que non deixamos de recoñecer que o noso potencial económico é moi, moi inferior ao doutros equipos, xa que nos non temos axuda de ningunha institución ou a que temos e insignificante

Voltamos por un intre a finiquitada campaña, a Copa Diputación e a fase de ascenso a 2ª rexional. En canto a Copa, o Mondoñedo caeu na 1ª ronda fronte ao Iberia, nunha eliminatoria que se foi en 45 minutos. ¿Que lle ocorreu ao Mondoñedo no segundo tempo do partido de volta? E da fase de ascenso a 2ª, o partido final, San Román – Abadín, e sabedores de que Hermelino foi míster dos últimos, ¿Como viviu esta eliminatoria? ¿Esperaba outro resultado?

No que respecta á eliminatoria da Copa co Iberia, pecamos un pouco de “pardillos”. No primeiro partido en Mondoñedo gañamos por un a cero, pero tivemos ocasións para levar un millor resultado e ao final tamen poideron empatar na única ocasión que tivo o Iberia. No partido de volta, no Pepe Barrera, tivemos dúas ocasións e marcamos poñéndonos por diante 2-0 aos 25´. Antes do descanso nunha xogada por banda aparentemente sen perigro cometimos un penalti que xupouxo o 2-1 e deulle vida ao Iberia. No descanso a eliminatoria estaba 3-1 a noso favor e con dous goles marcados en campo rival. Pese as advertencias feitas aos xogadores no vestiario fixeron un repliegue intensivo que o unico que provocou foi que xogaramos case todo o partido no noso campo e iso tendo en conta a experiencia do rival era mortal de necesidade como ao final nos pasou. Ao peor, eu persoalmente, non estivera tampouco moi lúcido cometendo algúns erros na alineación. De todolos xeitos estou orgulloso dos meus xogadores porque xogaron dous grandes partidos contra un grandisimo e experimentado rival. No que se refiere á eliminatoria polo ascenso entre o Abadin e S.Román, sempre pensei que as forzas estaban moi igualadas ou lixeiramente favorables ao S.Roman ao ter o partido de volta en Rua. E asi foi. Ao meu entender o Abadin no primeiro partido estivo bastante temeroso, sen arriscar, deixando xogar moi cómodo atrás ao S.Román, e asi en dous erros defensivos marcaron dous goles e ainda que o Abadin marcou un para darlle vida a eliminatoria era un mal resultado para o partido de volta, pero calqueira dos dous equipos penso que fixo méritos suficientes para ascender.

Queremos fechar esta entrevista, dándolle a palabra a Hermelino, asique, seu é este espazo para comentarnos o que queira

Bueno ainque da xa falta menos para que empece a nova tempada do tempo que pasou do remate da anterior, gustariame agradecerlle á afección de Mondoñedo o comportamente que tivo para co equipo ao longo da tempada, directivos e xogadores o traballo desinteresado, sacrificado e abnegado de todos eles co que contribuiron a consecución das metas propostas ao principio da tempada. Gracias tamén a Andres Garcia Doural e a Marcos Candia, que durante toda a tempada seguiron o equipo informando semanalmente do traballo feito e resultado dos partidos facendo moito máis amena a tempada tanto para os afeccionados como para os propios xogadores que se vian reflejados nos seus blogs e seguidos por moitos blogueros.

Grazas e unha forte aperta.

Dende esta casa “Cultura e Ocio”, queremos agradecer a colaboración prestada por Hermelino durante toda a campaña, non so nesta entrevista, se non tamén en todas e cada unha das previas, e nos partidos, facilitando ao máximo o traballo do blogue para a confección das crónicas.

Emprazamos xa a todos os nosos lectores, a esta apaixoante tempada na 2ª rexional, na que como vedes, dende o Mondoñedo FC xa se comezou a traballar.

©Marcos_Candia