Arquivo da categoría: Imaxes cedidas

Imaxes cedidas: Mondoñedo FC

Voltamos coa sección “Imaxes Cedidas”, onde unha vez máis, Andrés García Doural, nos agasalla coas súas instantáneas. Desta volta as fotos, corresponden aos partidos de fútbol que o Mondoñedo xogou fronte ao Foz, no Martínez Otero e fronte ao Riotorto no Viñas da Veiga. (Podedes ver as imaxes a maior tamaño clicando enriba delas).

Imaxes de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014

Imaxes cedidas: “Os Pacheco”

No ano 1.907, na nosa cidade, formáronse dous excelentes cuartetos típicos do país, “Os Veiga” e “Os Pacheco”. A imaxen do cuarteto “Os Pacheco” de Mondoñedo, que acompaña estas liñas, na súa segunda etapa, foi captada polo fotógrafo mindoniense D. Rodolfo Gacio. (Podes ver a imaxe a maior tamaña facendo click enriba dela).

Na imaxe podemos recoñecer a: D. José Castañeda Jurado, director (1), a D. Baldomero García Río, clarinete (2), a D. Enrique Iglesias Díaz “das Danielas”, gaita (3), a D. Elias Alfredo Romero Rivas, Caixa (4), e a D. Ricardo Veiga González, bombo (5).

(1). D. José Castañeda Jurado, naceu en Mahón (Menorca). Fillo dun oficial de carabineiros, natural de Cartaxena. A idade de catro anos, a súa familia fixo a súa residencia en Mondoñedo. Con 17 anos de idade, dirixe unha banda de música en Ferreira do Valadouro. Foi o fundador do Orfeón Veiga. Dirixe varias comparsas e rondallas. Chegou a traballar na imprenta Mancebo e máis tarde na de Acción Social. Sorpréndeo a norte con 43 anos de idade no seu domicilio da rúa Rigueira de Mondoñedo.

(2). D. Baldomero García Río, naceu o 15 de decembro de 1.886. Era fillo de José García Maseda, natural de Pausalido e de Antonio Río Amezega, natural do Coto de Otero. Tocou a trompa na capela de música da Catedral de Mondoñedo, entre os anos 1.904 e 1.913. Casou o 1 de abril de 1.911, con Ramona Losada Fernández.

(3). D. Enrique Iglesias Díaz, foi neno de coro da Catedral de Mondoñedo entre os anos 1.900 e 1.908; tocou na capela de música da catedral o violín, entre 1.900 e 1.920; ocupou o posto de contraalto, entre 1.911 e 1.929, e o de tenor en 1.920. Tocou durante moitos anos o clarinete na Banda Municipal de música. No ano 1.934, xunto con “O Gaspar” fundou a rondalla “Os Veiga”. Falece en Mondoñedo o 30 de maio de 1.941, aos 52 anos de idade.

(4). D. Elías Alfredo Romero Rivas, naceu o 26 de novembro de 1.892. Era fillo de D. Camilo Romero Domínguez, tenente retirado, natura de Rivas de Louro (Pontevedra) e de Dna. Josefa Rivas García, natural do barrio dos Muiños de Arriba. Casou no Santuario dos Remedios o 3 de xullo de 1.920 con Asunción Polo Basanta.

(5). D. Ricardo Veiga González, tamén coñecido polo álcume de “O Bodego”, naceu o 15 de setembro de 1.893. Era fillo de José Antonio Veiga, caixista e encargado da imprenta Candia da rúa Febrero de Mondoñedo e de Severina González Bolaño, vecinos do Barrio das Casas Novas. Casou o 10 de novembro de 1.917 con María Paz Otero.

 Na primeira etapa, deste famoso cuarteto mindoniense, tamén formou parte dunha forma moi destacada D. Augusto Insua Amieiro, coa súa preciosa gaita de prata.

Coa colaboración especial de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014

Imaxes cedidas: A Fonte de San Xoan nos anos 50

A imaxe corresponde a segunda edificación da Fonte de San Xoan  de Mondoñedo, construída durante a Presidencia da alcaldía por parte do abogado D. Alejo Barja Prieto.

Na parte frontal, posan para o fotógrafo, tres mestres da escola da Alcántara, de esquerda a dereita, D. Mauricio Lado de Pomiano, D. Ricardo Bouso e D. Pedro Carreiras.

Ao fondo, obsérvase tamén, a antiga escalinata, construída con grandes e grosas lastras e cos seus descansos, para ascender ata as dependencias do antigo convento da Alcántara, a igrexa da V.O.T. e a Residencia dos Pais Pasionistas.

A dereita da imaxen, obsérvase unha parte dos altos e grosos árbores que poblablan o Campo da Alcántara.

Imaxe cedida por Andrés García Doural

Marcos Candia

Cultura e Ocio © 2.013

Imaxes Cedidas: Merendeiro do Canal

A sección “Imaxes Cedidas” desta casa, non deixa de medrar. De novo o noso amigo e colaborador, Andrés García Doural, achéganos unha imaxe, histórica, de Mondoñedo. Data do ano 1.911, e nela podemos observar o merendeiro do Canal de Tronceda, coa súa mesa e sillas, sillas que a día de hoxe xa desapareceron, víctimas das inclemencias metereolóxicas e os actos vandálicos. No lugar, queda a mesa e uns restos de cemento. Neste punto, anos atrás, as xentes da nosa cidade desfrutaban de merendas e baños na poza cercana a estas rochas, onde comeza a espectacular caída de auga do Canal de Tronceda. Podedes ver a imaxe a maior tamaño facendo click enriba dela.

Marcos_Candia

Cultura e Ocio © 2.013