Arquivo da categoría: Reportaxes

A ESTATUA DE SANTA CATALINA DE MONDOÑEDO

O prelado mindoniense D. José María de Cos y Macho (1.886-1.890), axiña comprendeu que o edificio do Seminario Sta. Catalina se facía pequeno para o alto número de alumnos que asistían as súas clases e vivían alí internos. A ampliación que lle pareceu máis viable foi a de construír un segundo piso (D. Enrique Cal Pardo, Episcologio Mindoniense, páxina 990).

O prelado, celoso protector dos artistas do país, encomendou ao arquitecto provincial D. Nemesio Cobreros Cuevillas o proxecto das novas obras que se levarían a cabo no Seminario (2º piso) e a construcción dunha nova estatua da súa patroa Sta. Catalina, que había de coronar o corpo apilastrado e frontispicio da súa fachada.

IMG_1721
Foto cedida por Andrés García Doural

A estatua de Sta. Catalina, foi encomendada ao artista D. Ramón Martínez Insua, habilitado do clero mindoniense (abo paterno do noso veciño “Paco Fanego”). O modelo, pero en menor escala, nun comezo foi feito en barro e exposto no escaparate da farmacia do Sr. Ferreiro na rúa Progreso para “censura de los contertulios”.

Tratábase dunha obra de relativa importancia, non so para o autor, se non tamén para o propio pobo. Cando o Sr. Cobreros, inspeccionou as obras do Seminario, mostrouse compracido coa escultura do Sr. Martínez de Insua. O artista, acompañado dos seus operarios, traballou con intensidade.

Ramón, que xa había demostrado que manexaba con gran destreza a gubia ou o formón, tamén fixo arte das súas mañas co punteiro e o cincel. A nova estatua de Sta. Calatina, que coroa o edificio do Seminario mindoniense, é de granito, da mesma clase que o empregado no corpo apilastrado e que popularmente denominan de “Toxoso” (Abadín). A estatua ten tres varas de alto aproximadamente, ou o que é o mesmo sobre dous metros e medio (“El Eco de Galicia”, núm. 815, 22/01/1.889).

Como a maioría das cousas que se fan en Mondoñedo, tampouco faltaron detractores a obra de D. Ramón Martínez.

No ano 1.895, tamén baixo a dirección de D. Nemesio Cobreros foron colocados pararraios nas torres da catedral, Santuario dos Remedios, Hospital de S. Pablo e Seminario Conciliar.

Coa colaboración especial de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

PRETEMPORADA DEPORTIVISTA EN MONDOÑEDO

O 24 de xullo de ano 1.985, os compoñentes do Dépor daquela época, comezaban o seu segundo “stage” de pretempada nas instalacións do Hotel Mirador de Mondoñedo, hoxe en ruínas.

Daban así comezo ao programa marcado polo técnico Jesús “TxuTxi” Aranguren Merino, en colaboración co preparador físico daquel entón, Gilabert, para a posta a punto do equipo con vistas a nova tempada.

DÉPOR EN MONDOÑEDO
Escadra deportivista da tempada 79/80, co laurentino Rego Rey.

Era a segunda vez na historia que o conxunto herculino preparaba a tempada nas instalacións do citado hotel mindoniense. A primeira, foi a correspondente a tempada 79/80, na que participaría Rego Rey, que xogou varios encontros na segunda división co cadro coruñés, e que co paso dos anos xogaría de forma moi destacada, en varios equipos da nosa provincia, na Terceira División. Destacaban nas formacións daquel Dépor, Paco Buyo, Pardo, o arxentino Piris, Cantudo, Alfonso Castro, Ballesta, Traba, José Luís Vara, Piña, Gallego, Pousada ou Albino. O máximo goleador do cadro naquela tempada, fora o dianteiro centro Traba, con 14 dianas. Fatídica tempada para o Dépor, e Celta de Vigo, na cal ambos cadros caerían a 2ª división B.

Pero centrámonos no ano 1.985, naquel entón o Dépor contaba con xogadores como Traba, Montes, Silvi, Agulló, Verón, Jorge, Donowa, Vicente Celeiro ou José Luís Vara. Ao remate desta tempada na 2ª división o Dépor acadaría a 6ª praza sendo o máximo artilleiro o chairego Vicente Celeiro con 11 tantos.

Os compoñentes daquel Dépor, durante a súa estadía en terras mindonienses, realizaban a parte táctica no municipal “Viñas da Veiga”, onde ademais xogaban encontros amigables coa S.D. Mindoniense dende o ano 1.972; a parte física era levada a cabo polos frondosos montes que rodean Tronceda e Estelo e a veira dos seus pastizais.

Aproveitando a pretempada, o cadro coruñes, tamén aproveitou para desputar o XVII Trofeo “Conde de Fontao” de Foz, sería o 28 de xullo, as seis e media da tarde, onde se enfrontarían o Dépor e o Sevilla, adestrada naquel entón por Manolo Cardo, que tamén se atopaba preparando a tempada en Galicia, concretamente en Ordes. A victoria do partido, sería para o cadro galego, por tres tanto a un, tantos de Camuel, Alfredo e Durán e o gol sevillista sería para Francisco. O árbitro daquela contenda, un famoso galego García de Loza.

Coa colaboración especial de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Apostando por Mondoñedo

Mondoñedo, en pouco tempo, acaba de ver nacer tres novos conceptos que, ata o momento, non existían na nosa cidade. 

Primeiro foi unha tenda de intermediación comercial, “Tus Cosas“, na que se mezclan dous conceptos. Por un lado, un servizo de mediación, no que nos poñemos un artigo, e dende Tus cosas, ofrécense para facilitarnos a venta do mesmo, xa sexa na súa tenda, ou a través de catálogos on-line que suben a súa web ou as redes sociais; pero se iso fose pouco, Tus Cosas, tamén ten unha ampla oferta no sector informático, xa que dende fai un días, ofrece na súa tenda, os servizos que ata agora viña dando Mindonet, tales como reparación de pc´s, descargas de Internet, venta de consumibles, etc. Para contactar con Tus Cosas, podedes facelo a través da súa web, no teléfono 678240637, ou por mail tuscosas@hotmail.es.

Despois de Tus Cosas, e fai unhas semanas, aparece en Mondoñedo “Mundo Moda Sport”, unha tenda que nos convida a coñecer unha ampla oferta de productos, innovadora en Mondoñedo, xa que nun mesmo espazo, oferta roupa de home, muller, nenos, ocasións especiais como comunións e por outro lado roupa de sport e artigos deste tipo, como porterías, raquetas, balóns, ou outros complementos para todo tipo de prácticas deportivas, e todo elo nunha mesma tenda. Para poder contactar, dende Mundo Moda Sport ofrécennos un mail paulayrubencb@outlook.es, dous móbiles 610 341 316 e 674 848 635 ademáis do seu perfil en Facebook.

E por último, para completar esta nova oferta comercial en Mondoñedo, este mesmo sábado, tivo lugar a inauguración de “O Lar Máxico“, un local que nos da unha ampla oferta de animación, clube social e servizos de mantemento, onte teñen cabida nenos e maiores, e donde terán a mellor das atencións en cada momento, ofrecendo ademáis talleres, que neste mes de abril son: Taller de memoria, Taller de ximnasia de mantemento e Taller de pintura sobre tela. Para poder contactar con O Lar Máxico, tendes o número de móvil 687 122 533, o mail olarmaxico@hotmail.com ou o perfil en Facebook.

Mediación comercial e informática, roupa e deporte, animación cultural e servizos de entretemento; con todo isto Mondoñedo amplia a súa oferta, e Cultura e Ocio quere dende xa, desexarlle toda a sorte do mundo a todas e cada unha das persoas detrás destes proxectos, que apostaron por esta cidade e que a súa sorte será a nosa. Moito ánimo.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014

Imaxes cedidas: “Os Pacheco”

No ano 1.907, na nosa cidade, formáronse dous excelentes cuartetos típicos do país, “Os Veiga” e “Os Pacheco”. A imaxen do cuarteto “Os Pacheco” de Mondoñedo, que acompaña estas liñas, na súa segunda etapa, foi captada polo fotógrafo mindoniense D. Rodolfo Gacio. (Podes ver a imaxe a maior tamaña facendo click enriba dela).

Na imaxe podemos recoñecer a: D. José Castañeda Jurado, director (1), a D. Baldomero García Río, clarinete (2), a D. Enrique Iglesias Díaz “das Danielas”, gaita (3), a D. Elias Alfredo Romero Rivas, Caixa (4), e a D. Ricardo Veiga González, bombo (5).

(1). D. José Castañeda Jurado, naceu en Mahón (Menorca). Fillo dun oficial de carabineiros, natural de Cartaxena. A idade de catro anos, a súa familia fixo a súa residencia en Mondoñedo. Con 17 anos de idade, dirixe unha banda de música en Ferreira do Valadouro. Foi o fundador do Orfeón Veiga. Dirixe varias comparsas e rondallas. Chegou a traballar na imprenta Mancebo e máis tarde na de Acción Social. Sorpréndeo a norte con 43 anos de idade no seu domicilio da rúa Rigueira de Mondoñedo.

(2). D. Baldomero García Río, naceu o 15 de decembro de 1.886. Era fillo de José García Maseda, natural de Pausalido e de Antonio Río Amezega, natural do Coto de Otero. Tocou a trompa na capela de música da Catedral de Mondoñedo, entre os anos 1.904 e 1.913. Casou o 1 de abril de 1.911, con Ramona Losada Fernández.

(3). D. Enrique Iglesias Díaz, foi neno de coro da Catedral de Mondoñedo entre os anos 1.900 e 1.908; tocou na capela de música da catedral o violín, entre 1.900 e 1.920; ocupou o posto de contraalto, entre 1.911 e 1.929, e o de tenor en 1.920. Tocou durante moitos anos o clarinete na Banda Municipal de música. No ano 1.934, xunto con “O Gaspar” fundou a rondalla “Os Veiga”. Falece en Mondoñedo o 30 de maio de 1.941, aos 52 anos de idade.

(4). D. Elías Alfredo Romero Rivas, naceu o 26 de novembro de 1.892. Era fillo de D. Camilo Romero Domínguez, tenente retirado, natura de Rivas de Louro (Pontevedra) e de Dna. Josefa Rivas García, natural do barrio dos Muiños de Arriba. Casou no Santuario dos Remedios o 3 de xullo de 1.920 con Asunción Polo Basanta.

(5). D. Ricardo Veiga González, tamén coñecido polo álcume de “O Bodego”, naceu o 15 de setembro de 1.893. Era fillo de José Antonio Veiga, caixista e encargado da imprenta Candia da rúa Febrero de Mondoñedo e de Severina González Bolaño, vecinos do Barrio das Casas Novas. Casou o 10 de novembro de 1.917 con María Paz Otero.

 Na primeira etapa, deste famoso cuarteto mindoniense, tamén formou parte dunha forma moi destacada D. Augusto Insua Amieiro, coa súa preciosa gaita de prata.

Coa colaboración especial de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014

O tío carlista de Noriega Varela

Ao morrer no ano 1.833 o rei Fernando VII, o seu irmán D. Carlos María Isidro, non aceptou que lle sucederá no trono a súa filla Isabel. Para que esto non ocorrese foi preciso derogar a Lei Sálica de 1.713 que prohibía reinar as mulleres. D. Carlos é obrigado a exiliarse a Portugal. O país divídise en dúas fraccions: os que defenden a D. Carlos, chamados carlistas e os que defenden a Isabel, os denominados liberáis. Por este motivo houbo tres guerras; a primeira dende 1.833 a 1.840, a segunda dende 1.846 a 1.849 e a terceira entre os anos 1.872 e 1.876. Nos acontecementos desta terceira guerra carlista aparece D. David Cornejo Díaz, tío político do ilustre mestre e poeta D. Antonio Noriega Varela, nacido en Gallegos de Solmirón (Salamanca) o 4 de marzo de 1.836.

D. David Cornejo formou parte como voluntario no Rexemento Príncipe Nº 3 o 7 de novembro de 1.854, por un período de seis anos. Ascendeu a cabo 2º no nadal de 1.855, a cabo 1º no outono de 1.856, a sarxento 2º en agosto de 1.859 e a sarxento 1º no nadal dese mesmo ano.

Fixo a campaña militar nas terras africás. Co grao de sarxento 2º saíu coa súa unidade en dirección a Málaga, embarcou no porto de Alxeciras o 24 de novembro de 1.859, en dirección a Ceuta. Participou nas acción bélicas do 30 de novembro, 12, 17 e 22 de decembro, pero na deste último día foi ferido por disparo de arma de fogo na perna dereita, e en recompensa foi agraciado co ascenso a sarxento 1º, antes indicado.

No ano 1.860, D. David Cornejo cumpriu o seu compromiso co exercito e asinou outro por oito anos máis, que cumpriría en 1.868, pero ao ser considerado inútil para o servizo das armas, a consecuencia da ferida recibida en África, retírase a Mondoñedo no ano 1.862. Ao ser declarado inútil en Campaña, D. David percibía a estimable pensión de cen reais ao mes e por un Diploma de premio de Constancia, trintra reais máis.

No mes de abril do ano 1.870 incorporouse as filas carlistas, co emprego de tenente. Foi feito prisioneiro en 1.872 e en marzo do ano 1.873 foi embarcado desde o presidio de San Antón na Coruña, para Cuba. Regresou a España a finais do mesmo ano e continuou a campaña da terceira guerra carlista nas Vascongadas e Navarra, sendo ferido de novo en Montejurra e logrou alcanzar, por méritos de guerra, o emprego de tenente coronel.

Obrigado a emigrar a Francia o 28 de febreiro do ano 1.875, como outros moitos carlistas, presentouse a indulto e prestou xuramento de fidelidade a S.M. o Rey Alfonso XII no mes de setembro do mesmo ano ante o cónsul de España en Bayona. O 27 de febreiro do ano 1.876, por Gracia General, alcanza o emprego de coronel.

O 30 de agosto do ano 1.863 D. David casou na parroquia de Santiago de Mondoñedo con Dª Ramona Fernández Noriega Varela. Dª Ramona, era filla lexítima do 2º Comandante do Corpo de Estado Maior da Praza de Mondoñedo, D. Juan José Fernández Noriega, natural da vila de Ferrol, pero veciño de Mondoñedo e de Dª Antonio Varela de la Torre, natural de Mondoñedo.

Dª Ramona, polo feito de ser esposa do xefe da partida carlista mindoniense de 1.872, pese a alegar no seu momento ser filla dun comandante liberal, sonlle incautados os seus bens e é desterrada ao Reino de Portugal. D. David falece en Mondoñedo no ano 1.900, sendo oficial do Rexistro da Propiedade de Mondoñedo e anteriomente fora conserxe do Círculo de Recreo, do que tivo que dimitir por motivos políticos. Do seu matrimonio non quedou descendencia algunha.

Coa colaboración de Andrés García Doural

Marcos Candia 

Cultura e Ocio © 2.014