Arquivo da categoría: Reportaxes

O outro Mondoñedo

Mondoñedo non só e historia e arte, tamén agocha infinitos tesouros naturais de incalculable valor, a par que fermosos recunchos polos que pasear e deixarse levar polo máxico da natureza.

Tres amigos, dous aferrados as varas, e servidor, ao seu caxato, despuxémonos a percorrer unha parte dese Mondoñedo menos coñecido, agora esa ruta chega a “Cultura e Ocio”, pouco máis de 10 km de plena natureza, pero dende logo, quedan ainda moitos.

Sobre as 8 e media da maña saímos dende Pacios de Arriba en Cesuras, nada máis e nada menos que a nosa ruta segue os pasos dos Peregrinos máis ancestros, xa que logo hoxe o discurrir do Camiño Santo en Mondoñedo é outro, ao meu entender, ben menos fermoso ca este do que vos vamos a falar. Un sendeiro impresionante, unha empinada costa que parece non ter fin, saída a pouco máis de 100 m sobre o nivel do mar e arriba no cumio deste camiño por riba dos 600. Xa se fai notar este cambio de altitude na vexetación, abaixo densa e variada, e cada vez máis preto do cume, escasa, tan so xestas, toxos e uces, a par que grandes camposas.

Ao pouco de comezar a camiñata xa atopamos un cruce, coñecido como Cruce da Rebolada,(no mesmo en marzo de 1809 foi asaltado un correo francés e varios soldados pereceron no acto); un pouco máis arriba pasamos a carón da coñecida como Dehesa Nacional de Cesuras. Dende este camiño temos unhas vistas privilexiadas da zona de Zoñán e a Toxiza, dignas de observar con detemento e admiración. Tamén ao paso desta vía atopamos a fonte de Don Luis, ou mellor dito o pouco que hoxe queda dela, xa que logo o seu pio está derrubado e o acceso a mesma faise bastante difícil pola inexistente canalización de auga ao seu arredor.

Seguimos monte arriba, e nunca mellor dito, para atoparnos cun peculiar marco que guía os nosos andares, non é outro que o Marco da Infesta, unha rocha cravada no chan, nunha encrucillada de camiños que nos marca a división dos mesmos, a dereita o camiño a Ferrol, a esquerda o camiño a Santiago de Compostela, parada necesaria neste punto, para afotar a curiosa rocha. Agora a nosa intención lévamos a seguir cara a esquerda. E nada máis subir uns metros dende o marco, atopamos unhas impresionantes vistas dos vales de Mondoñedo, como é habitual coa súa néboa, que os fai secadra máis fermosos ainda, tamén neste punto tomamos unha instantánea do Camiño de Santiago, un verdadeiro pracer visual.

Seguimos pois o noso camiño, buscando outro dos nosos puntos de interese nesta ruta, e moi preto del vemos outra fermosa estampa, Cabana de Vella e o fondo os montes de Toxoso ainda cubertos pola neve caída nestes pasados días, estamos xa nunha zona alta, das máis de Mondoñedo. Aquí a sensación de frío xa se fai notar, ainda así, e a pesar da época, é un frío completamente soportable, ademáis o aire puro anima a seguir adiante.

E así, co noso camiñar, tras facer un pequeno xiro, e uns metros de campo a través atopamos a Charca da Cabrita, un fermoso lugar preto xa do alto da Pena da Roca. A charca, o día da nosa visita, lucía espléndida, rebosante de auga e cor, digna de ver. Dende aquí tamén gozamos dunhas excelentes vistas da cidade episcopal, vales e montañas do arredor.

Deixamos este fermoso lugar e seguimos, de novo campo a través, para atoparnos coa Lengua da Cabrita, pasar ben preto do lugar de Cabana de Vella, e agora volver xa cara Mondoñedo, pero desta volta por un tramo do Camiño de Ferrol, que nos levará de novo ao Marco da Infesta; nestes útimos andares xa para volver sobre os nosos pasos, e pouco antes de chegar ao marco, atopamos outra curiosa estampa, un corremento de terras que deixou unha fonda ferida nun prado do lugar.

Chegamos pois de novo ao marco, agora todo abaixo ata Cesuras, punto de partida e meta, desta fermosa camiñata matinal.


Notas fotográficas:

Todas as imaxes poden verse a un tamaño maior se facedes click nelas.

Foto 1: subida polo Camiño de Santiago ata o Marco da Infesta

Foto 2: vistas de Zoñán e os montes da Toxiza ao fondo

Foto 3: Fonte de Don Luis

Foto 4: Marco da Infesta

Foto 5: vista de Mondoñedo

Foto 6: sendeiro do Camiño de Santiago

Foto 7: Cabana de Vella e montes de Toxoso

Fotos 8 e 9: Charca da Cabrita

Foto 10: vista de Mondoñedo

Foto 11: corrementos de terra


Agradecemento especial a Andrés e Valentín

©Marcos_Candia

A unión fai a forza

Corría o ano mil novecentos noventa e catro, cando comezabamos a escoitar os rumores, de algo, que na sociedade galega en xeral e na mindoniense en particular non gustaba nada.

O vintesete de maio dese ano, o xornal “La Voz de Galicia” traía ata a súa portada o seguinte titular “Buscan un sitio en Galicia para un cementerio nuclear”, a empresa Enresa (Empresa Nacional de Residuos Radioactivos), tiña entre as posibles localizacións para este cemiterio tres en Galicia, Cabo Fisterra, A Gudiña e a zona de A Fraga Vella, na Toxiza. 

Tan so un día despois, o mesmo xornal traía as súas páxinas interiores este outro titular “Fuertes críticas a la ubicación del cementerio nuclear en Mondoñedo”; a unión do pobo fronte este cemiterio era palpable, os grupos municipais e a veciñanza manifestaban a súa total oposición a posible ubicación do cemiterio nuclear, ademais os expertos desaconsellaban a instalación nesa zona, polo alto valor ecolóxico da mesma (hoxe a Fraga Vella atópase dentro do Lic “Serra do Xistral” correspondente a Rede Natura 2.000).

Era evidente que ninguén quería esta instalación preto de si, de feito o 15 de xuño do mesmo ano atopamos de novo referencias na prensa, unha vez máis “La Voz de Galicia” recolle unha nota na que explica que a Xunta de Galicia indica a súa oposición ao cemiterio nuclear en Galicia, recorda ademais que a corporación municipal de Mondoñedo solicitara ese pronunciamento da Xunta a traveso dun acordo plenario.

Uns meses despois, en agosto, e coas augas ainda revoltas, foi o turno dos veciños. Tanto “El Progreso” como “La Voz de Galicia”, recollen nas súas páxinas do día 23 agosto, a convocatoria dunha movilización veciñal a favor da conservación do medio ambiente. Fora a “Asociación Leiras Pulpeiro” a que promovera a citada movilización para o día 27 de agosto de 1.994. Para conseguir o maior número de manifestantes, dende a Asoc. Leiras Pulpeiro convocaran a todos as asocacións mindonienses, así como tamén, as máis relevantes do resto de Galicia e do Occidente Astur. Dende os grupos políticos e as asociacións ecoloxistas esta cita contaba con todo o apoio, foi así a loita do pobo. A citada movilización sería encadrada dentro dos “Sábados de Vagar” que a “Asoc. Leiras Pulpeiro” levaba a cabo na cidade mindoniense.

Finalmente o 27 de agosto de 1.994, a tarde, partían dende a Alameda dos Remedios os autobuses cos asistentes a xuntanza na Fraga Vella, todos unidos baixo unha mesma pancarta “Non os Vertedeiros, Paraxe Natural”, asinada polas asociacións de Mondoñedo. Unha vez alí, os máis dun cento de persoas asistentes, farían un breve recorrido pola zona, ademais de recibir explicacións sobre as peculiaridades da flora e fauna existentes no paraxe. A xornada festivo – reivindicativa, finalizaría na Praza da Catedral coa lectura de tres manifestos, un por parte de Matías Rodríguez, presidente de Cedenat (grupo ecoloxista), outro Luís Fernández Ansedes, presidente a “Asoc. Leiras Pulpeiro” e por último Díaz Jácome, o daquela cronista da cidade de Mondoñedo.

Pasaron dende enton, case 19 anos, e queda patente que a loita de todo o pobo, veciños, asociacións e políticos foi efectiva.

Na actualidade, nos montes da Toxiza, aséntase un parque eólico, que a pesares do forte impacto visual, a enerxía que se obten do seu funcionamento está considerada como limpa.

En España, hoxe en día temos un cemiterio nuclear de residuos de baixa e media actividade, ubicado no pobo de “El Cabril” en Córdoba, do que se calcula ten capacidade ata preto do ano 2.030. Ademáis o 30 de decembro de 2.011, o Consello de Ministros aprobou unha resolución pola que foi seleccionado o municipio de “Villar de Cañas” en Cuenca, para albergar un futuro almacén centralizado de residuos de alta actividade de España.


Nota: Para a elaboración deste artigo, foron recollidos datos dos xornais “La Voz de Galicia” e “El Progreso” ademáis do suplemento “La Voz de Galicia, edicción A Mariña, Asturias”. Tamén inclúe datos fornecidos por Wikipedia.

@Candia_Marcos

A Pena Abaladoira

Como xa sabedes, o noreste de Mondoñedo, coa súa altura máxima de 838 m sobre o nivel do mar, encóntranse situados os montes da Toxiza.

Nos mesmos, podemos atopar pastando, numerosas cabezas de gando caprino, vacún ou cabalar, pero hoxe queremos falar novamente doutra curiosa rocha situada neste lugar. 

Concretamente en “Veiga de Fiestra”, entre o “Pico de Esgallo” e “Pena Corveira”, atópase situada unha pedra granítica coñecida entre os veciños dos lugares máis próximos como “A Pena Abaladoira”

As primeiras novas que coñecemos sobre a súa existencia e asentamento datan dos primeiros anos do século XX, cando o noso cronista Eduardo Lence Santar a cita na prensa local da época.

 Esta pedra abaladoira, constitúena unha pedra, como decíamos, granítica, de forma irregular, moi parecida o caparazón dunha tartaruga, a cal mide 4,40 m de lonxitude, 72 cm de alto e 2,18 m de anchura máxima. Atópase asentada sobre unha rocha viva, que aparece a raíz do chan, sobre a que se apoia nun espacio de 2 m cadrados.

Para facela abalar e preciso ascender sobre a súa parte superior, e cunha lixeira presión sobre un dos seus extremos obervase perfectamente o seu movemento.

©Marcos Candia


O Cristo do Coto de Otero

Nas encrucilladas dos camiños, a beira dalgunha ponte, nos cemiterios, adros de igrexas e lugares onde ocorrera algunha desgraza, podemos atopar a profunda fé católica dos nosos antepasados coa erección de cruces e cruceiros.

A maioría son do séculos XIX e XX e polo xeral, obra de escultores populares; en moitos deles preséntase ao “Rey de Reyes” e na parte oposta a “La Dolorosa”.

Soen estar anclados sobre unha plataforma, de un so bloque ou varios, formando un tronco piramidal, con inscripcións de quen os mandou facer, oracións ou indulxencias outorgadas polos Bispos da Diócese. Seguir lendo O Cristo do Coto de Otero

A “Pena do Vento”

Seguimos adiante coa nosa sección “Historia“, e desta vez vamos falar novamente dunha formación rochosa, canto menos curiosa.

Se o pasado luns falabamos do “Mosqueiro das Porras“, hoxe é o turno doutra rocha, tamén sita nos montes da Toxiza en Tronceda, que quizais non resalte tanto polo seu tamaño, pero si pola súa formación e situación.

A “Pena do Vento”,  podemos vela entre a Fraga do Armadoiro e o Rego do Paso, no lugar ao que a mesma rocha da nome, como deciamos nos montes da Toxiza.

É unha rocha granítica de forma ovalada, cunhas medidas de 5,20 m de diámetro e 1,70 m de altura. Atópase asentada enriba doutra “rocha morta”, sobre a cal se apoia nunha superficie duns 50 cm2.

 Fai uns anos xentes descoñecidas tentaron botar abaixo esta rocha sen éxito, poñendo ademáis en perigo a vida dos animais, persoas e incluso vehículos que por alí pasan. Amigos unha vez máis a naturaza demóstranos o forte e fermosa que é, con esta obra de arte.

Ademáis desta rocha, nos montes da Toxiza, podemos atopar outras curiosas, como o xa comentado “Mosqueiro das Porras” ou a Pena Abaladoira, da que non a moito tardar daremos boa conta aquí mesmo.

Deixovos unha imaxe máis desta fermosa “Pena do Vento”.

 ©Marcos Candia