Pepe Ruíz Leivas

A continuación reproducimos a nota de empresa que nos fai chegar Antonio Reigosa, Cronista Oficial da Cidade de Mondoñedo.

A mellor maneira de saber da saúde vital dun lugar é ler a prensa que foi xerando devagar. A historia dilata e contrae, como os latexos do corazón, e, xa que logo, indica ben o ritmo do devir de calquera asentamento humano.

Se atendemos ao arredor de medio cento de cabeceiras de prensa que se foron editando ata o de agora desde a segunda metade do século XIX, en Mondoñedo andamos sobrados de cardiogramas. Grazas a eses xornais sabemos moi ben como nos foi e podemos afirmar, con moderado orgullo, que temos rexistros sobros para saber de onde vimos, e, avisamos, andamos á procura dun tratamento para salvagardar pasado e futuro ao mesmo tempo. Convalecemos, que é non é pouco, pero estamos no camiño da recuperación definitiva.

Este venres, 29 de xaneiro de 2016 (ano do 150 aniversario da morte de Manuela Rey), reunímonos os e as mindonienses arredor dun xornal e dun xornalista excepcional.

O xornal “Mondoñedo”, promovido pola Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo, leva saíndo regularmente á rúa desde febreiro de 1987. Fixérono posible numerosas persoas, entre as que destaca a man filántropa de Ricardo Pedreira, recentemente falecido. Continuaron o seu labor Pedro Díaz e Pepe Ruiz Leivas. Unha publicación bimensual sostida polos subscritores, que foi chegando puntual a diferentes destinos, algúns alén mar, durante nada menos que 28 anos. Ducias de colaboradores encheron o xornal de literatura, historia, arte e información local, e levaron alí a onde Mondoñedo é un sentimento, un alivio para a saudade.

Xosé Ruíz Leivas foi elixido presidente da asociación e responsable da edición do xornal en 2003. Naceu na Coruña, de nai mindoniense, en 1931. Despois residiu en Venezuela e Madrid, e instálase en Mondoñedo en 1988.

Das súas andanzas polo mundo quedan abondosas experiencias xornalísticas. Na radio do Centro Galego de Maracaibo, na Revista Vinoclub, que fundou e dirixiu, ou na edición mariñá do xornal El Progreso na que colaborou desde os comezos en 2003 e onde publicou máis de 230 artigos.

Co xornal “Mondoñedo” colaborou desde o número 0 e dirixiuno desde 2003. Por algún dos seus traballos foi recoñecido con premios entre os que destacan guións para televisión ou artigos sobre viños. É autor de guías sobre aspectos da historia e vida mindoniense, e foi convidado a impartir numerosas conferencias e a pronunciar algún que outro pregón.

É autor de numerosos libros, tanto de investigación histórica (en colaboración con Andrés García Doural) como de creación literaria, tanto poética como narrativa. “Don Celestino”, “Guía fantástica de Mondoñedo” ou “Un paseo polo barrio dos Muíños” son só unha minúscula mostra da súa extensa e meritoria produción.

Agora, lei de vida, Pepe quere escribir un punto e final na súa etapa como responsable do xornal que xa é, con diferenza, o máis lonxevo da historia da prensa mindoniense. Só “La Voz de Mondoñedo” (1903-1925) se lle achega.

Quédanos agradecerlle a Pepe Ruiz Leivas tan xenerosa entrega e achegarnos o 29 á Casa da Xuventude de Mondoñedo para que saiba pola nosa boca que o seu labor non foi inútil Ao contrario. Eu imaxínoo parapetado tras da maqueta dun novo número do xornal “Mondoñedo”, fantasiando coa ilusión de que nunca sexa o derradeiro.

©Antonio Reigosa –Cronista oficial de Mondoñedo

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.016

Mensaxe de Nadal 2.015

Chega o Nadal, o cuarto que este blog celebra con todos vos, o cuarto no que queremos convidar a unha firma invitada, darlle voz neste espazo, e que coas súas verbas vos de os mellores desexos para o ano que logo comeza.  No 2.012 foi Armando Requeixo, un ano despois no 2.013 Zalo, e no pasado 2.014 Fran Bouso

Neste 2.015 o turno é para outro mindoniense de Pro, Don Francisco Piñeiro, así pois, coas súas verbas vos deixamos: 

Cando Leiras Pulpeiro escribiu  “Quen mora acó na Mariña ten cara ó mundo as xanelas” talvez desexara ou talvez xa soubera que algún día Marcos Candia Cuba, nado na frondosa Tronceda de Mondoñedo, disporía abrir esta fiestra do seu blog cultural para que o resto do planeta soubera  desta mensaxe de Nadal. 

Mindonienses e mariñaos:

Estas datas do Nadal son, por tradición, escaparates da ilusión e da esperanza, carruseis de mariscos, estouridos de champán, o cal non impide  esquecernos dos que non levan á boca unha codia de pan por iso rematamos sempre o ano facendo reflexións.

Reflexionemos pois. Os anos non corren en balde, sempre pasan factura. Pouco a pouco a imos  pagando, mellorando as nosas vidas, se correximos  erros, en especial aqueles que nos impidan compaxinar o respecto e a responsablidade individual coa colectiva. Loubado sexa o erro se del imos aprender e nos sirve de exemplo.

Houbo un tempo no que se pretendeu derruba-la muralla de Lugo; non se levou a cabo por non atopar onde botar tanto rebo. Na actualidade ninguén discutiría que derrubar tan fermoso patrimonio da humanidade sería un sacrilexio monumental        mais permitídeme que vos diga que esta sociedade aínda permite cometer barbaridades  que nunca xamais deberían suceder, estou a  falar  de maltratar ou matar a unha muller. Vai sendo hora de que o home se autoconvenza de que o problema da convivencia coa muller non reside na escaseza de tela nin no que esta tapa ou esta ensina senón na escaseza de mente que algúns chaman decencia e da que moitos presumen sabendo que non se pode culpar ao viño nin a vide por dar fermosos racimos á beira do camiño  pero si a aqueles que rouban as uvas, as machacan, as destrozan e se emborrachan co seu viño. E se alguén non o quixo entender podo dicilo máis alto e claro: “A muller non é ningún bicho raro que se poda mercar ou vender” así que neste ano que vén  ninguén consinta que  unha soa muller se arrepinta de ter nacido como muller.

Despidamos o ano sen choros nin lamentos e recibamos ao vindeiro co firme convencemento de que valemos para convivir. Contrastemos a escada de valores personais coa dos valores comunitarios para redifinir modelos a seguir e restaura-la dignidade porque non todo vale. Cando a dignidade de cada ciudadano cotice en nómina, o traballador honrado ou o estudiante esforzado voltará a te-lo aprecio dos seus compañeiros; cada individuo, dentro do seu eido e das súas capacidades, percibirá honorarios e respecto conforme ó seu esforzo, profesionalidade e decoro socialmente demostrado. Agocharse na selva humana non é asociarse pois o ser humano non naceu para ser ovella.

Coa sinxela intencion de que  estas catro liñas sirvan de enceto  á reflexión personal que debe facer cadaquén  aquí volas deixo  desexándovos de corazón que no ano vindeiro todos consigamos regar a flor dos propios soños que desde O Reguengo  de Mondoñedo exportaremos por toda a Mariña e polo resto do mundo para facer deste planeta un fermoso  xardín colectivo, próspero e fecundo.

Francisco Piñeiro Glez. 22/12/2.015.

Dende esta casa so nos queda dar as grazas a Francisco Piñeiro, unha vez máis por colaborar coa mesma, de xeito desentiresado, e sempre dende o primeiro minuto. Felices festas a el tamén e toda a ventura para o 2.016 e sucesivos.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Fútbol solidario

Este próximo domingo, día 20, o Viñas da Veiga acollerá unha nova xornada de fútbol, para o equipo da cidade, o Mondoñedo FC enfróntase como local ao CD Xermade a partir das 16 h.

Nadal
Fútbol Solidario en Mondoñedo

Como xa é habitual a directiva do clube mindoniense organiza a súa tradicional “Xornada Solidaria“, que consiste no troque de alimentos non perecedoiros por entradas para este choque; así todos os afeccionados ao fútbol que desexen animar ao seu equipo no Viñas da Veiga, tan so terán que doar algún alimento destas características a cambio do acceso ao recinto deportivo. Todos os alimentos que o clube consiga recaudar serán doados a Cáritas Mondoñedo, que ano tras ano colabora neste bonita iniciativa.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Doazón ao Hospital San Pablo

Co gallo do Día Internacional das persoas con discapacidade a comisión organizadora dos actos da homenaxe realizada ao crego Don Antonio (parroquias de Santa María Maior de Mondoñedo e Santo Adrao, San Xurxo e San Tomé de Lourenzá), doa o superávit do recadado ao Hospital de San Pablo e San Lázaro de discapacitados físicos e psíquicos en Mondoñedo.

IMG_20151104_090748
Hospital S. Pablo de Mondoñedo

Con esta doazón recoñecen o bo facer do persoal, do voluntariado e da dirección do centro. E dan bo uso ao remanente da homenaxe, ao ser destinado ao gozo e servizo dos residentes do mesmo.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

IX CONCURSO DE TAPAS, “CIDADE DE MONDOÑEDO”

Os locais de hostalaría de Mondoñedo, un ano máis, deleitan aos seus clientes con manxares en forma de tapa, na que será a IX edición do concurso de tapas “Cidade de Mondoñedo”, e que terá lugar os días 27, 28 e 29 deste mesmo mes.

Nesta ocasión serán nove os locais que participan desta iniciativa, que no pasado ano fora todo un éxito, e que neste 2.015 aspira a mellorar, tanto en número de visitantes, como na calidade das tapas, que nada máis ver o cartaz, semellan do máis variado.

Tapas Mondoñedo 2.015
IX Concurso de Tapas (clica na imaxe para vela en grande)
Tapas Mondoñedo 2.015 2
IX Concurso de Tapas (clica na imaxe para vela en grande)

 

 

 

 

 

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015