Cabodano da historia

O pasado 28 de febreiro, como é habitual dende fai 31 anos, Mondoñedo recordou a morte de D. Álvaro Cunqueiro cunha ofrenda floral na súa tumba sita no Cemiterio Vello da cidade, na que se aproveitou para reservar un oco a D. Leiras Pulpeiro, do cal neste 2.012, cumprense 100 anos do seu pasamento. 

A ofrenda como todos os anos é levada a cabo por membros da corporación municipal, acompañados por persoeiros da sociedade mindoniense, público en xeral, así como diversos concelleiros de Ferrol, cidade irmá de Mondoñedo; tamén neste acto, todolos anos Mondoñedo acolle un mantedor (persoa que se encarga de lembrar a figura de D. Álvaro, así como iniciar a lectura dunha das súas obras). 

Nesta ocasión o mantedor non foi outro que Armando Requeixo, do que xa falamos aquí, comentado sobre a presentación do seu libro Criticalia, e a obra escollida para a lectura foi “Herba aquí ou acolá

Armando, logo da ofrenda floral no Cemiterio Vello, ofreceu unhas verbas sobre Cunqueiro no Salón de Plenos do Concello, que a continuación reproducimos:

“Álvaro Cunqueiro: mindoniense irrefutable

Autoridades, veciñas e veciños, amigas e amigos todos:

Máis unha vez atopámonos neste Salón Nobre do Excelentísimo Concello de Mondoñedo para honrar a memoria do Príncipe das Letras da nosa cidade nesta data do seu trixésimo primeiro cabodano.

O espírito de don Álvaro Cunqueiro aboia, pneumático e melancólico, nos recantos máis miúdos desta levítica e antiga sede episcopal, que non se entende cabalmente sen a lembranza de quen foi o seu máis insigne divulgador, o máis senlleiro dos seus intérpretes, valeco amador do seu espazo natalicio con inquebrantable adhesión.

Nestes días que nos tocou vivir lembro con frecuencia as palabras sempre sabias de don Álvaro, o seu maxisterio lúcido en tantas e sobre tantas cuestións. E quero pensar que volver ás súas ensinanzas nos ha servir hoxe, outra volta, para atopar un guieiro fidel neste proceloso océano de crises que ameaza con asolagarnos.

Teño para min que don Álvaro, que confesaba profesar a mesma fe que as vellas rezadoras, cría firmemente en tres cousas ás que endexamais renunciou e sobre as que se manifestou apaixonadamente en máis dunha ocasión. Esas tres esencias indisolublemente entrañadas nese portento da natureza que foi don Álvaro non son senón a súa mindonicidade radical, a fonda asunción identitaria do galego como fala na que entendía o universo mundo e a querenza admirativa e sentimental polas nosas tradicións, por ese imaxinario popular que leva séculos contando e cantando as máis fermosas historias.

Que don Álvaro amaba Mondoñedo dende que tivo acordo seméllame incuestionable. Toda a súa vida, toda a súa escrita aparecen tramadas por esa devoción case mística a unha Terra e un Pobo que en ningún momento deixou de aniñar na súa mente e no seu cor, tal como el mesmo confesou:

Nacín en Mondoñedo, si. É unha vella cidade con bispado, catedral, no fondo dun val moi pequeno pero moi fermoso, cunha longa familia miña alí e nos vales próximos, nas aldeas veciñas. ¡Moito campesiño e moito labrego na miña familia!

Dunha maneira ou doutra en todos os meus libros está un pouco Mondoñedo. Todas as cidades pequenas das que falo son un pouco a miña cidade por moi diferentes que sexan. Tanto me dá que sexa unha cidade grega a onde chega Ulises ou unha cidade da Bretaña a onde chega o sochantre coas ánimas, todas as cidades son un pouco a miña cidade (Giacomo Ricci, “Entrevista a Álvaro Cunqueiro”, en Celtismo e magia nell’a opera de Álvaro Cunqueiro, Perugia, Universidade de Perugia, 1971).

De igual maneira, don Álvaro non concibía ser dun país como o mindoniense e, por extensión, do antigo Reino de Galicia sen levar marcado a lume no propio adn espiritual unha lingua: a galega.

Dende o primeiro momento tivo a certeza absoluta de que ser galego era, antes nada, arrolar na verba propia. Por iso, xa no recuado 1969 respondía nunha entrevista ao xornalista castelán Antonio R. de las Heras:

Para min, do galego, o máis importante é o mantemento da lingua. O galego é, ante todo, a lingua (Antonio R. de las Heras, “Fantasía y evasión en la literatura”, ABC, 17-4-1969).

Certamente, don Álvaro non deixou nunca de militar na causa do idioma, que considerou decote axial, mostrando por el grande preocupación e revelando con clarividencia asombrosa algúns dos males que aínda hoxe o atafegan. Escoitemos, senón, o que declaraba sobre os perigos da ritualización lingüística á periodista e escritora Margarita Ledo Andión poucos meses antes de deixarnos:

Para min o problema capital radica en que no momento en que o galego parece salvado e consolidado como lingua culta acontece que os mariñeiros, os campesiños, artesáns e obreiros queren que os seus fillos falen castelán por un criterio utilitario e porque aínda se conserva esa especie de lastra social de que falar castelán é falar ben. Corremos o perigo de que o galego, idioma da maioría, pase a ser lingua só intelectual e dunha clase media ilustradilla, con certa vocación cara ao país tinguida de emoción (Margarita Ledo Andión, “Entrevista inédita do ano 1973”, Coordenadas, 2, 1982).

Non nos levemos a engano. Don Álvaro tíñao claro. Para el era evidente que ser galego, xenuinamente galego, tiña unhas implicacións innegociables. Nas súas palabras:

Que a xente se dea conta de que non se pode vivir sen un país ao fondo, que non é o mesmo… Azaña dixo unha vez: “yo soy español como el que más, pero igual sería patagón o samoyedo”. Ben, pois non é verdade, non se é igual castelán que patagón ou samoiedo. Un ten que vivir nunha terra determinada, ten que vivir a hora desa terra e é a única maneira de que un sexa válido non só para os seus, senón para toda a xente do mundo, e isto hai que dicilo así (Margarita Ledo Andión, “Entrevista: Álvaro Cunqueiro: creador e creedor cun país ao fondo”, A Nosa Terra, 16/22-5-1980).

Xa que logo, entendo que non é posible definir a personalidade intelectual e literaria de Cunqueiro sen ter presente a que el chamou a súa mindonicidade “irrefutable”, a súa decida aposta polo idioma de noso —o que non foi óbice para que, como moitos outros xenios da literatura que na historia foron, redactase noutras linguas algunhas pezas mestras da escrita do pasado século— e a súa proximidade admirativa co territorio da tradición oral galega e da cosmovisión antropolóxica e etnográfica que alimenta esta.

Tal é para min hoxe a grande ensinanza que como mindonienses nos transmitiu a todas e a todos: temos de ser dun lugar (o noso Mondoñedo milenario), temos de ollar a vida dende un sangue lingüístico que nos reconcilie co noso verdadeiro ser histórico e cultural (o galego) e temos de saber incorporar ao noso presente o vizoso herdo da tradición, ese fértil humus no que enraizamos e sen o cal nada seriamos senón esmorecentes árbores aéreas.

En memoria e homenaxe de quen amou a Mondoñedo, de quen amou a nosa lingua e de quen amou o noso ser histórico, vaia agora a lectura destes versos dun dos monumentos literarios que nos legou, o poemario Herba aquí ou acolá, para moitos un dos fitos de maior fulgor da nosa escrita de calquera tempo. Coa miña incondicional devoción, don Álvaro.

Palabras cargadas de sentimento e emoción, estas de Armando, un mindoniense que sempre que pode achégase ata a súa cidade natal, que o acolle cos brazos abertos. 

Dende aquí queremos dar as grazas a Armando, por permitirnos facernos eco da súa sabiduría e saber falar.

©Marcos Candia


2º premio da lotería Nacional, toca en Mondoñedo

O título da entrada xa o dice todo, hoxe sábado 25 de febreiro de 2.012 tivo lugar un novo sorteo da Lotería Nacional, saíndo dos bombos como 2º premio o núm. 50.098, número que a deusa fortuna trouxo ata Mondoñedo entre outras localidades de España, premiado con 12.000 € ao décimo.

Xusto o día despois do feche de Ecar atopamonos con esta nova, cousas quizais do destino. Hogalla este premio esté ven repartido entre a sociedade de Mondoñedo e chegue ata os que máis o precisan. 

Podedes ver a nova na web de “El Progreso” aquí.

© Marcos Candia


Ecar fecha as súas portas

Non é cultura e moito menos ocio, pero é unha nova que se merece toda a nosa atención e máis. 

Onte, 24 de febreiro, Ecar, actualmente filial de Finsa, puxo punto e final a súa labor en Mondoñedo, onde ata onte traballaban un total de 65 persoas, 65 familias.

A sociedade mindoniense e doutras vilas fíxose eco desde un principio, ala por novembro do que podía ser o feche de Ecar, hoxe realidade. Foron varias a movilizacións, e multitudinarias, as que se levaron a cabo, tanto en Mondoñedo como na vila veciña de Lourenzá, tamen afectada polo ere de Mobles Hermida, para tentar frear o inevitable fin que hoxe vivimos. 

Agora quedan os últimos pasos, o vindeiro martes responsables da madeireira Finsa achegaranse ata Mondoñedo para facer efectivos os pagos das liquidacións de cada traballador, acordadas no seu momento cos sindicatos; e xa o paso final a recolocación de algún dos traballadores de Ecar, neste caso 6 serán trasladados a Santiago  e outros sete seguirán polo momento en Mondoñedo, con labores de vixiancia e mantemento, tal como indican dende o xornal A Mariña do Progreso no día de hoxe.

© Marcos Candia


Estudos Mindonienses

O “Centro de Estudos da Diócese de Mondoñedo – Ferrol” leva xa 27 tomos dos seus coñecidos “Estudos Mindonienses”, un voluméns de carácter anual que comezaron sendo un proxecto ala polo ano 1.985 e que este ano 2.012 chegan a súa 27ª edición, dirixidos por D. Segundo Leonardo Pérez López (Universidade Pontífica de Salamanca e Instituto Teolóxico de Compostela), presentan así o anuario correspondente ao ano 2.011, e do que aquí vos falamos.


Neste novo número podemos atopar varios traballos:

D. Manuel Sánchez Monge, actual obispo da diócese fainos a presentación deste tomo.

D.J. L. López Sangil-M. Vidán Torreira, traenos a transcipción completa de “El tumbo viejo de Lugo”.

D.Enrique Cal Pardo fálanos do “Episcopologio Mindoniense. Obispos de la segunda parte del siglo XX”.

D. A. Barón Faraldo preséntanos “Magnates  y nobiles en la curia del Conde Raimundo de Borgoña. Totius Gallecie Princeps (ca. 1091-1107).

D. J.J. Burgoa Fernández falanos sobre as “Crónicas medievais de Fernando Lopes e Jean Froissart, no Ferrol do século XIV

D. X.C. Ríos-M. Vigo, coméntanos sobre a “Toponimia e microtoponimia da área de Ponteceso e Laxe. Aportacións sobre nomes de lugar de orixe cultura nomástica: o Mosteiro de Almerezo”.

D. J.M. Rodríguez Díaz fálanos do “Monasterio de Esperautano y su coto”.

D. M. Sánchez Yáñez, dinos sobre “O principio da construcción da Igrexa de S. Xulián de Ferrol”.

D. S.L. Pérez López, “Encende un facho no mundo da cultura”.

D. J.L. López Sángil, fálanos sobre “Algúns libros publicados en Galicia”.

D. S.L. Pérez López, deixanos unha nota biográfica.

E por último as habituaís recensións de cada tomo.

Como podedes ver o traballo e abundante, e con moitas frontes de estudo.

Se queredes coñecer máis sobre estes traballos podedes consultar aquí a web da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, que contén unha sección na que fala sobre estes estudos, ou contactar con eles no seguinte mail: estudiosmindonienses@mondonedoferrol.org.

©Marcos Candia


Criticalia, 20 anos de recensións

 

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1.971), ven de presentar o pasado xoves 17, na libraría “Couceiro” na cidade de Santiago de Compostela, un novo libro, “Criticalia”, unha impresionante colección de recensións, que comezan ala polo ano 1.991 e chegan ata o 2.010, a partires deste intre o seu traballo está tamén na rede, o seu blog persoal é todo un referente da crítica en galego.

Pero centrándonos no exemplar presentado na Capital de Galicia, Criticalia, contén máis de 250 recensións sobre libros de todo xénero, dende narrativa ata poesía, pasando pola novela ou a historia.

Un traballo, Criticalia, que foi editado por “Sotelo Blanco”, dentro da súa serie “Estudos e Investigacións, serie maior”. Dende a propia editorial, Ánxela Gracián, escritora e responsable editorial mencionou este volume como “unha mostra da profesionalidade ética e a valentía nos xuízos que leva amosando Requeixo como crítico dende fai anos”.

Dende “Cultura e Ocio” non atopamos mellor forma de inauguar as entradas a web, despois da presentación, que non fora “Criticalia”. Lectura recomendada. E ademáis se queredes seguir o traballo de Armando na actualidade non dubidedes, como indicabamos ao comezo desta entrada, en visitar o seu blog.

©Marcos Candia