Arquivos da etiqueta: A Frouseira

A Frouseira

Pra meu amigo D. Xeneroso Díaz

Villar, d’Alaxe, entusiasta

d’a nosa terra.

O sonado monte d’a Frouseira atópase n-as parroquias de Santa Cilla d’o Valadouro e San Martiño de Mondañedo, concello de Foz; San Sebastián de Carballido, concello d’Alfoz d’o Castro d’Ouro, e Santo Estebo d’Oirán, concello de Mondañedo.

Comenza n-o Escaravelleiro, parroquia d’Oirán, e remata en Vilacizal, parroquia de Santa Cilla.

Tén de longo unha boa legoa e, tod’o redor, ô pé de catro.

Érguese o coto 482 metros sobor d’o nivel d’o mar e pertenece a Santa Cilla.

De Mondañedo tá desviado 18 kilómetros; de Foz, 11; de Ferreira d’o Valadouro, 9; de Viveiro, 27; de Ribadeo, 35, e de Lugo, 83.

Tén o coto unha vista goapa, d’as goapas si as hay.

Dende alí óllase tod’o meigo Valadouro –n-o medio d’o cal érguese, rexa e gallamarda, a torre d’o Castro d’Ouro, que foi cárcere e pazo d’a Mitra de Mondañedo–; San Martiño de Mondañedo, onde fundou esta Sede o Bispo Sabarico, de Dumio, preto de Braga, en Portugal, n-o sigro IX; a ermida d’o Bispo Santo, San Gonzalo, y-o alto d’Agrelo –dendes d’o cal, San Gonzalo, por medio d’oraciós, botou ô fondo d’o mar, ôs centos de navios de mouros ou de normandos que viñan roubar a terra–; o mar Cantábrico, a ría de Foz, a espalecida mariña de Ribadeo, a cidá de Mondañedo y-outros moitos sitios.

O coto é tan apicado pol-o lado d’o Valadouro, que n-hay quén poida aganchar por alí, e mesmo se lle barre a un a vista cando cata pr’a abaixo.

N-o cimbro hay paredes que teñen ainda algunha cal, e din que ahi tâba o alxibe d’o castelo; porqu’é cousa sabida que n-a Frouseira houbo unha fortaleza, n-a que se rebelou contra os Reises Católicos, n-os derradeiros anos d’o sigro XV, o Mariscal Pedro Pardo de Cela, quén alí loitóu moito tempo contr’as tropas reás, mandadas pol-o capitán francés Lois Mudarra, sendo feito prisioneiro, se non mente a Relazón da Carta xecutoria, n-a casa de Fousa Yañez do Castrodouro, o 10 de Nadal d’o ano 1483, e degolado en Mondañedo, o 17, pol-o delito cometido e por roubar, asoballar e matar a xente; pois Pedro Pardo non foi máis que un de tantos xurafaces señores feudás qu’entón campaban n-a Galicia excravizando a nosa terra, inda que digan outra cousa os noveleiros ou os bestas desconocedores ou falseadores d’a Hestoria.

De Pedro Pardo din en Santa Cilla, qu’era un home forte e valente e que tiña unha sortella co-a que botab’os barcos ô fondo d’o mar.

Din tamén que n-a Frouseira tiña sempre cincoenta homes e unha ballesta que guindab’as pedras lonxe.

E tamén din que tiña dous cabalos, n-os cales se puña en Mondañedo en media hora, e que metía ôs presos n-un pozo cadrado, moi fondo, d’o que inda hoxe se ollan as paredes.

Refiren, ademáis, que non podía ver casa ningunha branca; que si as mulleres levaban dengue ou y-outro paxel colorado, mandaba sacarllo, e que n-a Frouseira había moito ouro encantado, o cal algún día o descobrerían as cabras y-as ovellas.

Din tamén que se teñen atopado n-a Frouseira moitas bolas grandes de pedra e de ferro.

Manoel d’a Rega, de Carballido, dí que lle tén oído contar a seu pai que os donos d’a casa d’Allegue, n-o sopé d’a Frouseira, atoparan n-ésta, fai máis d’oitenta anos, unhos bolos d’ouro.

E un peisano d’Oirán contounos que Ánxel Canelo, de Santa Cilla, de 80 anos, sendo novo, atopóu n-a Frouseira n-unha pía que tâba tapada c-unha lousa, un candelero amarelo, o cal vendeuno ôn prateiro de Betanzos, que viñera ô Valadouro.

N-iste val dín que dende a Frouseira xogaban a barra c-os d’a fortaleza d’o Castro d’Ouro; que s’atopa desviada d’alí unha legoa.

E tamén dín, que cando o sol dá n-a chamada ventá d’a Frouseira, son-as 11, e cando dá máis arriba, as 12.

N-a Frouseira aniñan as broites, os corvos, os peneireiros, os mouchos, as coruxas y-os bruós.

Atópanse n-ela as penas Abelleira, d’o Mariscal, d’o Ramo, de Mochín, d’o Convento, d’as Broites, Anduriña, d’a Pacienta, d’o Lobo, d’o Neno, Penacagada, Penela, d’o Sombreiro, Penachá, Acaneirada, d’o Coto de Paraño, d’o Castelo, d’o Xunqueiro e de Martín Cru.

Y-hay n-a Frouseira as fontes Moura, d’as Cazoleiras, d’a Escoura, d’os Mariñaos e d’a Vella.

Este texto é orixinal do libro «Etnografía Mindoniense«, editado por Armando Requeixo. O texto transcríbese de xeito igual que foi recollido por Eduardo Lense Santar o 10 de xullo do ano 1.939.


Coa colaboración de Armando Requeixo

©Marcos Candia