Arquivos da etiqueta: A Toxiza

O que puido ser…

O empresario de orixe xaponés Katuza Kimura, elixiu no ano 1.985 o bonito lugar de A Fraga Vella para o cultivo de setas orientais a nivel industrial.

A Fraga Vella, é unha extensa finca, con abundantes manantiais de auga, na súa maior parte poboada de grosos pinos e o resto de verdes pastos. A única vivenda existente na finca, foi ampliada e mellorada de forma considerable, como lugar de residencia habitual para o novo empresario e a súa familia. Incluso tiña unha pequena depedencia adicada a ximnasio. Na parte traseira da edificación construíuse unha rampa, para facilitar a carga da producción obtida.

Un pouco máis arriba da vivenda construírase unha gran nave, con pilares e vigas de formigón, con tellado a duas augas e dotada de abudante auga, para o cultivo das setas.

Kazuta adicóuse, principalmente, ao cultivo da seta “Lentinula Edodes” (Shiikate), cogumelo que tamén era coñecido como “seta da saúde”, polas súas propiedades e que por esas datas non se cultivaba en ningún punto do territorio español. Os micelios erán traídos dende o Xapón ata a Fraga Vella e implantados en troncos de madeira autóctona. Como xa comentamos, o cultivo comezou ala por 1.985, a nivel industrial e a producción obtida era comercializada cara o extranxeiro, excepto unha pequena cantidade que era adquirida por un restaurante coruñés para servir a súa clientela. Na actualidade, este apreciado cogumelo pode ser adquirido nas grandes superficies comerciais.

Un dos grandes inconvintes co que se encontraba o empresario Xaponés na Fraga Vella era a falta de enerxia eléctrica. Despois de levar instalado nun lugar un tempo, quixo montar un bon secadeiro para as setas. As autoridades provinciais tíñanlle prometido dotar, a nave e a vivenda, deste ben tan prezado, pero o cambio no goberno provincial daqueles tempos, deixou todo nunha promesa.

Cando Kazuta Kimura abandoa a nave e a vivenda en a Fraga Vella, a comezos da década dos noventa, os vándalos comezaron a producir importantes danos materiais na nave e a vivenda, chegando a levarse as portas, ventás e incluso a cociña de leña. As autoridades provinciais, donas de todas estas propiedades, víronse obrigadas a tapiar os hocos das portas e ventás para tentar poñer fin aos actos vandálicos. A excepcional nave e vivenda, rodeadas de grandes pinos, permanecen abandoadas e ofrecendo unha desoladora imaxe. ¡O que puido ser, e non foi!


Coa colaboración de Andrés García Doural

©Marcos_Candia

A “Cruz de Santiago”

Nos montes da Toxiza, Tronceda, entre os lugares de “O Colesio” e “A Fraga” o 23 de decembro de 1.901 ocorreu un terrible suceso.

Santiago García Díaz, de 20 anos, natural de Tronceda, fillo de Jose García Fernández e María Díaz Fernández, solteiro, sen fillos e de profesión xornaleiro, faleceu víctima dun temporal de neve e frío.

Pouco despois do suceso, colocouse sobre a rocha, unha cruz de madeira, que co paso do tempo acabou deteriorándose e foi sacada do lugar, coa intención de poñer un cruceiro de lousa, material máis resistente a intemperie, pero xamais chegou a colocarse.

Hoxe en día so queda a marca sobre a rocha onde estivo cravada anos atras a cruz de madeira. É unha magoa que non se faga máis enfase en recordar estes feitos históricos e que pasen desapercibidos para xeracións vindeiras, incluso desaparecidos, foi pouco o que faltou para que as pistas do parque eólico, hoxe existente no lugar, pasaran por riba desta rocha.


Coa colaboración de Andrés García Doural

©Marcos_Candia

A unión fai a forza

Corría o ano mil novecentos noventa e catro, cando comezabamos a escoitar os rumores, de algo, que na sociedade galega en xeral e na mindoniense en particular non gustaba nada.

O vintesete de maio dese ano, o xornal “La Voz de Galicia” traía ata a súa portada o seguinte titular “Buscan un sitio en Galicia para un cementerio nuclear”, a empresa Enresa (Empresa Nacional de Residuos Radioactivos), tiña entre as posibles localizacións para este cemiterio tres en Galicia, Cabo Fisterra, A Gudiña e a zona de A Fraga Vella, na Toxiza. 

Tan so un día despois, o mesmo xornal traía as súas páxinas interiores este outro titular “Fuertes críticas a la ubicación del cementerio nuclear en Mondoñedo”; a unión do pobo fronte este cemiterio era palpable, os grupos municipais e a veciñanza manifestaban a súa total oposición a posible ubicación do cemiterio nuclear, ademais os expertos desaconsellaban a instalación nesa zona, polo alto valor ecolóxico da mesma (hoxe a Fraga Vella atópase dentro do Lic “Serra do Xistral” correspondente a Rede Natura 2.000).

Era evidente que ninguén quería esta instalación preto de si, de feito o 15 de xuño do mesmo ano atopamos de novo referencias na prensa, unha vez máis “La Voz de Galicia” recolle unha nota na que explica que a Xunta de Galicia indica a súa oposición ao cemiterio nuclear en Galicia, recorda ademais que a corporación municipal de Mondoñedo solicitara ese pronunciamento da Xunta a traveso dun acordo plenario.

Uns meses despois, en agosto, e coas augas ainda revoltas, foi o turno dos veciños. Tanto “El Progreso” como “La Voz de Galicia”, recollen nas súas páxinas do día 23 agosto, a convocatoria dunha movilización veciñal a favor da conservación do medio ambiente. Fora a “Asociación Leiras Pulpeiro” a que promovera a citada movilización para o día 27 de agosto de 1.994. Para conseguir o maior número de manifestantes, dende a Asoc. Leiras Pulpeiro convocaran a todos as asocacións mindonienses, así como tamén, as máis relevantes do resto de Galicia e do Occidente Astur. Dende os grupos políticos e as asociacións ecoloxistas esta cita contaba con todo o apoio, foi así a loita do pobo. A citada movilización sería encadrada dentro dos “Sábados de Vagar” que a “Asoc. Leiras Pulpeiro” levaba a cabo na cidade mindoniense.

Finalmente o 27 de agosto de 1.994, a tarde, partían dende a Alameda dos Remedios os autobuses cos asistentes a xuntanza na Fraga Vella, todos unidos baixo unha mesma pancarta “Non os Vertedeiros, Paraxe Natural”, asinada polas asociacións de Mondoñedo. Unha vez alí, os máis dun cento de persoas asistentes, farían un breve recorrido pola zona, ademais de recibir explicacións sobre as peculiaridades da flora e fauna existentes no paraxe. A xornada festivo – reivindicativa, finalizaría na Praza da Catedral coa lectura de tres manifestos, un por parte de Matías Rodríguez, presidente de Cedenat (grupo ecoloxista), outro Luís Fernández Ansedes, presidente a “Asoc. Leiras Pulpeiro” e por último Díaz Jácome, o daquela cronista da cidade de Mondoñedo.

Pasaron dende enton, case 19 anos, e queda patente que a loita de todo o pobo, veciños, asociacións e políticos foi efectiva.

Na actualidade, nos montes da Toxiza, aséntase un parque eólico, que a pesares do forte impacto visual, a enerxía que se obten do seu funcionamento está considerada como limpa.

En España, hoxe en día temos un cemiterio nuclear de residuos de baixa e media actividade, ubicado no pobo de “El Cabril” en Córdoba, do que se calcula ten capacidade ata preto do ano 2.030. Ademáis o 30 de decembro de 2.011, o Consello de Ministros aprobou unha resolución pola que foi seleccionado o municipio de “Villar de Cañas” en Cuenca, para albergar un futuro almacén centralizado de residuos de alta actividade de España.


Nota: Para a elaboración deste artigo, foron recollidos datos dos xornais “La Voz de Galicia” e “El Progreso” ademáis do suplemento “La Voz de Galicia, edicción A Mariña, Asturias”. Tamén inclúe datos fornecidos por Wikipedia.

@Candia_Marcos