Arquivos da etiqueta: Cemiterio Nuclear

A unión fai a forza

Corría o ano mil novecentos noventa e catro, cando comezabamos a escoitar os rumores, de algo, que na sociedade galega en xeral e na mindoniense en particular non gustaba nada.

O vintesete de maio dese ano, o xornal “La Voz de Galicia” traía ata a súa portada o seguinte titular “Buscan un sitio en Galicia para un cementerio nuclear”, a empresa Enresa (Empresa Nacional de Residuos Radioactivos), tiña entre as posibles localizacións para este cemiterio tres en Galicia, Cabo Fisterra, A Gudiña e a zona de A Fraga Vella, na Toxiza. 

Tan so un día despois, o mesmo xornal traía as súas páxinas interiores este outro titular “Fuertes críticas a la ubicación del cementerio nuclear en Mondoñedo”; a unión do pobo fronte este cemiterio era palpable, os grupos municipais e a veciñanza manifestaban a súa total oposición a posible ubicación do cemiterio nuclear, ademais os expertos desaconsellaban a instalación nesa zona, polo alto valor ecolóxico da mesma (hoxe a Fraga Vella atópase dentro do Lic “Serra do Xistral” correspondente a Rede Natura 2.000).

Era evidente que ninguén quería esta instalación preto de si, de feito o 15 de xuño do mesmo ano atopamos de novo referencias na prensa, unha vez máis “La Voz de Galicia” recolle unha nota na que explica que a Xunta de Galicia indica a súa oposición ao cemiterio nuclear en Galicia, recorda ademais que a corporación municipal de Mondoñedo solicitara ese pronunciamento da Xunta a traveso dun acordo plenario.

Uns meses despois, en agosto, e coas augas ainda revoltas, foi o turno dos veciños. Tanto “El Progreso” como “La Voz de Galicia”, recollen nas súas páxinas do día 23 agosto, a convocatoria dunha movilización veciñal a favor da conservación do medio ambiente. Fora a “Asociación Leiras Pulpeiro” a que promovera a citada movilización para o día 27 de agosto de 1.994. Para conseguir o maior número de manifestantes, dende a Asoc. Leiras Pulpeiro convocaran a todos as asocacións mindonienses, así como tamén, as máis relevantes do resto de Galicia e do Occidente Astur. Dende os grupos políticos e as asociacións ecoloxistas esta cita contaba con todo o apoio, foi así a loita do pobo. A citada movilización sería encadrada dentro dos “Sábados de Vagar” que a “Asoc. Leiras Pulpeiro” levaba a cabo na cidade mindoniense.

Finalmente o 27 de agosto de 1.994, a tarde, partían dende a Alameda dos Remedios os autobuses cos asistentes a xuntanza na Fraga Vella, todos unidos baixo unha mesma pancarta “Non os Vertedeiros, Paraxe Natural”, asinada polas asociacións de Mondoñedo. Unha vez alí, os máis dun cento de persoas asistentes, farían un breve recorrido pola zona, ademais de recibir explicacións sobre as peculiaridades da flora e fauna existentes no paraxe. A xornada festivo – reivindicativa, finalizaría na Praza da Catedral coa lectura de tres manifestos, un por parte de Matías Rodríguez, presidente de Cedenat (grupo ecoloxista), outro Luís Fernández Ansedes, presidente a “Asoc. Leiras Pulpeiro” e por último Díaz Jácome, o daquela cronista da cidade de Mondoñedo.

Pasaron dende enton, case 19 anos, e queda patente que a loita de todo o pobo, veciños, asociacións e políticos foi efectiva.

Na actualidade, nos montes da Toxiza, aséntase un parque eólico, que a pesares do forte impacto visual, a enerxía que se obten do seu funcionamento está considerada como limpa.

En España, hoxe en día temos un cemiterio nuclear de residuos de baixa e media actividade, ubicado no pobo de “El Cabril” en Córdoba, do que se calcula ten capacidade ata preto do ano 2.030. Ademáis o 30 de decembro de 2.011, o Consello de Ministros aprobou unha resolución pola que foi seleccionado o municipio de “Villar de Cañas” en Cuenca, para albergar un futuro almacén centralizado de residuos de alta actividade de España.


Nota: Para a elaboración deste artigo, foron recollidos datos dos xornais “La Voz de Galicia” e “El Progreso” ademáis do suplemento “La Voz de Galicia, edicción A Mariña, Asturias”. Tamén inclúe datos fornecidos por Wikipedia.

@Candia_Marcos