Arquivos da etiqueta: cine

Aprazamento xornadas de Curtas

Dende a Asociación Cultural o Pasatempo, chéganos unha nota de prensa, que a continuación vos facemos chegar. 

Dende a Asoc. Cultural O Pasatempo de Mondoñedo queremos informar do aplazamento da II Xornada de Curtametraxes que estaba prevista para os vindeiros días 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro. 
O motivo deste aplazamento é o falecemento do presidente da asociación, persoa moi querida por todos e polo que sentimos un gran pesar. Por respeto ó seu recordo decidimos aplazar tódolos actos previstos nas vindeiras semanas. Será preciso ademáis proceder a unha reestructuración de cargos directivos dentro de O Pasatempo. 
A segunda edición da Xornada de curtametraxes celebrarase nos vindeiros meses. Aínda non hai fixada unha data concreta pero informaremos puntualmente de tódalas novidades e horarios.
Marcos Candia
Cultura e Ocio © 2.014

II Xornada de curtametraxes en Mondoñedo

Por segunda vez a “Asoc. Cultural O Pasatempo”, vai organizar na nosa cidade, unhas xornadas de curtametraxes, a continuación reproducimos a nota de prensa que nos fan chegar sobre este evento: 

Na primeira fin de semana de febreiro (31 de xaneiro, 1 e 2 de febreiro), O Pasatempo celebrará a “II Xornada de curtametraxes O Pasatempo” para novos creadores, complementada cuns videos recopilatorios da cidade de Mondoñedo. Asistir a calquera destas proxeccións será gratuíto.

Por unha banda, ponse en marcha a “II Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” que se desenvolverá o sábado 1 de febreiro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo a partir das 7:30 da tarde. Nesta xornada proxectaranse varias curtametraxes, de entre 5 e 22 minutos, sobre diferentes temáticas. Os proxectos audiovisuais están realizados por Gaitafilmes e Producciones de fin de semana; xoves creadores de Mondoñedo, Meira e outros lugares de Galicia. Éste sábado poderase ver “Simón”, “O Paquete”, “A Porta” e “Dous días dicen”, obras de Gaitafilmes; o documental “XV Mercado medieval de Alfoz” de Producciones de fin de semana; e “Bos días” e “Sálvame!”. Cabe destacar a presenza de varios membros de Gaitafilmes, que farán unha breve charla das súas curtas  nesta II Xornada, asi como da primeira longametraxe “Dhogs” que están a preparar.

Complementando esta “II Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” e tamen no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo, o venres 31 de xaneiro ás 8 da tarde proxectarase o video “Calquera día en Mondoñedo…”parte 1, e o domingo 2 de febreiro ás 5 da tarde e ás 6:30 da tarde “Calquera día en Mondoñedo…”parte 2 e 3, videos de creación propia da Asociación Cultural O Pasatempo (autor: José Luis Fernández “Keno”) e no que se recompilan de forma moi amena diversos videos da historia mindoniense, principalmente da década dos ´90 e 2000, incluindo algún da decada dos ´50 recuperados do NODO.

Convidámolos a todos a achegarse e compartir con nós as actividades que O Pasatempo preparou para este primeiro fin de semana de febreiro.

+ INFORMACIÓN:

Simón (2007)

Sinopse: Simón é diferente ós demais, case non ten amigos e dende pequeno vive atemorizado. O seu avó sempre lle dicía: “algún día alguén virá… virá e levaravos a todos, tan só se salvará aquel que permaneza baixo a auga Simón, baixo a auga…”.

Produción: Andrés Goteira, Suso López e Adrián Folgueira.

Dirección: Andrés Goteira.

Premios: II Premio no Certame Audiovisual da Universidade de Vigo.

O Paquete (2009)

Sinopse: A comezos dos anos setenta, nunha pequena fronteira no medio de ningures, un rapaz portugués transporta día tras día un misterioso paquete cara o outro lado da fronteira.

Produción: Andrés Goteira, Suso López e Adrián Folgueira.

Dirección: Andrés Goteira.

Premios: Premio á mellor curta de ficción no festival CURTANAREDE’09. Nomeado a mellor dirección e mellor montaxe.

A Porta (2010)

Sinopse: No sepulcral silencio da madrugada escóitanse golpes na porta dunha casa illada, o medo, a preocupación e a intriga apodéranse do seu habitante mentres unha estraña visita o leva a unha desconcertante situación.

Produción: Andrés Goteira, Suso López, Laura Doval e Ana García.

Dirección: Andrés Goteira.

Premios: Premios á mellor curta, mellor curta en galego e mellor actor de ATODAMECHA en OFESTIVALON’10. Finalista no Liceo Casino Xacobeo’10 do Curtasfilmfest de Vilagarcía.

DOUS/DÍAS/DICEN (2010)

Sinopse: unha tenra e triste historia de amor que nos ensina que nunca é tarde para cumprir un soño.

Produción: Andrés Goteira, Adrián Folgueira e Laura Doval.

Dirección: Andrés Goteira.

Premios: gañador do Premio Lugo10 no I Concurso de Curtas e Maquetas da Fundación TIC.

XV MERCADO MEDIEVAL ALFOZ

Sinopse: Nun lugar chamado Alfoz, na terceira semana de Xullo, o Castro envolve coa súa maxia un exército de privilegiados. Veciños unidos por un soño: “Facernos ver cos ollos abertos aquelo que imaginamos con eles pechados…”

Produción: Producciones de fin de semana

Dirección: Miguel García Fernández e Álvaro Liste Fernández.

Imaxes aéreas: Garacopter

SÁLVAME!

Sinopse: Manuel é un home que ten dúas soidades. A soidade persoal e a soidade do artista (é un escritor mediocre). E, de repente, aparece ELA. “Sálvame!” non é unha historia de amor e desamor, son dúas historias de amor e desamor. A historia de un home e unha muller; e a dun escritor e o seu personaxe.

Produción: Jorge C. Dorado e Jesús DeLa Vega

Dirección: Javier Veiga.

BOS DÍAS

Sinopse: Ramón é un broker de bolsa moi particular ao que só o motivan dúas cousas, o sexo e os cartos.

Produción: Dani dela Torre.

Dirección: Dani dela Torre.

Premios: Premio ao mellor actor no festival de Cans (prov. Pontevedra, 2006). Premio á mellor curta en video na VIII Mostra de Curtas de Noia (2006).

Marcos Candia

Cultura e Ocio © 2.014

Mondoñedo remata o ano con cine e fotografía

Dende a Asociación Cultural o Pasatempo, fannos chegar unha nova nota de prensa, con novidades na exposición fotográfica sobre o fútbol en Mondoñedo e as últimas citas de curtas deste nadal. Reproducimos a continuación a nota íntegra:

A Asociación Cultural O Pasatempo de Mondoñedo prepara curtametraxes e fotografías para rematar o ano. Esta fin de semana, sábado e domingo haberá proxeccións na Casa da Cultura e o Auditorio Municipal e poderase visitar de novo a exposición sobre a historia do fútbol mindoniense en imaxes. 

Por unha banda, terá lugar a segunda sesión da “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” que se desenvolverá o domingo 30 de decembro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo a partir das 8 da tarde, con entrada de balde. Nesta xornada proxectaranse cinco curtametraxes de entre 5 e 20 minutos sobre diferentes temáticas, documentais e ficción: “Lugnasad. Unha noite máxica”, que fala da festa celta que cada ano se celebra en Bretoña (A Pastoriza); “Pantin Classic” mostra impresionantes imaxes dos surfeiros que cabalgan as olas da costa ferrolá; “Houston”, na que amizade, amor e  enfermidade, son os ingredientes necesarios da historia; “Sin Plomo”, fala de cinco personaxes que se ven envoltos nunha situación extrema tras o atraco a unha e finalmente “X nada”, o macabro xogo dun grupo de rapaces. 

Dentro desta “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” o sábado 29 de decembro producirase a gran estrea en Mondoñedo da curtametraxe “Mr Smith & Mrs Wesson”, dirixida por Alejandro Saavedra. A historia está protagonizada polos actores Octavi Pujades e Camila Bossa e conta ademais coa aparición doutras caras moi coñecidas do mundo audiovisual galego como Luis Iglesia ou María Mera. Acción e intriga garantizadas neste filme se poderá ver por primeira vez na comarca no Audiotorio de Mondoñedo ás 20:30, esta previsto que á estrea acuda algún dos actores. As entradas terán un prezo de 2 euros e poderán adquirirse ese mesmo día no auditorio ou anticipadamente nos bares ‘O Porriño’ e ‘O Rincón’ de Mondoñedo.

Por outra banda, O Pasatempo continúa botando a vista atrás no tempo para recoller a historia do fútbol en Mondoñedo a través de imaxes. A exposición “A Historia do Fútbol en Mondoñedo” poderase visitar na Casa da Cultura durante os días 29, 30 e 31 en horario de 11 a 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. Tamén se poderá visitar a vindeira fin de semana, 5 e 6 de xaneiro no mesmo horario. Como novidade, este domingo día 30 proxectarase ás 5 da tarde no mesmo local da exposición, na Casa da Cultura, un encontro celebrado no campo das Viñas da Veiga (Mondoñedo) o 1 de maio de 1991 que enfrontaba á Mindoniense co Xove-Lago. Tratábase da penúltima xornada de liga da Rexional Preferente e os dous equipos mariñanos xogábanse manter a posibilidade de ascenso á Terceira División. 

Ademais, na exposición hai quince novas fotografías que ó longo desta semana foron cedidas polos visitantes dos seus arquivos privados e que xa se engadiron á mostra polo que máis dun cento de imaxes retratan a paixón polo fútbol na cidade mindoniense, dende os anos vinte ata a actualidade. No primeiro momento recórdanse as formacións esporádicas dun equipo que participaba en festas e torneos e que chegou a converterse no clube de fútbol estable da actualidade, con categorías inferiores e participación na liga regular. Esta exposición pódese ver tamén de balde e permite facer un recorrido histórico por rostros coñecidos e recordos compartidos por todos, non só en Mondoñedo, senón no resto da Mariña. 

Convidámolos a todos a achegarse e compartir co Pasatempo as derradeiras actividades organizadas para despedir esta ano 2012.

Dende esta casa, “Cultura e Ocio”, queremos dar as grazas a Asociación Cultural o Pasatempo, por contar connosco para difundir todas e cada unha das súas actividades.

©Marcos Candia

Curtametraxes en Mondoñedo

Produccións “De Fin de Semana” e a Asociación Cultural “O Pasatempo” propóñennos unhas xornadas de lecer alternativas en Mondoñedo, mediante a proxección de curtametraxes durante este Nadal. 

As proxeccións serán emitidas no local socicultural da Asoc. Pasatempo (salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Mondoñedo) ás 20:00 h os días 23 e 30 do vindeiro mes de decembro, a entrada as mesmás será completamente gratuíta.

Ademáis destas proxeccións, o día 29, tamén de decembro, terá lugar o estreo da obra “Mr. Smith & Miss. Wesson”, que será proxectada no Auditorio Pascual Veiga desta cidade, cunha módica entrada de 2,00 €. Para adquirir a vosa entrada, tendes varias opcións, entre collela na propia taquilla do Auditorio, ata comprala o día 23 no local da asociación Pasatempo coincidindo coas proxeccións antes comentadas e por último tamén se poderán conseguir nos bares o Rincón de Mondoñedo e o Porriño.

Dende “Produccións fin de semana” e a “Asoc. Pasatempo”, animan a todos os mindonienses e visitantes a asistir a estas proxeccións, un plan perfecto para as frías e chuviosas noites de Nadal.

©Marcos Candia