Arquivos da etiqueta: Cronista

Entrevistamos a: Antonio Reigosa

Nado no lugar de Zoñán, ala polo verán de 1.958, este mindoniense ven de ser nomeado Cronista Oficial da Cidade de Mondoñedo.

Antonio Reigosa
(Foto de Clara Reigosa Lombao)

Amplamente coñecido pola súa faceta como escritor e investigador da mitoloxía popular galega e da literatura de tradición oral, Antonio Reigosa, é agora tamén cronista da cidade que o viu nacer.

Dende este blog, queremos coñecer de primeira man as súas impresións para este novo cargo que se achega a súa vida.

*¿Que supón para vostede este nomeamento?

Son consciente de que é unha honra coa que me agasalla a actual corporación municipal e que supón ao tempo unha gran responsabilidade. Honra polo significado e peso acumulado ao longo da historia  de Mondoñedo e por tantos persoeiros excepcionais que van asociados  a este topónimo. E unha responsabilidade tamén enorme porque na relación dos anteriores cronistas mindonienses hai nomes de tanto respecto e admiración para min como Eduardo Lence-Santar, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome e Francisco Mayán.

*¿Como espera axudar a Mondoñedo, dende o seu novo posto?

Estou disposto a axudar no que se me pida e no que, modestamente, poida aportar con algunha idea de utilidade. A miña función vai ser, ten que ser á forza, de colaboración. E, sobre todo, sempre co obxectivo de levar o nome, a excelencia e a historia de Mondoñedo ata onde nos sexa posible pregoala.

*¿Ten pensado xa, cal será a súa primeira afronta como cronista?

Non; no me deu tempo. O que si podo dicir é que fun convidado polo concello a participar no acto homenaxe a Álvaro Cunqueiro que con motivo do aniversario do seu pasamento se vai facer a finais de febreiro, e alí estarei, pero descoñezo se vai haber ou non algún acto anterior a esa data.

*É ben sabido que Mondoñedo é berce de moitos, e moi importantes persoeiros da vida diaria galega, dende escritores, a debuxantes, mestres, médicos, estudosos… ¿Ten pensado Antonio algún tipo de nexo para eles?

A ligazón entre tanta intelixencia privilexiada é xustamente Mondoñedo. Temos a sorte de que sexan moitos os nacidos ou formados en Mondoñedo que levan cuñado no máis íntimo da súa memoria esta denominación de orixe. Temos que presumir desta singularidade, darlle visibilidade, amosarnos fachendosos desa regalía que se nos fai. Gozar desta fortuna merece un compromiso colectivo.

*Tamén institucións, organizacións e grupos literarios, son comúns na cidade de Cunqueiro, ¿Traballara con eles nesta nova andaina?

Mondoñedo, a pesar de todo, está vivo. Hai dinamismo social e preocupación por mellorar e revirar a situación. Hai colectivos que traballan sen desánimo por cambiar as cousas. Hai iniciativas  moi lúcidas ás que só lles falta algo de sorte. Eu sempre procurei estar alí onde me consideren útil, aínda que traballo no campo da cultura e por tanto supoño que será neste eido onde poderei ser máis aproveitable.

*Por último cedemos a palabra, a quen dende agora é a voz da nosa Cidade, para fechar así esta entrevista.

Só podo reiterar o meu agradecemento a esta corporación municipal por crer que podo ser de axuda para Mondoñedo e que no meu ánimo está facer o posible por corresponder a esa confianza. A verdade é que tiñan moito onde escoller, afortunadamente. Hai polo menos media ducia de homes e mulleres mindonienses, ou algún máis, que merecerían por moi diferentes razóns ocupar este lugar. Tocoume a min e síntome moi afortunado, así que só podo devolver ese agarimo con traballo e ilusión.  Mondoñedo merece  que nos esforcemos polo que leva contribuído ao esplendor da lingua e cultura deste país. A memoria de M. Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga ou Álvaro Cunqueiro, por citar só tres das estrelas do noso paraíso patrio, ben merecen un puñado de entusiasmo de todas e todos os mindonienses.

Dende esta casa, so nos queda darlle as grazas a Antonio Reigosa pola súa colaboración e desexarlle toda a sorte do mundo neste novo reto.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015