Arquivos da etiqueta: Deporte

Fútbol solidario

Este próximo domingo, día 20, o Viñas da Veiga acollerá unha nova xornada de fútbol, para o equipo da cidade, o Mondoñedo FC enfróntase como local ao CD Xermade a partir das 16 h.

Nadal
Fútbol Solidario en Mondoñedo

Como xa é habitual a directiva do clube mindoniense organiza a súa tradicional “Xornada Solidaria“, que consiste no troque de alimentos non perecedoiros por entradas para este choque; así todos os afeccionados ao fútbol que desexen animar ao seu equipo no Viñas da Veiga, tan so terán que doar algún alimento destas características a cambio do acceso ao recinto deportivo. Todos os alimentos que o clube consiga recaudar serán doados a Cáritas Mondoñedo, que ano tras ano colabora neste bonita iniciativa.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

PRETEMPORADA DEPORTIVISTA EN MONDOÑEDO

O 24 de xullo de ano 1.985, os compoñentes do Dépor daquela época, comezaban o seu segundo “stage” de pretempada nas instalacións do Hotel Mirador de Mondoñedo, hoxe en ruínas.

Daban así comezo ao programa marcado polo técnico Jesús “TxuTxi” Aranguren Merino, en colaboración co preparador físico daquel entón, Gilabert, para a posta a punto do equipo con vistas a nova tempada.

DÉPOR EN MONDOÑEDO
Escadra deportivista da tempada 79/80, co laurentino Rego Rey.

Era a segunda vez na historia que o conxunto herculino preparaba a tempada nas instalacións do citado hotel mindoniense. A primeira, foi a correspondente a tempada 79/80, na que participaría Rego Rey, que xogou varios encontros na segunda división co cadro coruñés, e que co paso dos anos xogaría de forma moi destacada, en varios equipos da nosa provincia, na Terceira División. Destacaban nas formacións daquel Dépor, Paco Buyo, Pardo, o arxentino Piris, Cantudo, Alfonso Castro, Ballesta, Traba, José Luís Vara, Piña, Gallego, Pousada ou Albino. O máximo goleador do cadro naquela tempada, fora o dianteiro centro Traba, con 14 dianas. Fatídica tempada para o Dépor, e Celta de Vigo, na cal ambos cadros caerían a 2ª división B.

Pero centrámonos no ano 1.985, naquel entón o Dépor contaba con xogadores como Traba, Montes, Silvi, Agulló, Verón, Jorge, Donowa, Vicente Celeiro ou José Luís Vara. Ao remate desta tempada na 2ª división o Dépor acadaría a 6ª praza sendo o máximo artilleiro o chairego Vicente Celeiro con 11 tantos.

Os compoñentes daquel Dépor, durante a súa estadía en terras mindonienses, realizaban a parte táctica no municipal “Viñas da Veiga”, onde ademais xogaban encontros amigables coa S.D. Mindoniense dende o ano 1.972; a parte física era levada a cabo polos frondosos montes que rodean Tronceda e Estelo e a veira dos seus pastizais.

Aproveitando a pretempada, o cadro coruñes, tamén aproveitou para desputar o XVII Trofeo “Conde de Fontao” de Foz, sería o 28 de xullo, as seis e media da tarde, onde se enfrontarían o Dépor e o Sevilla, adestrada naquel entón por Manolo Cardo, que tamén se atopaba preparando a tempada en Galicia, concretamente en Ordes. A victoria do partido, sería para o cadro galego, por tres tanto a un, tantos de Camuel, Alfredo e Durán e o gol sevillista sería para Francisco. O árbitro daquela contenda, un famoso galego García de Loza.

Coa colaboración especial de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015

Entrevistamos a Hermelino, técnico do Mondoñedo FC

O Mondoñedo FC está en período vacacional, pero dende Cultura e Ocio, temos a honra de poder ofrecervos unha entrevista con Hermelino; míster do Mondoñedo a pasada campaña, un dos artífices do ascenso, e xa confirmado, técnico do próximo curso na 2ª rexional.

Temos con nos a Hermelino. Adestrador do Mondoñedo FC nesta importante tempada que marcou o ascenso do clube a 2ª rexional. Hermelino, ¿Cal cree que foi o factor máis importante para conquerir este ascenso?

Para min houbo dous factores importantes: por un lado a gran plantilla que xuntamos e por outro a gran competitividade dos xogadores á que os levaron as ansias de ascender

Durante a pasada Liga o Mondoñedo conseguiu un grandes rexistros, partidos invictos de forma continuada, máximo goleador da categoría, dos menos goleados, pero ao final, despois de toda unha Liga, a primeira praza perdeuse, ¿Cree que o equipo se relaxou no último tramo, viu perigar o ascenso direto?

A tensión acumulada durante tantas xornadas como líderes fixo que no momento en que o equipo tiña conquerido o ascenso se relaxara, xa non existia esa competitividade da que falabamos antes. Quería rematar primeiro pero sin realizar un gran esforzo final. O oxectivo marcado estaba cumprido

O Mondoñedo fixo grandes partidos, e outros non tan bos, se tivera que quedarse cun de cada, ¿Cal sería para vostede o mellor partido, e o peor?

A verdade é que fixemos bastantes partidos bos ao longo da tempada. En Abadin, contra o S.Román, Celta Barreiros na casa, Codesido, e como malos sigo quedándome cos de Pol e Barreiros fora, máis que nada porque non competimos. Sin embargo o que máis me disgustou foi o de Roupar

Para rematar coa pasada campaña, cal sería, según Hermelino, ¿o momento máis destacado da mesma?

Non cabe dúbida que o partido contra o S. Roman en Rua. Partido moi difícil polo que nos xogabamos os dous e que sacamos adiante con personalidade e sabendo sempre o que queriamos

Para este novo curso, o Mondoñedo militará na 2ª rexional, e dende a web amiga Futbol_Lucense, anuncian que Hermelino seguirá a fronte da parte técnica do clube. ¿Foi fácil tomar esta decisión? ¿Qué factores influiron para elo?

Bueno eu xa adiantara que non me importaría seguir no equipo, non so dirixindoo, senón continuando a labor que empezamos (co meu gran colaborador Diego Carro) coas categorías inferiores: prebenxamins, benxamíns e alevins, porque é un traballo moi gratificante e penso que a tempada foi moi boa e recompensounos o esforzo

De cara a este novo curso, ¿Temos algunha novidade xa no plantel, altas ou baixas?

De cara a vindeira tempada temos duas baixas coas que non contaba e si, posiblemente teremos outras tres mais que si xa estaban decididas prácticamente. No capitulo de incorporacións de momento non hai nada seguro. Estamos tratando a incorporación dun porteiro, un defensa, un/dous centrocampistas, pero de momento non están confirmadas

O clube atópase agora mesmo en etapa vacacional, ¿Cando preven comezar coa preparación da nova tempada? ¿Fecharon algún amigable?

A tempada comenzarémola, en principio, o 29 de xullo e no tocante a partidos amigables gustariame facer 5 ou 6, ainda que de momento so temos confirmado un co Muimenta o 3 de agosto, pero vamos, os equipos están de vacacións e faise difícil contactar con eles

Será unha Segunda Rexional con moitos equipos fortes e importantes, entre eles, por suposto o Mondoñedo, pero tamén Valadouro ou Foz. ¿Como ve Hermelino este reto da 2ª rexional, rivais, campos? ¿Cal é o obxetivo do clube?

A priori a competición preséntase apaixoante. O nivel é dunha 1ª rexional de fai algúns anos. Prácticamente teremos moitos derbis, S.Ciprian, S.Román, Cervo (se non se salva) Foz, Valadouro, Riotorto, en fin, unha dura e bonita competición. Nesta nova andaina pola Segunda o obxectivo do equipo vai ser o mismo que o das tempadas anteriores: Disfrutar xogando (e traballando forte, por suposto) pasalo o mellor posible e tentando consolidarnos na división, ainda que non deixamos de recoñecer que o noso potencial económico é moi, moi inferior ao doutros equipos, xa que nos non temos axuda de ningunha institución ou a que temos e insignificante

Voltamos por un intre a finiquitada campaña, a Copa Diputación e a fase de ascenso a 2ª rexional. En canto a Copa, o Mondoñedo caeu na 1ª ronda fronte ao Iberia, nunha eliminatoria que se foi en 45 minutos. ¿Que lle ocorreu ao Mondoñedo no segundo tempo do partido de volta? E da fase de ascenso a 2ª, o partido final, San Román – Abadín, e sabedores de que Hermelino foi míster dos últimos, ¿Como viviu esta eliminatoria? ¿Esperaba outro resultado?

No que respecta á eliminatoria da Copa co Iberia, pecamos un pouco de “pardillos”. No primeiro partido en Mondoñedo gañamos por un a cero, pero tivemos ocasións para levar un millor resultado e ao final tamen poideron empatar na única ocasión que tivo o Iberia. No partido de volta, no Pepe Barrera, tivemos dúas ocasións e marcamos poñéndonos por diante 2-0 aos 25´. Antes do descanso nunha xogada por banda aparentemente sen perigro cometimos un penalti que xupouxo o 2-1 e deulle vida ao Iberia. No descanso a eliminatoria estaba 3-1 a noso favor e con dous goles marcados en campo rival. Pese as advertencias feitas aos xogadores no vestiario fixeron un repliegue intensivo que o unico que provocou foi que xogaramos case todo o partido no noso campo e iso tendo en conta a experiencia do rival era mortal de necesidade como ao final nos pasou. Ao peor, eu persoalmente, non estivera tampouco moi lúcido cometendo algúns erros na alineación. De todolos xeitos estou orgulloso dos meus xogadores porque xogaron dous grandes partidos contra un grandisimo e experimentado rival. No que se refiere á eliminatoria polo ascenso entre o Abadin e S.Román, sempre pensei que as forzas estaban moi igualadas ou lixeiramente favorables ao S.Roman ao ter o partido de volta en Rua. E asi foi. Ao meu entender o Abadin no primeiro partido estivo bastante temeroso, sen arriscar, deixando xogar moi cómodo atrás ao S.Román, e asi en dous erros defensivos marcaron dous goles e ainda que o Abadin marcou un para darlle vida a eliminatoria era un mal resultado para o partido de volta, pero calqueira dos dous equipos penso que fixo méritos suficientes para ascender.

Queremos fechar esta entrevista, dándolle a palabra a Hermelino, asique, seu é este espazo para comentarnos o que queira

Bueno ainque da xa falta menos para que empece a nova tempada do tempo que pasou do remate da anterior, gustariame agradecerlle á afección de Mondoñedo o comportamente que tivo para co equipo ao longo da tempada, directivos e xogadores o traballo desinteresado, sacrificado e abnegado de todos eles co que contribuiron a consecución das metas propostas ao principio da tempada. Gracias tamén a Andres Garcia Doural e a Marcos Candia, que durante toda a tempada seguiron o equipo informando semanalmente do traballo feito e resultado dos partidos facendo moito máis amena a tempada tanto para os afeccionados como para os propios xogadores que se vian reflejados nos seus blogs e seguidos por moitos blogueros.

Grazas e unha forte aperta.

Dende esta casa “Cultura e Ocio”, queremos agradecer a colaboración prestada por Hermelino durante toda a campaña, non so nesta entrevista, se non tamén en todas e cada unha das previas, e nos partidos, facilitando ao máximo o traballo do blogue para a confección das crónicas.

Emprazamos xa a todos os nosos lectores, a esta apaixoante tempada na 2ª rexional, na que como vedes, dende o Mondoñedo FC xa se comezou a traballar.

©Marcos_Candia