Arquivos da etiqueta: Doutorado

Entrevistamos a: Lucas Piñeiro Maseda

045248fSeguimos adiante coa nosa sección “Entrevistas”, e desta volta falamos con Lucas Piñeiro Maseda, mindoniense, de 29 anos, que recentemente ven de acadar a nota “Sobresaínte Cum Laude”, na súa tese doutoral; pero ademáis diso, Lucas conta no seu haber cunha enxeñería técnica en química industrial, licenciatura en química, máster en ciencia e tecnoloxía de coloides e interfases e doutorado en química física.

1ª _ Para obter semellante currículo é de supoñer un gran esforzo, Lucas ¿Qué o levou a escoller a ciencia para o seu aprendizaxe?

Eu creo que para calquera tarefa que teñamos como obxectivo na nosa vida necesitamos esforzo e constancia. A razón de elixir ciencia entre todas as ramas do coñecemento non creo que se centre nunha soa senón en un conxunto delas como son a formación que obtiven tanto no colexio Álvaro Cunqueiro ou o Instituto San Rosendo (e ós compañeiros de clase, qué bos momentos, qué boas lembranzas!), a miña forma de pensar que me axudou a entender máis facilmente as ciencias, e en xeral as gañas de saber o porqué das cousas. Aínda así con todo o dito anteriormente penso que escoller ciencia foi en parte fortuíto (non sei canto) xa que o que realmente, como acabo de indicar,  me interesa é o coñecemento independente do campo que se trate.

Como anécdota podo contar o porque das titulacións que quixen facer: matriculeime na enxeñaría en Lugo gracias a un profesor que veu dar unha charla de orientación ó instituto (despois de tantos anos non fun capaz de saber quen foi) que me deixou profundamente convencido que quería ir a Lugo a facer aquela titulación. Carreira que me trouxo moitas alegrías sobre todo persoais gracias ós moi bos compañeiros que tiven alí. A elección de química foi moi curiosa: na clase de francés pedíronos que dixeramos que profesión queríamos ser de maiores, e recordo que o primeiro que aparecía no libro que tiña aberto era químico e así o dixen. Dende aquela, e por motivos que descoñezo empecei a interesarme, a ler sobre química ata que puiden facela. Ata mesmo o doutorado ten unha razón: unha charla dun investigador de ordenadores cuánticos, non sei o porqué pero sei que dende ese momento a idea de facer unha tese volveuse máis clara.

2ª _ Este “Sobresaínte Cum Laude” é a máxima nota que se pode acadar, ¿Qué significa para vostede e o seu futuro profesional?

Está moi ben e estou moi contento de habela obtido pero creo que é unha nota para dicirche moi ben pero non te durmas, debes seguir pelexando para seguir adiante. E iso é o que quero seguir facendo. O futuro profesional como investigador non é moi sinxelo: o seguinte sería unha estancia postdoutoral no estranxeiro. Tendo en conta a situación actual en Europa, onde o financiamento para estancias fóra é moi complexo, tocará facer algún cambio de orientación. Seguirei aprendendo (idiomas, programación Python, Raspberry Pi,…) e mandando CVs a empresas para así poder atopar traballo. Despois de un tempo (sobre todo os últimos anos de tese) onde se traballou arreo nun mesmo tema, aproveitar ese ritmo de traballo para seguir con cousas novas.

3ª _ Mondoñedo é unha terra próspera en grandes ilustres, agora entre eles Lucas Piñeiro Maseda, con tan so 29 anos; ¿Qué significado ten para vostede ser mindoniense, e por méritos máis que sobrados, entrar a formar parte dos nomes propios da cidade?

Moitas gracias polas fermosas palabras que me dis. Tendo en conta a grande historia e presente de Mondoñedo, debo dicirche que non son ilustre. Mondoñedo conta con persoas de gran calado persoal e intelectual. Eu son un mindoniense que se foi a Lugo a estudiar química por vocación e agora volta para Mondoñedo con máis gañas se cabe de seguir traballando e esforzarse en todos os proxectos que viran de agora en diante. Mindoniense para min é todo: Nacín aquí, vivín aquí anos fantásticos con xente fantástica. Agora volvo para seguir desfrutando da nosa marabillosa cidade.

4ª _ Para o futuro cercano, ou non tanto, ¿Cales son os proxectos que ten en mente?

Como dixen na primeira pregunta, seguir facendo cousas e sobre todo aprendendo novas. Non quero deixar abandonada a ciencia, agora centrareime en atopar traballo e conxuntamente dedicar tempo a actividades que me gustan pero que debido ó alto requirimento de tempo que implicaba a tese, non puiden facer. E por suposto desfrutar de Mondoñedo.

Dende Cultura e Ocio, queremos dar as gracias a Lucas, pola súa deferencia cara este medio, por concedernos a entrevista, e pola súa disposición dende o primeiro minuto a mesma. Deste xeito, dámoslle a palabra para que feche a mesma.

Primeiro agradecer a Marcos pola súa entrevista. Mentres respondo a estas preguntas lémbrome das aventuras dos anos que compartimos aula. Grandes momentos para non esquecer.
Aproveito para dar as gracias a todos os meus compañeiros de clase durante todos os meus estudios. Gracias a todos (amigos e familia) pola vosa axuda e compresión nestes anos: por axudarme a saír dos malos días e aguantar a miña tontería nos días tontos que tiven uns poucos.
Bicos e Apertas para todos.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.015