Arquivos da etiqueta: Grupo Literario Leiras Pulpeiro

O Grupo Literario Leiras Pulpeiro chega a Lugo

Trala súa presentación en Mondoñedo, o pasado 28 de febreiro, o “Grupo Literario Leiras Pulpeiro”, presentarase na capital de provincia o próximo venres 14; o acto terá lugar no Refectorio do Museo Provincial de Lugo as 20:00 h. 

Tendes toda a información do mesmo na seguinte imaxe cortesía do grupo.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014

Presentación do “Grupo Literario Leiras Pulpeiro”

O vindeiro venres día 28 as 20:00 h, no salón de actos, sito na Casa da Xuventude de Mondoñedo, terá lugar a presentación en sociedade do “Grupo Literario Leiras Pulpeiro”. 

Intervirá na mesma Xusto Fernández Haro, Concellal de de Cultura do Concello de Mondoñedo, ademáis de Julia María Labrador Ben e Fran Bouso, coordinadores do grupo literario. Falará tamén Ramón Reimunde Noreña, biógrafo de Leiras Pulpeiro. Por último o acto, contará coas actuacións musicais de César Morán (voz e guitarra) con Rebeca Maseda (violín) que tocarán os poemas musicados de Leiras por César Morán, e finalmente será a Coral Mestre Pacheco a que ofrecerá ao público os poemas de Leiras musicados por Xan Carballal.

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014

MONDOÑEDO NON É UNHA ILLA

O Grupo Literario Leiras Pulpeiro, ven de asinar o pasado día 28 un manifesto, con motivo da apertura da Autovía A-8 “Transcantábrica” ao seu “paso” por Mondoñedo, que a continuación damos a coñecer aos nosos lectores, e ao cal nos sumamos, co permiso dos membros do grupo:

MONDOÑEDO NON É UNHA ILLA
1º Manifesto do Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”: Sobre os accesos desde a Autovía do Cantábrico

Todas as persoas que formamos parte do Grupo Literario “Leiras Pulpeiro” temos como referente humano ao médico, poeta, político e humanista Manuel Leiras Pulpeiro. Del aprendemos sobre todo que o interese xeral está sempre por riba de calquera comenencia particular ou partidista. E ademais, todas e todos nós temos querenza como lugar afectivo e da memoria polos valores culturais herdados dos homes e mulleres que ao longo da historia deron brillo e resplandor a Mondoñedo. Somos conscientes de que a simple alusión a un pasado glorioso non abonda, senón que nos obriga a velar porque o prestixio herdado non se esvaeza e a traballar para que o presente e o futuro de Mondoñedo e das súas xentes acrecente e consolide un ben patrimonial que, sendo local, tamén é universal e debemos compartilo co resto do mundo.

Os que participamos deste proxecto, fose por nacemento ou por simpatía, sabemos que, como amosan os indicadores de todo tipo, o Mondoñedo do presente vive unha situación difícil, por múltiples e moi variadas causas, pero que afecta gravemente tanto ao benestar das persoas como ao propio creto da cidade, o que supón limitar de xeito importante as súas posibilidades de futuro.

Por iso, como colectivo e individualmente, manifestamos a nosa vontade de non manternos alleos a acontecementos, circunstancias, situacións ou decisións que ao noso entender poidan repercutir negativamente no devir mindoniense, como está sucedendo na actualidade como consecuencia da apertura da Autovía do Cantábrico. Unha vía moderna e de alta capacidade que permitiría, potencialmente, que moitas persoas atraídas pola historia mindoniense fosen e viñesen en poucas horas desde Lisboa, París, Barcelona, Donosti, Porto, Vigo, Santiago, Lugo ou A Coruña ata a nosa cidade. Porén, esta autovía circunvala Mondoñedo como se Mondoñedo fose unha illa.

Desde a Xesta, Lindín ou Arroxo, os tres puntos da enlace da autovía coa cidade, Mondoñedo parece unha illa afastada da costa do futuro. As estradas actuais están en malas ou, como é o caso da que parte de Lindín (lugar de orixe do pai de Leiras), en moi malas, pésimas condicións.

Como polo de agora non hai, que se saiba, ningún proxecto concreto e con garantías para atender este grave problema, máis alá de suposicións mediáticas alentadas por intereses partidistas, nós reclamamos unha solución inmediata e de calidade a este problema.

Mondoñedo non é nin quere ser unha illa, como reflicte a súa historia, senón parte dun valioso continente a visitar. Os que teñan a obriga de darlle solución e esperanza aos mindonienses non deben permanecer indiferentes ante esta xusta petición. Se o fan e un día a “auga” que nace da fonte dese seu abandono chega a asolagar a memoria nosa ou afoga o noso futuro, eles serán os únicos culpables.

Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”
Mondoñedo, 28 de xaneiro de 2014

Marcos Candia

Cultura e Ocio © 2.014

Luís González Blasco “Foz”, novo membro de Grupo Literario Leiras Pulpeiro

Na tarde de onte, arredor das 17 h, tivo lugar no cemiterio vello de Mondoñedo, e diante da tumba de Leiras Pulpeiro, o nomeamento de Luís González Blasco, coñecido popularmente como “Foz”, como integrante do Grupo Literario Leiras Pulpeiro, que conta xa nas suas filas con 27 compoñentes, amais de 9 en camiño. O mesmo asinou e confirmou a súa entrada neste grupo, sobre os restos do médico e poeta mindoniense. Un acto que rematou co aplauso e en hora boa do resto de membros alí presentes.

Logo deste acto no cemiterio mindoniense, os membros do grupo, e outros moitos chegados namentras a cidade episcopal, xuntáronse na sala de exposicións da Biblioteca municipal, para falar desta nova incorporación, oir as súas verbas e departir sobre o presente e futuro deste importante grupo literario e dos actos actos que desenrolaran no futuro.

Dende Cultura e Ocio queremos rematar este artigo cunha frase que resume o noso sentir:

D. Manuel Leiras Pulpeiro, foi un home, un home que practicou o ben, e grazas a el, hoxe e moitas outras veces, na súa cidade natal, xuntáronse, e xuntaranse, outros homes e mulleres, que fan o ben, e gostan de recordar, a quen como eles, tamén o fixo. Grazas por iso.

Marcos Candia

Cultura e Ocio © 2.013