Arquivos da etiqueta: Nadal

Mensaxe de Nadal 2.012

2.012 está a piques de rematar. É o primeiro Nadal de “Cultura e Ocio” na rede, e con tal motivo, estreamos a “Mensaxe de Nadal”. Nesta entrada pretendemos dar palabra, neste blog, a unha firma convidada. Naide mellor para iniciar esta sección que o noso amigo, e moitas veces colaborador, Armando Requeixo, a par, por suposto, de gran mindoniense.

Sen máis velaquí o texto, que agarimosamente, Armando, adica a todos vos, os lectores deste blog:

Benquerid@s mindonienses e galeg@s de ben:

Este ano que vai deixándonos é xa un vello cangado que leva ao lombo gran e xoio a partes desiguais. Para os que sentimos nosos os reveses laborais dos valibrenses, o ancián marcha deixando espiñada a pel e son tan fondas as súas feridas que só a nosa incombustible esperanza e capacidade de superación ha servirnos de árnica posible.

Doutra parte, este ano foi tamén memorable porque, como pobo, soubemos lembrar como cumpría a un benamado devanceiro: don Manuel Leiras Pulpeiro, quen nos ensinou que a cunquiña deleitosa na que nos fatigamos e soñamos ben pode, con san orgullo, prezarse de ser e estar no mundo, como seguro que o seguirá sendo e estando na voz dos que, coma el, foron guieiros de bonhomía e luceiros da palabra.

Dende esta admirable casa de Cultura e Ocio á que o meu benquerido Marcos Candia Cuba me convida, non quero deixar pasar a ocasión de desexarvos a tod@s un vindeiro 2013 farto de bondades, un tempo que sexa quen de axotar os males pasados e traia da man loairas infindas que nos devolvan a ledicia e a ilusión.

Como non podia ser doutro xeito, facemos nosas as verbas de Armando e desexamosvos a todos unhas felices festas de Nadal así como un ventureiro ano 2.013. Saúdos e saúde amigos.

© Marcos Candia

A ACIA de Mondoñedo presenta a súa campaña de Nadal

Un ano máis chegan as datas de Nadal e a ACIA mindoniense ofrece descontos e sorteos aos seus clientes.

Durante estas datas de Nadal, nos locais asociados, e tras as nosas compras, teremos ao noso dispor unhas rifas para o sorteo de 1.500 € repartidos en 15 vales de 100,00 €, dito sorteo celebrarase o vindeiro 12 de xaneiro na Praza da Catedral.

Pero ademáis deste sorteo, a ACIA local tamén quere mostrar o seu apoio ao tod@s os desempregados mindonienses, que cada día, desafortunadamente, somos máis. Farao con descontos e ofertas especiais, para todos aqueles que nos acheguemos aos locais asociados co noso D.N.I. e o cartón do paro.

©Marcos Candia

A Asoc. Cultural o Pasatempo ameniza o nadal

O Nadal en Mondoñedo preséntase cheo de actividadades ofrecidas pola Asoc. Cultural o Pasatempo.

Por un lado as I Xornadas de Curtametraxes e por outro unha exposición fotográfica que repasará a historia do fútbol na cidade episcopal. Das xornadas de cine xa vos falamos nesta entrada, pero agora ampliamos toda a información, coa sinopsis das curtas que se proxectarán, co cartel do evento e tamén con toda a información da exposición futbolística da Casa da Cultura. No seguinte documento en PDF que ademáis podedes descargar para o voso use e desfrute, tendes toda a info dos eventos. Axuntamos tamén os carteis respectivos que podedes ver a maior tamaño se facedes click neles.

Actividades de nadal Asoc. Cultural o Pasatempo. Mondoñedo

©Marcos Candia