Arquivos da etiqueta: Os Pacheco

Imaxes cedidas: “Os Pacheco”

No ano 1.907, na nosa cidade, formáronse dous excelentes cuartetos típicos do país, “Os Veiga” e “Os Pacheco”. A imaxen do cuarteto “Os Pacheco” de Mondoñedo, que acompaña estas liñas, na súa segunda etapa, foi captada polo fotógrafo mindoniense D. Rodolfo Gacio. (Podes ver a imaxe a maior tamaña facendo click enriba dela).

Na imaxe podemos recoñecer a: D. José Castañeda Jurado, director (1), a D. Baldomero García Río, clarinete (2), a D. Enrique Iglesias Díaz “das Danielas”, gaita (3), a D. Elias Alfredo Romero Rivas, Caixa (4), e a D. Ricardo Veiga González, bombo (5).

(1). D. José Castañeda Jurado, naceu en Mahón (Menorca). Fillo dun oficial de carabineiros, natural de Cartaxena. A idade de catro anos, a súa familia fixo a súa residencia en Mondoñedo. Con 17 anos de idade, dirixe unha banda de música en Ferreira do Valadouro. Foi o fundador do Orfeón Veiga. Dirixe varias comparsas e rondallas. Chegou a traballar na imprenta Mancebo e máis tarde na de Acción Social. Sorpréndeo a norte con 43 anos de idade no seu domicilio da rúa Rigueira de Mondoñedo.

(2). D. Baldomero García Río, naceu o 15 de decembro de 1.886. Era fillo de José García Maseda, natural de Pausalido e de Antonio Río Amezega, natural do Coto de Otero. Tocou a trompa na capela de música da Catedral de Mondoñedo, entre os anos 1.904 e 1.913. Casou o 1 de abril de 1.911, con Ramona Losada Fernández.

(3). D. Enrique Iglesias Díaz, foi neno de coro da Catedral de Mondoñedo entre os anos 1.900 e 1.908; tocou na capela de música da catedral o violín, entre 1.900 e 1.920; ocupou o posto de contraalto, entre 1.911 e 1.929, e o de tenor en 1.920. Tocou durante moitos anos o clarinete na Banda Municipal de música. No ano 1.934, xunto con “O Gaspar” fundou a rondalla “Os Veiga”. Falece en Mondoñedo o 30 de maio de 1.941, aos 52 anos de idade.

(4). D. Elías Alfredo Romero Rivas, naceu o 26 de novembro de 1.892. Era fillo de D. Camilo Romero Domínguez, tenente retirado, natura de Rivas de Louro (Pontevedra) e de Dna. Josefa Rivas García, natural do barrio dos Muiños de Arriba. Casou no Santuario dos Remedios o 3 de xullo de 1.920 con Asunción Polo Basanta.

(5). D. Ricardo Veiga González, tamén coñecido polo álcume de “O Bodego”, naceu o 15 de setembro de 1.893. Era fillo de José Antonio Veiga, caixista e encargado da imprenta Candia da rúa Febrero de Mondoñedo e de Severina González Bolaño, vecinos do Barrio das Casas Novas. Casou o 10 de novembro de 1.917 con María Paz Otero.

 Na primeira etapa, deste famoso cuarteto mindoniense, tamén formou parte dunha forma moi destacada D. Augusto Insua Amieiro, coa súa preciosa gaita de prata.

Coa colaboración especial de Andrés García Doural

Marcos Candia – Cultura e Ocio © 2.014