Arquivos da etiqueta: Zalo

Mensaxe de Nadal 2.013


Un ano máis, este blog, quere abrir as súas portas a un mindoniense, ou persoa especialmente ligada coa nosa cidade, para que despida o ano,e de a mellor entrada ao novo, dende esta casa. Se no Nadal de 2.012 foi Armando Requeixo, con esta fermosa carta, neste 2.013 que está a piques de rematar, convidamos a un dos mindonienses, que por motivos da vida, está máis lonxe da súa cidade, falamos de Zalo, que dende México, se prestou, dende o primeiro momento, a colaborar con  nos, enviándonos unhas fermosas liñas que a continuación reproducimos para todos vos:

“Queridos conveciñ@s mindonienses, teño o pracer de felicitarvos estas entrañables festas dende esta páxina gracias ao amigo Marcos que se lembrou de min para tal fin.

En primeiro lugar quero lembrarme de todos os mindonienses que, como no meu caso, nos atopamos na diáspora, e non imos poder celebrar estas datas con todos vos, a todos eles lles desexo un mais que feliz Nadal aló onde se atopen, e que prontiño podan voltar coas súas familias a nosa cidade das mil primaveras.

Este ano que agora remata, comezou para min coa peor das novas, pois apenas o día seguinte de comezar, pasei a formar parte de esa lista negra de mindonienses sen traballo, una lista que desexo, de todo corazón, que se vaia acurtando para o ano entrante, sei de sobra, que moitas familias do noso concello o están a pasar moi mal por este motivo, e dende aquí lles mando toda a miña solidaridade e bos desexos como que o 2014 lles traia a ledicia de un traballo co que sustentarse.

Pero o velliño ano que nos deixa, nos obsequiou con algunha que outra ledicia, e iso é o que temos que lembrar.

A mediados da primavera o noso equipo de fútbol, Mondoñedo F.C. acadaba un ascenso de categoría, tras una impresionante tempada que de un xeito impecable nos narraba domingo a domingo o amigo Marcos Candia dende este pequeno espazo.

Pero ahí non quedaban todo-los éxitos mindonienses, a nosa conveciña Eva Vázquez, conquería unha beca da fundación Amancio Ortega para ir a estudar a Canadá tras ser seleccionada entre mais de cen aspirantes; Case que o mesmo tempo, outra brilante mindoniense, Xana Rodríguez, acadaba varios títalos a nivel galego en un deporte pouco arraigado na nosa cidade dende as mellores épocas do clube Santa Catalina, como é o atletismo.

Meses mais tarde, Mondoñedo recibía a gratísima nova de que un dos seus fillos predilectos, Don Miguel Cabanela, había sido o elixido para intervir quirúrxicamente ao monarca español Juan Carlos I, esta nova fixo que o nome de Mondoñedo retumbase con forza durante varias semáns por todo o mundo. 

Tamén quero subliñar o recoñecemento da nosa cidade a figura das grandes mulleres mindonienses, outorgándolle a honra de pregoar as festas a Carmen Rodríguez Lage (As Quendas), e a María Isabel Pernas Martínez (As San Lucas) e ao mesmo tempo homenaxear as mulleres da familia “Chaparrita” concedéndolles o títalo de Sanluqueiras 2013.

Con estas lembranzas do bo que nos deixa este ano, quérovos mandar unha mensaxe de esperanza para o ano 2014, de que Mondoñedo segue moi vivo a pesares dos acontecementos negativos que nos están a xurdir día a día a nivel nacional e que de un ou outro xeito afectan a nosa cidade.

Amigos e amigas mindonienses, agora mais que nunca, Mondoñedo ten que permanecer unido e tirar todos, (políticos, deportistas, parados, traballadores, empresarios, autónomos e demais mindonienses) na mesma dirección sen importar as cores ou ideoloxías políticas que teñamos, por enriba de todo ten que estar a nosa cidade e calquera evento ou idea que xurda na cabeza de algún veciño noso, apoialo coa vosa presenza ou verbas favorables, soamente de este xeito sairemos adiante, moito ánimo a todos e, dende a distancia vos desexo un feliz Nadal e un boísimo 2014, ao que o único que lle pido para min, é poder voltar, aínda que so sexa por uns días, a cidade que me veu nacer e da que me sinto moi orgulloso aló por onde me atope.

Gracias tamén, ao amigo Marcos Candia, que está a facer unha grande laboura con esta grandísima web que é Cultura e Ocio, difundindo con artigos e imaxes o acontecer diario mindoniense, por lembrarse de min para adicarvos estas verbas.

¡¡¡ Bo Nadal e mellor aninovo a tod@-l@s mindonienses !!!”

Con estas fermosas liñas do noso querido amigo Zalo, chegadas dende o lonxano México, desexámosvos a todos un moi bo Nadal, e un feliz ano 2.014 que está a volta da esquina. Unha vez máis, grazas a Zalo por colaborar co blog e deleitarnos con tan fermosas palabras.

Marcos_Candia

Cultura e Ocio © 2.013